‘A paisaxe que sabe’: un verán de sabores, feiras e tradición

A gastronomía é tamén unha forma de coñecer un territorio. Os seus produtos, as súas festas, os mercados e as tradicións que pasan de xeración en xeración forman parte dunha paisaxe que non só se contempla: tamén se degusta, se comparte e se celebra. Con esta filosofía, Turismo da Deputación da Coruña, a través da campaña ‘A paisaxe que sabe’, está a acompañar ao longo de 2026 diferentes feiras, mercados e celebracións gastronómicas da provincia, poñendo en valor a diversidade e a identidade de cada lugar.
Este pasado verán o percorrido comezou en xullo en Paderne, coa Feira GastroLexítimo, unha cita que reivindica o viño e a gastronomía como expresión da autenticidade dun territorio. A Deputación participou cun espazo propio que albergou un mercado de produtos locais e o concerto de Milladoiro.
Tamén en xullo disputouse o II Campionato de Percebe de Cedeira, onde un dos produtos máis recoñecibles da costa coruñesa foi o protagonista dunha celebración que une tradición, mar e cultura gastronómica. O percebe de Puerto de Vega, Asturias, foi elixido como gañador entre as propostas de 27 confrarías de Galiza, Asturias, Cantabria, País Vasco, Portu- gal, Bretaña francesa, Marrocos e Mauritania. O xurado contou con nomes de referencia como Albert Adrià, Javier Olleros, Bittor Arguinzoniz, Diego García e Alfredo Vozmediano. O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, destacou sobre este evento que o percebe «é un símbolo da nosa identidade, representa a tenacidade das nosas xentes do mar, que moitas veces xogan a súa vida para traernos o mellor produto».
O calendario de xullo levou tamén a campaña ata Curtis, con Curtis na lembranza – As feiras de 1900, unha viaxe ao pasado para recuperar o espírito dos antigos mercados e feiras, aqueles espazos de encontro nos que o intercambio de produtos era tamén intercambio de historias e de vida.
A tradición artesá tivo o seu espazo tamén en Oleiros, coa feira Alfaroleiros, unha mostra que reivindicou o valor da olaría e dos oficios tradicionais e que se celebrou do 5 ao 9 de agosto. No espazo da Deputación da Coruña puidemos gozar de 15 showcookings a cargo do chef André Arzúa, do Espazo Abella, con receitas elaboradas con produto de proximidade.

E, de novo, o produto e a cultura gastronómica foron protagonistas no Bo Viño Wine Fest, unha cita arredor do mundo do viño que puxo en primeiro plano a calidade, a cultura e o pracer de compartir arredor dunha copa; e serviu tamén para poñer en valor a IXP Barbanza e Iria. Celebrouse do 6 ao 9 de agosto en Rianxo, A Pobra do Caramiñal e Boiro con catas, rutas, concertos, gastronomía e humor.
Nesa mesma conexión entre patrimonio, territorio e celebración situouse a Festa da Carballeira de Zas, que tivo lugar do 7 ao 9 de agosto. Dúas xornadas nas que a música de raíz, a gastronomía local e a identidade comunitaria se fusionaron nunha experiencia única para todas as xeracións.
A campaña continuou o seu percorrido polo territorio co Mercado dos Faros, unha proposta que se celebrou o 9 de agosto no Hotel NH Collection Finisterre (A Coruña) e na que os produtos e produtores locais dialogaron cun dos grandes símbolos da identidade da costa coruñesa: os seus faros. Nesta edición o mercado estivo inspirado na eclipse solar que vivimos o día 12 do mesmo mes.
E en Ares, a historia e a memoria convertéronse en protagonistas coa celebración de Ares Indiano, que recuperou do 21 ao 23 de agosto a pegada da emigración e o legado daqueles que marcharon e regresaron deixando unha fonda pegada na paisaxe, na arquitectura e na cultura local. Alí, a cociñeira de Muelle 43 de Mugardos, Nair González, levou a esencia de ‘A paisaxe que sabe’ cuns showcookings que combinaron tradición, innovación e os mellores sabores do noso territorio. Houbo tamén un Mercado de Artesanía, amenizado pola música de Gallaecia Small Band, e coa presenza de Ana Trasariz, De Rositas, Redeiras Artesás, Jerolas, Comeluz, Bo Peixe, Na Mea Nani e Hana No Boshi.
O verán trouxo tamén unha das citas máis singulares do calendario, o Festival da Luz, en Boimorto, do 28 ao 30 de agosto; onde se desenvolveu o Mercado da Deputación, coa participación dunha ampla selección de produtoras e artesás da provincia. Música, cultura, territorio e produto local confluíron así nun dos grandes encontros culturais de Galicia, demostrando que a promoción turística tamén pasa por crear espazos nos que se poida experimentar e compartir a identidade da Coruña.
Xa en setembro, ‘A paisaxe que sabe’ estivo presente do día 11 ao 14 en Muxía, na Romaría da Barca; do 12 ao 13 na II Festa do Lúpulo de Betanzos; do 19 ao 20 na Festa da Pataca de Coristanco e, o día 21 do mesmo mes, na Romaría de San Mateo de Vilouchada, en Trazo; todas elas celebracións profundamente vinculadas á comunidade e ás tradicións locais.
A seguinte parada será na Festa da Pataca de Vilar de Barrio (Ourense), que se celebrará do 10 ao 11 de outubro e na que a Deputación promocionará a pataca fina de Carballo.
Todas estas citas comparten algo máis ca presenza dunha campaña. Son diferentes maneiras de contar a provincia da Coruña a través do que produce, do que celebra e do que conserva. Desde o percebe de Cedeira ata o viño, desde os mercados tradicionais ata a olaría, desde as romarías ata as festas que recuperan a memoria colectiva, cada encontro permite descubrir unha parte dun territorio diverso e vivo.
Porque ‘A paisaxe que sabe’ non fala só de gastronomía. Fala de persoas produtoras, de artesáns e artesás, de tradicións, de festas, de mercados e de comunidades que manteñen viva a súa identidade. Unha paisaxe que se pode percorrer, coñecer e, sobre todo, saborear.
