fbpx

Axenda

Abr
7
Xov
‘OBXECTOS DE DESEXO. SURREALISMO E DESEÑO’
Abr 7 – Ago 28 all-day

A Xunta e a Fundación ”la Caixa” inauguran no Museo Centro Gaiás a exposición Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño, 1924 – 2020, que explora o intercambio e diálogo entre arte surrealista e deseño contemporáneo ao longo dos últimos 100 anos. A mostra, que abrirá as súas portas ao público ao día seguinte (venres 8 de abril), está organizada pola Fundación “la Caixa” e o Vitra Design Museum, un dos museos máis importantes do mundo no eido do deseño, coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Cidade da Cultura e no marco do Xacobeo 21-22. Conta co patrocinio de Hugo Boss e o apoio de Art Mentor Foundation Lucerne.

Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño, 1924 – 2020 trae a Compostela icónicas obras de artistas como Man Ray, Salvador Dalí, Giorgio de Chirico ou Le Corbusier, e tamén de grandes nomes do deseño contemporáneo: desde Ray Eames a Ingo Maurer, Gae Aulenti ou Frederick Kiesler, entre outros moitos. As obras exhibidas proceden na súa meirande parte dos fondos do Vitra Design Museum (na localidade alemá de Weil am Rheim), pero tamén doutras coleccións internacionais como as da Fondation Le Corbusier de París, a Fondazione Giorgio e Isa De Chirico de Roma, o Design Museum Den Bosch de Holanda ou a Fundación Gala-Salvador Dalí, entre outras moitas.

Estes días estanse a ultimar no Museo Centro Gaiás os traballos de montaxe desta exposición que vai poder visitarse na Cidade da Cultura ata o vindeiro 28 de agosto, con entrada de balde, de martes a domingo e de 10,00 a 20,00 horas. Antes do seu paso polo Gaiás, foi exhibida no propio Vitra Design Museum e nos centros de Caixaforum en Barcelona, Madrid, Sevilla e Girona. Ademais, está previsto que tras a súa estadía en Compostela, se expoña no Design Museum de Londres.

Trátase da terceira grande exposición que chega ao Gaiás froito da colaboración entre a Xunta de Galicia e a Fundación ”la Caixa”, tras Cine e emocións. Unha viaxe á infancia –con fondos da Cinémathèque française– e Faraón. Rei de Exipto –con obras do British Museum–.

Mai
20
Ven
Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño
Mai 20 – Xul 20 all-day

A mostra itinerante Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño, organizada pola Xunta en colaboración coa Fundación “la Caixa”, recala na Cidade da Cultura como última parada do seu percorrido pola xeografía galega. A exposición reúne dez traballos de fotografía e vídeo de artistas actuais, tanto galegos como de fóra do país, que presentan unha nova ollada audaz e orixinal sobre a Ruta Xacobea.

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou esta mostra, que poderá visitarse de balde ata o 20 de xullo no Gaiás e está incluída dentro da programación cultural para o Xacobeo 21-22. Seis grandes contedores de barco transformados en salas de proxección albergan as propostas artísticas que dan forma a “un itinerario de múltiples caras no que ten cabida a paisaxe e o territorio, a historia, a vertente espiritual pero tamén as emocións da experiencia do Camiño”, manifestou.

Desde Galicia achegan as súas interpretacións Carla Andrade, Luis Díaz Díaz, Iván Nespereira, Bandia Ribeira e Lúa Ribeira, que se conxugan coas de notables fotógrafos internacionais aproveitando as conexións das rutas de peregrinación a Santiago de Compostela. Así, o traballo de Olivia Arthur, presidenta da Axencia Magnum, representa o Camiño Inglés; André Cepeda, o Camiño Portugués; Michel Le Belhomme, o Camiño Francés; mentres os españois Miguel Ángel Tornero e Cristina de Middel —Premio Nacional de Fotografía en 2017— mostran nos seus traballos a Vía da Prata e a Ruta da La, respectivamente.

Ago
28
Dom
XII EDICIÓN DO ‘ENCONTRO DE ARTISTAS NOVOS CIDADE DA CULTURA’
Ago 28 – Set 1 all-day

A Xunta vén de convocar unha nova edición do Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura – EAN que, co obxectivo de apoiar a arte emerxente, ofrece a 40 novas figuras da creación contemporánea a oportunidade de participar nunha estancia de catro días no Gaiás, durante a que compartir experiencias con outros artistas, tanto noveis como consolidados creadores do panorama nacional e internacional. Enmarcado na programación do Xacobeo, o Encontro de Artistas Novos está impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia.

