A CoruñaA-6Ana Romero

Marta Lado: “A vida cambia nunha radiografía de tórax”

Por Ana Romero

Marta Lado é unha desas persoas cun traballo que se atopa na liña máis fina entre a vida e a morte. Especialista en enfermidades infecciosas, dedicou a súa carreira a combater o ébola e outras enfermidades tropicais, traballando en zonas remotas de África. Cunha traxectoria que a levou a lugares como Serra Leona, Uganda ou o Congo, a coruñesa viviu experiencias extremas que forxaron o seu carácter e a súa maneira de entender a medicina e a vida. Nesta entrevista, ábrenos unha fiestra ao seu mundo.

Como logras desconectar despois de enfrontarte a situacións tan extremas?

É algo que desenvolves desde o principio da túa carreira. Aprendes a relativizar. En condicións normais, estarías moi afectada, pero no meu traballo, o reto é integrar esas emocións sen levalas a casa. Claro que hai momentos que te impactan máis, eu lembro ao primeiro paciente que se me morreu, por exemplo, iso deixa pegada. Pero ao longo dos anos, aprendín a xestionar eses sentimentos e a non deixar que me dominen.

Que te motivou a estudar medicina?

Os meus pais, ambos sanitarios, non querían que estudase medicina. A miña irmá maior intentouno, pero decantouse polo dereito. A min animáronme a estudar finanzas ou económicas, pero desde pequena tiña claro que quería ser médica. Crecín nun ambiente onde vía os sacrificios e a dedicación que a profesión implicaba, e ver todo iso en casa axudoume a comprender moitas cousas sobre a profesión.

Como chegaches a especializarte en enfermidades infecciosas, particularmente no tratamento do ébola?

O meu camiño foi máis ben intuitivo e improvisado. Estudei medicina en Santiago e logo especialiceime en medicina interna en Vigo. Foi durante a miña residencia cando me chamou a atención o campo das infeccións, particularmente en pacientes inmunodeprimidos. Logo, tiven a oportunidade de rotar no Hospital Gregorio Marañón de Madrid, onde comecei a comprender o mundo do VIH e a medicina tropical. A partir de aí fixen un máster en medicina tropical, o que me levou a Tanzania e Uganda. Traballei tamén en proxectos de cooperación en Camerún, sen saber nada de francés, pero iso non me detivo nunca, facía que me entendese. O meu destino foi tomando forma de maneira natural, e aínda que non o tiña planeado, terminei en Serra Leona durante a crise do ébola. Alí comezou todo.

Como foi a túa experiencia durante a epidemia de ébola?

Transformadora. En 2014 cheguei a Serra Leona coa intención de quedarme só un ano. Sen embargo, aos seis meses de estar alí, estalou o brote de ébola. Foi entón cando me fixen consciente de que a miña misión alí ía ser moito máis longa.

Como nos explicarías que é o ébola?

É un virus de orixe animal, transmitido por morcegos e primates. Cando o virus chega aos humanos, a taxa de mortalidade é moi alta, arredor do 70-80%. A pesar de ser unha enfermidade moi agresiva, o traballo que fixemos coa OMS e diferentes ONGs permitiu reducir a taxa de mortalidade ao 30-40%.

E de que te encargas ti?

Coordino programas de emerxencia para o manexo de enfermidades virais hemorráxicas.

Que aspectos da cultura africana che impactaron máis?

Diríache tres: a tolerancia relixiosa, a resiliencia da xente e a capacidade de gozar da vida. Nalgúns lugares de África, as persoas teñen unha capacidade incrible para vivir en harmonía a pesar das diferenzas relixiosas, algo que me parece moi admirable. A resiliencia tamén é un trazo característico das persoas que viven en circunstancias tan difíciles. A vida pode ser moi dura, pero, por incrible que pareza, sempre atopan unha maneira de seguir adiante. E a capacidade de gozar da vida, incluso no medio da adversidade, é algo que me ensinou moito. Pódense organizar festas masivas en poucas horas, sen case recursos, só pola necesidade de celebrar e compartir.

Que aprendiches sobre a morte ao longo da túa carreira?

Sempre foi un tema complicado, sobre todo no ámbito médico. O meu primeiro encontro próximo coa morte foi cando traballei no Hospital Oncolóxico en Madrid. Foi a primeira vez que me sentei ao lado dun paciente que sabía que ía morrer e me contaba o que sentía. Foi un momento que me cambiou, porque non tiña a experiencia vital para dar consellos, pero impulsoume a dicir si a todo na miña vida, a moverme, a non quedarme estática. Aprendín que nada é para sempre, que a vida pode cambiar nun instante, como nunha radiografía de tórax.

Como ves a situación do ébola e outras enfermidades virais no contexto global?

A pesar dos avances no tratamento e a prevención, o ébola segue sendo unha ameaza en áreas como o Congo, Serra Leona e Guinea. Cada vez que se detecta un brote, as autoridades deben facer campañas de sensibilización para frear a propagación. A deforestación e a expansión das cidades tamén contribúen a aumentar o contacto entre seres humanos e animais, o que fai que estes brotes sexan máis frecuentes.

Estás satisfeita coa túa carreira?

Son unha persoa moi afortunada. Vivo do que me apaixona, viaxo polo mundo, aprendo de culturas diferentes e traballo en proxectos que realmente teñen un impacto. Non todo foi fácil, pero todo pagou a pena e faino sentir que o que fago ten un propósito.

Como ves a presenza de mulleres no ámbito da cooperación e a saúde global?

Na axuda humanitaria, en especial na área de saúde global, somos máis mulleres que homes.

Marta Lado continúa loitando por un mundo máis saudable e xusto, coa esperanza de que os seus esforzos poidan, algún día, erradicar as enfermidades que tanto marcaron a súa vida e a de milleiros de persoas no mundo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.