CompostelaDe baresGastronomíaJessica Pintor

Cando o bar é unha segunda casa!

Bar Polígono
Abertos desde as 5:30 h, son moitas as persoas que van ao Café Bar Polígono a polo primeiro café do día. Foto: Iván Barreiro

Nestas liñas falamos da vida, do tempo, de varias xeracións, de traballo, dos fillos e fillas, de cando a clientela son amizades e dos bares como segundas casas! Porque a idade dun bar é a historia dun polígono… Non é broma, non!

Falamos dunha zona concreta da cidade de Santiago, a zona industrial, do Polígono do Tambre, e, en concreto, dun local: o Café Bar Polígono. Son 42 anos prestando servizo a todos eses homes e mulleres que, día a día, contan con Jesús Peón e antes cos seus pais, para poder comer rico, quente e caseiro e seguir a xornada. Un punto de referencia para todos eses camioneiros e camioneiras que fan ruta de madrugada e ansían ese café, antes de poñer rumbo ás estradas! Para todas as persoas que traballan de noite, para as que almorzan, ‘cafetean’, comen ou simplemente pasan por alí e paran, cinco minutos de reloxo, para non morrer no intento.

De cando un bar de cidade non presume de ser tan só ocio, senón que é resgardo! É un diario de vida dun pulmón económico de Compostela, xa o di Suso, como o coñecemos todos, “hai sobre unhas 8000 persoas entre o Polígono do Tambre e o de Costa Vella: é o pulmón de Santiago. E estamos infravalorados! Porque se hai empresas, hai traballo e se hai traballo, hai vida! Pero noutras cousas non avanzamos, como o tema da vivenda, parece mentira que con estes soldos e non teñas onde meterte... Co cal, se ves que hai traballo... É unha mágoa que non se nos teña en conta, algo falla... Porque algunhas administracións téñennos esquecidos!”. De todas as veces que falei con el non houbo unha na que non fixera reivindicacións, por el e por todos os seus compañeiros e compañeiras.

42 anos do Café Bar Polígono

Pero a caixa de Pandora está aberta, así que deixemos que Suso siga co conto: “Levamos 42 anos abertos e temos clientes que levan 42 anos tomando aquí o café. Que é moi difícil. Debe de ser que un se fai maior e bota a vista atrás, e parece imposible... Pero é real! Temos xente que mínimo leva vindo 30 anos e veñen catro ou cinco veces ao día. Eu xa non os trato como clientes: somos amigos! É todos os días... Creas un vínculo. Sabémonos a vida todos! Se escribiramos un diario de todos os días, aquí no polígono, móvese moito... É que –insiste-, hoxe en día, ter amigos e non ter clientes xa o di todo! Iso é o máis bonito da hostalería! Necesítante e ti a eles. Necesitámonos, é un toma e daca”.

Suso é unha segunda xeración de hostaleiros... Haberá unha terceira?, preguntámoslle. Ri, bufa e da á cabeza pensativo... “Teño un rapas de 15 anos, polo de agora non o vexo, aínda é adolescente... Gustaríame, claro que me gustaría! Pero os tempos cambiaron. Agora a toma de decisións é todo para mañá, antes viviamos con máis pausa. Eu sacrificaríame, se el quixera seguir, pero se non... Teño gañas de parar de traballar. Isto é moi escravo”.

O Café Bar Polígono foi adaptándose ata en cuestións de como e que se come. Por iso ofrece un bufete libre (de 14,50€) a elixir catro primeiros e catro segundos. “Metemos paella e fideuá, que están funcionando moi ben. Temos un bufete de ensaladas a maiores, a xente pode repetir as veces que queira. Aquí fas a comida ao teu gusto, comes o que queiras... O menú está pensado como un menú mediterráneo, porque antigamente o polígono estaba feito de xente obreira, pero agora hai máis persoal de oficinas e xa non se poden facer comidas moi pesadas, adaptámonos aos tempos. Facer comida máis lixeira, moi apetitosa, comida caseira! Moi fresco todo, sempre compramos produtos de proximidade, a materia prima é fundamental. Aínda que as veces é complicado comprar ao veciño, que é o que me gusta realmente, a calidade é outra, pero hai cousas que aínda que quixeras comprar non podes… Por exemplo, uns tomates vermellos, espectaculares, que a xente segundo os ve, ‘flipa’! Pagas máis caro, pero é produto de tempada e é un produto delicioso”.

