Sabela Ramil: “As orixes forman parte da miña identidade, todo o que fago leva iso dentro”
Por Xiana Lastra

Vós coñecedes esta gran muller como Sabela, ou Sabela Ramil, incluso como ‘Sabela OT’ polo programa de televisión que a deu a coñecer ao gran público, pero para min é e sempre será A Pikiniña. Así a chamaban nas Pontes cando eu a coñecín, malia que penso que, no fondo, todos pensabamos o mesmo: Pikiniña... pero que forza escénica! Desde nena revolucionaba todos os palcos nos que subía. Vina medrar desde as súas orixes con Muxarega, pasando polas súas colaboracións con Andrés Penabad ata a súa posterior carreira en solitario que foi construíndo pasiño a pasiño, e non suaviño, senón con agarimo e determinación, moito antes de que a televisión chegase á súa vida. Talento, enerxía, constancia e, sobre todo, humildade, son para min as palabras que mellor a definen agora e tamén o facían antes.
Que queda da Pikiniña na artista que es hoxe?
Todo menos a idade, supoño (ha, ha, ha). Son de avanzar cara a adiante, sempre, pero tamén de quedarme comigo esas cousas que me gustan das etapas pasadas. Sempre serei a Pikiniña desa xente que mo acuñou dende o cariño e que me deu unha familia musical cando era, efectivamente, moi pequena. Así que queda a inocencia, pero tamén a rebeldía e, sobre todo, como vibro enriba do escenario.
E que hai de ‘Sabela OT’? Gústache ou moléstache esa etiqueta?
Da ‘Sabela OT’ quedoume un novo apelido! (ha, ha). Entendo que é o máis sinxelo para identificarme, pero si que me entristece que a xente non profunde ou quede nesa época sen explorar o que son agora. Foi unha época da miña vida e unha experiencia que me marcou moito, evidentemente, pero a nivel artístico e musical son Sabela, sen ese apelido, sobre todo tendo en conta que alí non creabamos o noso proxecto. Non me molesta, porque entendo o contexto, pero si me gustaría que avanzase a ser algo que forma parte da miña carreira, pero que non me identifique de primeiras.
Falando do teu proxecto, que desde logo debe explorar quen non o fixera aínda, pareceume que incluías máis cancións en galego nesta última xira. É unha casualidade ou unha especie de “volta ás orixes”?
Nunca me fun das orixes. Escribo nos dous idiomas, dende sempre. Depende tamén da sonoridade que busque, o tema, etc. As orixes forman parte da miña identidade, todo o que fago leva iso dentro, se non, non faría a música deste xeito, nin cantaría deste xeito. Aprendemos a cantar e a expresarnos a través do que nos forma como persoas, así que aí está todo, sempre. Síntome tremendamente afortunada de vivir nun lugar cunha cultura propia, é unha riqueza que amo profundamente. ‘Bríllanche os olliños’, o último EP, fala de todas esas cousas do día a día que me fan brillar os ollos e ten sentido que saia en galego, porque é aquí onde convivo e vivo.
Tiremos un pouco do fío de onde vives e convives. Este verán tocaches no Aturuxo, en Bravos, un festival directamente vencellado á túa familia (marabillosa, por certo) e á túa vida. Que supuxo para ti? Supoño que foi moi emocionante.
Foi moi emocionante e tamén nostálxico. Levamos 14 edicións do Festival. Un festival autoxestionado, creado e feito grazas a todas as persoas que colaboramos. Meu irmán e eu, xunto coa nosa familia, comezamos isto porque sempre nos ensinaron que se queremos que algo mude hai que poñerse en acción e así o fixemos. Cremos e defendemos que o rural merece desfrutar e vivir toda a cultura que se fai e tamén poder creala. Faltábame meu pai, por suposto, que era un gran defensor de facer cousas en e pola comunidade. Algunha bágoa caeu, por suposto, porque o visualizaba tremendamente feliz e orgulloso.
Estou segura de que así sería, feliz e orgulloso como o estivo sempre. Ti sempre fuches unha persoa moi versátil. Ademais de cantante e compositora, tocas o piano e o clarinete e estudaches Terapia Ocupacional, especializándote en Musicoterapia. Isto ábreche moitas posibilidades a nivel laboral e agora comezas unha da man do Concello da Coruña. En que vai consistir?
Si, non adoito falar da miña outra parte profesional, pero levo un longo percorrido como terapeuta e musicoterapeuta e a verdade é que estou moi ilusionada con este proxecto. Permíteme seguir compaxinando as dúas paixóns, traballar coas persoas dende a terapia (neste caso, dende a musicoterapia) e poder seguir creando a nivel artístico e musical. Collerei o relevo dun programa de Musicoterapia que integra esta disciplina nalgúns coles da Coruña, ofrecendo ese espazo terapéutico a rapazas e rapaces con necesidades educativas especiais.
E ademais deste proxecto que inicias e que é tan necesario, que podemos esperar de Sabela proximamente? Cales son os plans? Haberá novo disco, algún sinxelo?
Pois a día de hoxe non sei o que sairá. Non proxecto o resultado ata que estou metida no propio proceso creativo e vexo o que sae. Tamén é certo que un proxecto independente e autoxestionado mira a arte pero tamén os números, é unha realidade coa que xogamos. Teño ganas de poñerme a explorar e descubrir o que sae e esa ilusión danma os directos, a xente que vén vernos, os meus músicos, a miña equipa e a xente próxima a min, porque, ás veces, continuar non é sinxelo.
“Un proxecto independente e autoxestionado mira a arte pero tamén os números, é unha realidade coa que xogamos”
EN CURTO

Unha canción que penses define a túa vida actualmente.
‘Everything in Its Right Place’ de Radiohead.
Un/ha artista coa que che gustaría colaborar.
Gara Durán.
Un lugar no que che gustaría tocar.
Na catedral de Compostela. Facer un concerto alí, ten que ser brutal a nivel sonoro.
Último concerto ao que asistiches.
Xosé Maseda.
Un ao que che gustaría moito asistir.
Lana del Rey, referente para min que nunca puiden ver en directo.
A letra dunha canción que che gustaría ter escrito ti.
‘Tú que vienes a rondarme’ de María Arnal e Marcel Bagés.
Define a túa música nunha soa palabra.
Envolvente.