Crusat & Costas: Loxarel Vintage 2013 – Brut Nature

Crusat e Costas en Vide Vide! Foto: Iván Barreiro

Un brinde pola identidade

Por Lorena Costas

Xa estamos rematando o Nadal, rapaces! E claro, un Nadal sen burbullas... non é o mesmo. Posiblemente vos esperedes que falemos dun escumoso galego, porque temos xa uns cantos no mercado, e ben bos, pero como somos así de imprevisibles e nos gusta sorprendervos, imos falar dun escumoso catalán. E por que? Pois porque cando falamos de escumoso catalán todos temos a mesma palabra na cabeza: “Cava”. Pois non, non todo o escumoso catalán é cava. E sabiades que o cava tamén se elabora noutras zonas fóra de Cataluña? Pois así é; en nada menos que 180 municipios de España!

Así que desta vez decidimos falar dun escumoso elaborado baixo a D.O. Penedés, Classic Penedés.

A adega que nos ocupa, Loxarel, é unha adega de tradición familiar, que cultiva as viñas desde hai cinco xeracións, pero non foi ata relativamente ben pouco cando Josep Mitjans lle propuxo ao seu pai facer 1000 botellas de cava para a familia. Na actualidade traballan en ecolóxico e biodinámico, e si, seguro que lestes de novo a palabra “cava”, pero é que fai sete anos que Loxarel decidiu abandonar o Consello Regulador Cava e pasarse á D.O. Penedés. Nesta D.O., todos os produtores deben ter certificado ecolóxico , e ademais só se pode facer Classic Penedés nese territorio, a diferenza do que acontece co cava.

O método de elaboración é o mesmo nos dous casos, e sobre el vos falará o meu compañeiro Crusat, que de escumosos sabe un tanto!

Pero imos falar do viño, non?

Este Loxarel Vintage 2013 está elaborado con Xarel.lo , Macabeu e Chardonnay, uvas moi empregadas na elaboración de escumosos e das que tamén vos falará un chisquiño Crusat. Trátase dun escumoso de cor amarela clara, con toque dourados, de burbulla moi potente cando se bota na copa, pero que se fai máis fina co repouso. Ten un nariz elegante, de mazá Pink Lady, iogur de piña e toques herbáceos, de vimbio, cereais e froitos secos. Na boca resulta lixeiro e, sobre todo, moi salino e mineral, cunha oxidación elegante que nos fai seguir bebendo.

E con que tomaremos este escumoso? Por favor, non sigamos co clásico “escumosos para a sobremesa”!! Que despois das comidas tan abundantes de Nadal xa chegamos ben cheíños para a sobremesa, e as burbullas non serían o mellor aliado. Eu recomendo tomar este escumoso ou ben co aperitivo que, aínda que sexan festas, agora que ando por outras latitudes, ben poderían ser uns chicharróns de Cádiz, ou xa co xantar, cunha boa carne rechea. E a brindar!!

Escumoso que non cava

Por José Crusat

Imos cun escumoso, pero neste caso non cun viño galego, senón cun Classic Penedes, que non cava. Trátase dunha adega que escapou da denominación buscando a identidade da súa terra, que traballa os seus propios viñedos de xeito responsable baixo as premisas da agricultura ecolóxica e a biodinámica.

E falamos de escumoso, e coma tal imos falar da súa elaboración que é común a moitos territorios, polo que a diferenciación vén de aí, da terra, do territorio, das súas uvas arraigadas dende anos, do seu clima. Para un escumoso elaborado polo método tradicional ou champanoisse (porque hai moitos máis), partimos facendo viño. Escollemos a mestura que máis gusta ao elaborador, e engadimos novos lévedos e alimento (azucre ou mosto sen fermentar) e xa metidos na garrafa prodúcese unha segunda fermentación. Nesta obtemos gas carbónico que ao estar na garrafa non pode escapar e queda atrapado no líquido. Hai que, despois do tempo que decide o adegueiro, limpar e retirar os restos de lévedos da garrafa. Isto realízase mediante o degolo para despois voltar a tapar a garrafa para que repouse antes de consumir.

En canto á cata, sendo un escumoso xa non son soamente tres, senón cinco, o sentidos que empregamos. Cando abrimos a garrafa, depende de nós que sexa coma un estoupido ou un susurro de aire, independentemente delo, o viño presenta forza e presión do gas propio da elaboración do escumoso. De cor é un viño amarelo palla, con toques dourados pálidos. No nariz froitos secos, lácteos e lixeira panadería sen pasarse, froita, pera. Na boca temos por un lado o taco, a comezo algo abrupto pero despois é sedoso e envolvente, agarimoso. Acidez media, salinidade, cítricos frescura, froitos secos, piña, pera e melocotón.

Para desfrutar desde viño, ademais de bebelo só ao carón dunha chimenea agora no inverno, ou á sombra dunha árbore nunha tardiña de verán, imos maridalo con algo para asentar o estómago. Xa que estamos en época de Nadal imos con algo clásico como unhas ostras de O Freixo, escollede vós, planas ou rizadas. E se somos un algo máis rompedores, propóñovos comer un cochinillocon este viño.

FICHA TÉCNICA

Adega: Loxarel

D.O. : Clasic Penedés

Variedades: 60% Xarel.lo, 30% Macabeu e 10% Chardonnay

Grao: 12,5 º

Ano: 2013

Prezo: En torno aos 11,50 € en Vide,Vide!

Fotografías: Iván Barreiro