Crusat & Costas: Cazapitas ‘O Rebusco’
Porque todas as grandes ideas sempre saen dun garaxe
Por Lorena Costas @lorena_costas
Os lectores de Pincha xa estades moi afeitos a que vos sorprendamos con viños diferentes, que tal vez non vexades con asiduidade cando ides tomar un par de copas por aí. E seguro que xa estades desexando que vos deamos una nova entrega de frikismo vinícola, non si?
Pois desta vez imos ir un pasiño máis aló: Imos falar dunha adega nova que comeza no 2013 nun garaxe de Rianxo (si si, en Rianxo tamén hai viño, eh!) e imos falar dunha elaboración moi distinta do que adoita ser habitual pola nosa contorna: un albariño de vendima tardía. Sobre iso da vendima tardía e todo o seu proceso de elaboración falaravos o Crusat, que para iso é o experto adegueiro.
Eu falareivos da historia desta adega, que uns mozos chamados David e Juan decidiron montar un día nun garaxe, en Rianxo, para elaborar viño de castes autóctonas e moi escasas, como son o Raposo e o Ratiño, das que de seguro volveremos falar en Pincha proximamente. Ese ano só puideron elaborar 50 botellas, pero xa no ano seguinte comezaron a elaborar albariño dentro da D.O. Rías Baixas, na subzona do Rosal. De aí saen as súas elaboracións baixo o nome Eido da Salgosa. Cazapitas tamén elabora tinto no Rosal, aínda que fóra de D.O. Ídevos quedando co nome da adega, porque os seus viños son realmente sorprendentes e a súa filosofía de traballo ben merece que se lles teña en conta.
E como todos os comezos son duros, pero case sempre merece a pena o esforzo, no 2017 por fin teñen adega propia en Rianxo, e será nese ano onde nacerá o viño do que hoxe queremos falar: O Rebusco.
Pois isto é o que decidiron facer estes dous rapaces co viño O Rebusco: un viño 100% albariño como o que facían os avós, un viño que se vendima no outono, a partires das uvas de fincas situadas en Tomiño (O Rosal). O viño ten unha cor dourada-alaranxada, propia dun viño vendimado tan tarde, de uvas maduras, pero que conservan a acidez que aporta tanta personalidade ao albariño. En nariz é moi floral, e destaca a pel de laranxa, as especias coma o curry ou infusións como a camomila. En boca sae con forza o carácter do albariño, destacando a piña madura ao final do trago e una oxidación elegante.
Podería estar falando deste viño moito tempo, pero entón non lle deixaría sitio a Crusat, así que convídovos a ler todo o que vos vai contar e que acompañedes este Rebusco cun bo arroz caldoso de bovagante.
DATOS
ADEGA: Cazapitas
D.O.: Sen D.O. (Zona O Rosal – Tomiño)
VARIEDADES: 100% albariño
Grao: 14º
Ano:2017
Prezo: En torno aos 16€ en Vide, Vide!
Rebuscando apareceu o grial
Por José Crusat @choumimx
Desta vez imos falar dun viño enclavado no medio dun territorio vinícola como é a IXP do Barbanza e Iria, pero que non está acollido a esta protección. Isto ten os seus pequenos inconvintes (como é non poder poñer a anada do viño ou as variedades empregadas), mais tamén ten a súa parte boa (facer con liberdade o viño que un quere sen ningunha directriz máis que o querer). E sendo como é una unha decisión propia dos donos da adega, ben está.
O viño do que falaremos é O Rebusco da adega Cazapitas. O rebusco era tradicionalmente o viño dos pobres; cando xa finalizara a vendima, xa pasado setembro, cando toda a uva está na adega, agás algúnsacios que ben por non estar maduros no seu momento o por esquecemento durante a vendima quedaron pendurando na planta. Pois aqueles que non tiñan viñas, cando os donos delas xa remataban a vendima, deixábanlle coller ese acios que quedaban na planta.
Estes rapaces de Cazapitas pensaron ben en que podería aportarlle a un viño eses acios esquecidos ou deixados por non valer no momento da vendima. Temos moito azucre en todos aqueles acios que sen querelo quedaron atrás no momento da vendima, e ese outros que foron deixados por verdes, aportan unha grande acidez que compensa ese exceso de azucre. E finalmente o que se logrou foi un viño equilibrado que é o santo grial do viño. Equilibrio.
Trátase dun viño de cor amarela dourada, incluso lixeiramente alaranxada que se identifica cunha grande maduración das peles das uvas. No nariz presenta notas de lixeira oxidación, pel de laranxa, mel, cera de avella, flor de mazanilla. Na boca é un viño lixeiro de paso, acidez moi marcada, gostosa, piña tropical ben madura e doce, con algo de azucre.
Coma proposta de maridaxe voume inclinar polas sardiñas. Pola banda máis tradicional, sardiñas asadas á grella sobre un pan de broa. E pola banda algo máis elaborada, inclínome por uns lombos de sardiña afumados cunha vinagreta de aceite de oliva e tomate seco triturado.