Dirixido novamente por Rafael Doctor, o encontro chega este ano á súa duodécima edición consolidado como unha das citas imprescindibles da creación contemporánea, onde teñen presentado os seus traballos máis de 600 creadores. Nesta ocasión, tres destes artistas que participaron no EAN cando comezaban a abrirse paso no mundo da arte regresan para compartir a súa experiencia como relatores. Será o caso de Ana Esmith, que co seu alter ego Miss Beige se converteu nun dos nomes máis coñecidos da performance nos últimos anos. A través do silencio, o hieratismo e unha omnipresente cor beige, a actriz e comunicadora apela e incomoda ao público en situacións cotiás, creando escenas nas que non falta a sátira e a denuncia cos seus inseparables bolso e martelo.

Tamén estará presente como relatora a artista visual Beatriz Lobo, que desenvolve o seu traballo entre a pintura, a escultura, a serigrafía e o deseño, e tamén participou en 2018 no Gaiás na primeira edición do ciclo Reb/veladas na paisaxe. Actualmente participa en diferentes proxectos con institucións como La Casa Encendida, traballa como deseñadora de portadas para selos musicais e editoriais literarias, e colabora en proxectos radiofónicos e de artes vivas, así como no equipo de arte de producións cinematográficas. Tamén volverá ao EAN, por onde pasou en 2013 como artista emerxente, Miguel Scheroff, que desde entón ten exposto en lugares como os Estados Unidos, Suíza, Alemaña, China, Italia, Marrocos ou México e participado en feiras nacionais como JustMad, Marte, Hybrid Art Fair ou Art Madrid, entre outras. Nas súas últimas series sérvese de recoñecibles escenas da pintura clásica e iconas pop da cultura millennial para convidarnos a través da pintura e da instalación a reflexionar sobre o conflito e a súas consecuencias, a angustia e o desencanto vital.

Destacados relatores

Completan os relatores desta edición Tono Arias, cunha longa traxectoria na fotografía de prensa, documental, publicitaria, industrial ou arquitectónica, e impulsor do proxecto Dispara, un espazo web e físico con vocación periférica sito na Estrada (Pontevedra), destinado a servir de punto de encontro entre autores, e artellado como espazo expositivo, librería especializada en Fotolibros, editora, centro de impresión dixital e de produción de exposicións.

Todos eles súmanse así á longa lista de artistas que participaron no Encontro de Artistas Novos como relatores, con nomes como Berta Cáccamo, Menchu Lamas, Din Matamoro, Ramón Ramos Balsa, Daniel Canogar, Chelo Matesanz, Abel Azcona ou Oliver Laxe. Ademais, e como novidade desta edición, o EAN incorpora como convidado especial Rubén D. Alves, quen compaxina o seu labor docente en diferentes universidades nacionais e internacionais co seu amor pola arte. Esta paixón levouno a crear a conta de Instagram @beninmadrid, como plataforma de promoción e divulgación do que acontece na escena artística. A partir da súa experiencia no desenvolvemento de competencias comunicativas tratará cuestións como a presenza da arte emerxente nas plataformas sociais e as súas posibilidades e limitacións para comunicar os conceptos, sentimentos ou reaccións que desexa o ou a artista.

O artista, comisario e conservador xefe da Fundación Granell, Eduardo Valiña, a comisaria independente Nerea Ubieto, e o xornalista e comisario Javier Díaz-Guardiola participarán tamén no encontro como observadores ou art followers, compartindo cos participantes a súa experiencia no apoio a novos talentos desde o eido curatorial ou xornalístico.

Solicitudes ata o 29 de abril

Os interesados a optaren a unha das 40 prazas do #EAN12 deberán enviar a súa solicitude antes das 15,00 horas do 29 de abril xunto á documentación requirida ao enderezo electrónico encontro@cidadedacultura.org. As bases completas poden consultarse no web da Cidade da Cultura. O encontro desenvolverase no Gaiás entre o 28 de agosto e o 1 de setembro.

O programa complétase coa opción de realizar unha intervención artística efémera nas Torres Hejduk, unha iniciativa coa que a Cidade da Cultura amosa a súa aposta polo talento emerxente, cedéndolle un espazo expositivo non convencional. Ao igual que a anterior edición, o Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk terá como eixe a Ruta Xacobea, profundando na relación entre a Cidade da Cultura e o Camiño de Santiago, aproveitando que a Vía da Prata discorre no seu último tramo paralela ao Monte Gaiás e tamén a propia conexión visual entre as torres Hejduk e as torres da catedral compostelá.