Mantén as túas redes sociais frescas e esquece o “feed perfecto”
Por Cata Mosquera | Uxía Blanco de Lenzo Estudio

Aínda es desas persoas que se obsesiona con coidar ao milímetro a edición de cada foto e deseño para que encaixen á perfección nas túas redes sociais e conseguir ese “muro” perfecto? Pois sentimos dicirche que te estás quedando atrás, porque, como vimos dicindo sobre outros temas de comunicación, agora a xente busca naturalidade, espontaneidade e realidade (ben, polo menos que o pareza, non?). Esas fotos de pratos de comida perfectamente colocados ou composicións súper elaboradas con edición artificial poden parecer máis dun catálogo de vendas que dunha experiencia apetecible que probar.
O contido que máis se consome hoxe en día é aquel co que nos podemos sentir identificados, ou que pon en valor os procesos e non só o resultado final. Por exemplo, para as redes sociais dunha cafetería é máis importante transmitir a sensación que che provoca un bo café acabado ou o día a día do barista, que mostrar unha escuma perfectamente traballada. Atrévete a apostar por xerar proximidade na túa comunicación para conectar cos teus clientes.
Por suposto, detrás de todo ese contido tan “natural” hai moito traballo (lembra que o máis importante da túa comunicación é a estratexia, non só as fotos e vídeos que subas), pero aquí deixámosche algunhas recomendacións sinxelas para conseguir que o teu contido sexa máis auténtico e se manteña fresco e actual:
Simplifica a edición e o uso de filtros. Axustar o básico está ben, pero unha sobreedición pode saturar e xogar en contra da túa comunicación.
Aproveita o formato vídeo. Conta cousas do teu día a día en historias ou publica vídeos para mostrar ese lado máis real.
Humaniza o contido. Mostrar constantemente o produto non sempre achega valor, pero ensinar o equipo que está detrás do proxecto axudarache a conectar.
Amosa a experiencia, e non só o produto. A contorna, a emoción, o momento… todo conta.
Divírtete! Un erro simpático ou unha anécdota real poden conectar máis que unha foto perfecta.
Agora que xa sabes cal é a nova tendencia, é hora de poñerse mans á obra! Desde o noso estudio creativo sempre vos dicimos que nos encanta axudarvos a que poidades desfrutar da vosa comunicación. Así que experimentade, mostrádevos con naturalidade e non teñades medo a cometer pequenos erros, porque moitas veces esa parte tan humana é a que máis conectará coas vosas seguidoras e seguidores.