Cantas horas traballas?, pregunto. Bufa outra vez. “Fisicamente doce, psicoloxicamente vinte e catro. A cabeza non desconecta nunca. Aquí no polígono sempre tes historias novas, cáterings, tes o persoal que tes, ás veces hai que rexeitar servizos porque non dás... É un 24 por 7, os 365 días”.

O Café Bar Polígono está no Polígono do Tambre, en Santiago. Foto: Iván Barreiro
O Café Bar Polígono está no Polígono do Tambre, en Santiago. Foto: Iván Barreiro

E falando de persoal, Suso teno claro, nunca tivo problemas nese eido. “Teño un gran equipo, son doce persoas e levan moitísimos anos comigo. Sempre que me marchou a xente foi para intentar cambiar de oficio, porque a hostalería é moi dura. Aquí teño que recoñecer que hai moito estrés, dende que entramos e ata que marchamos, estamos a tope! Non temos horas mortas. Eu levántome ás 4:00 h todos os días, porque abrimos ás 5:30 h e tes que vir para preparar as cousas, todo é caseiro, hai que enfornar...”.

No Café Bar Polígono o primeiro cliente entra sobre as 5:20 h, pero se Suso abrira ás 5:00 h... Xa tería polo menos dez persoas! E, evidentemente, sabería dicir os nomes, quen son, en que traballan e que toman (Rimos!). “Porque eles xa están ás 5:00 h na porta, esperando que abra e, ás veces, intento ir máis rápido para que non esperen. Sobre todo no inverno, apuro e abro antes. Os invernos no coche sonche fodidos... Se o fago é porque realmente son máis que clientes! Teño unha responsabilidade con moita xente! Hai quen traballa de noite, leva dende as 22:00 h traballando e apetécelle tomar un café. Normal! E sábelo... E ninguén o fai. Moitos non o saben. Pero eu seino! E fágoo! Ás veces aínda estou preparando moitas cousas e entra alguén e dime “é que teño que marchar para Ourense, se me fas un café”, imaxínate, pois claro que llo fago! Porque despois onde para na autopista? Leva moitas horas en pé. E tamén é lóxico, non?! O primeiro café da mañá é súper importante, é fundamental para moitos. (Bracea e pon caras, sente o que conta e conta o que sente...) E niso estamos. Eu sacrifícome, porque paga a pena.

Café Bar Polígono
O Café Bar Polígono ofrece un bufete libre a diario. Fotos: Iván Barreiro
 

Creamos un vínculo moi forte coa clientela. Saber o que realmente necesitan, non só o que nós poidamos ofrecer. Senón algo máis: calidade humana. Eses detalles que marcan un pouco a diferenza. Saben que sempre estamos aquí... A hostalería é unha forma de vida, xa non é só traballar. Se temos unha clientela tan grande é por demostrarlle que valoramos que veñan e intentamos darlles un plus para que se sintan ben. É sacrificado, pero ten moitas satisfaccións”.

O máis duro para Suso é precisamente o que ten a vida... “Cando che falta alguén, bótalo de menos... O peor que levo eu persoalmente é a falta dalgún cliente, que falece e dun día para outro, non te dás acostumado. Clientela que levaba contigo trinta ou corenta anos... A vida, claro! Hai tanta xente aquí traballando, coñeces ás familias... A xente que empezou comigo aquí, comezou barrendo nos almacéns  e agora son xerentes, que bonito é isto...”.

P.D. Con permiso dos hostaleiros e hostaleiras, esta vai pola clientela que é botada de menos,, á vosa saúde, brindamos nas vosas segundas casas: os bares!

“Adaptámonos aos tempos facendo comida máis lixeira, moi apetitosa, caseira, con produtos frescos e de proximidade”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.