Cineuropa regresa en novembro explorando as múltiples formas de amar fronte aos discursos de odio

Cineuropa regresa un novembro máis ás pantallas de Compostela para celebrar o cinema como espazo de encontro, de reflexión e de liberdade. A súa 39ª edición desenvolverase entre o 7 e o 23 de novembro e abrirá o venres 7 coa proxección da película iraquí The President’s Cake (A torta do presidente), Cámara de Ouro á Mellor Ópera Prima no Festival de Cannes. Con este filme dáse inicio a unha edición que reunirá 140 películas procedentes de todo o mundo e un amplo abano de debates, encontros, ciclos e actividades formativas.
A concelleira de Capital Cultural do Concello de Santiago, Míriam Louzao, a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, e o director da 39ª edición de Cineuropa, José Luis Losa, adiantaron este mércores en rolda de prensa os aspectos máis destacados da programación.
A dicir da Concelleira, “máis ca un festival, Cineuropa é unha celebración colectiva do cinema como arte e como linguaxe de liberdade, un espazo que nos convida a mirar o mundo desde múltiples perspectivas e a pensarnos como sociedade a través das historias que se proxectan nas pantallas. É tamén un acto de resistencia cultural: fronte á uniformidade e á censura, o festival mantén viva a aposta pola diversidade, pola reflexión e pola emoción compartida”.
A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, destacou a capacidade de Cineuropa de atraer “espectadores fieis, de novos públicos que se enganchan por primeira vez. É un festival que forma parte da memoria colectiva, que nos acompaña ano tras ano e que nos fai sentir orgullosos de vivir nun lugar onde o cinema ten un espazo tan importante”.
Baixo o lema “Saír do outono e da clandestinidade”, o festival convida a recuperar o pracer colectivo da sala escura como antídoto contra os discursos do odio e a incerteza contemporánea. “Cada filme é unha tesela dun mosaico de culturas, linguas e emocións —un discurso coral da arte, que é a mellor linguaxe coa que encarar o presente e mais o porvir”, sinalou o director José Luis Losa.
Un mosaico de autorías e visións do mundo
Entre as grandes citas do calendario internacional, Cineuropa 39 proxectará o León de Ouro da Mostra de Venecia, o Oso de Ouro de Berlín, o Leopardo de Ouro de Locarno e o Gran Premio do Xurado de Cannes, ademais doutros moitos títulos dos festivais citados e doutros certames internacionais como San Sebastián, Bos Aires ou Sitges, combinando novas voces con cineastas e ollares consagrados. A programación acollerá obras de Paolo Sorrentino, François Ozon, Olivier Assayas, Richard Linklater, Joachim Trier, Radu Jude, Lucile Hadzihalilovic, Pietro Marcello, André Téchiné, Lucrecia Martel, Hafsia Herzi, Dag Johan Haugerud, László Nemes, Alice Winocour ou Pedro Pinho, entre outros.
Na Sección Oficial Europea poderán verse títulos como Sentimental Value (Valor sentimental); Árva (Orfo); Ciudad sin sueño; Couture; Dreams (Sex Love) (Soños en Oslo); Duse; Elisa; Emergency Exit; Late Shift (Quenda de garda); Sound of Falling (Son de caída); Kontinental ‘25; L’Étranger (O estranxeiro); La grazia (A graza); La petite dernière (A irmá pequena); La tour de glace (A torre de xeo); Le mage du Kremlin (O mago do Kremlin); Les gens d’à côté (A xente do lado); Mother’s Baby (O bebé da nai); Nouvelle Vague; O riso e a faca; Pai Nosso. Os últimos dias de Salazar; Reflet dans un diamond mort (Reflexo nun diamante morto); White Snail (Caracol branco) e Zikaden (Cigarras).
O Panorama Internacional, pola súa banda, propón un percorrido pola diversidade global contemporánea a través de nove filmes que están a marcar a tempada nos principais festivais: Father Mother Sister Brother, de Jim Jarmusch (León de Ouro en Venecia); O axente secreto, de Kleber Mendonça Filho) mellor director e mellor actor no Festival de Cannes; The President’s Cake (A torta do presidente), de Hasan Hadi; Nuestra tierra, de Lucrecia Martel; Resurrection, de Bi Gan; O último azul, de Ana Clara Ribeiro; En el camino, de David Pablos; La virgen de la Tosquera, de Laura Casabé; e Two Seasons, Two Strangers (Dúas estacións, dous descoñecidos), de Hiroshi Takahashi. Un programa de altísimo nivel artístico que reflicte a vitalidade, complexidade e compromiso do cinema actual.
A sección que define Cineuropa como festival competitivo, Cineastas do presente, chega á súa quinta edición, coa participación de once filmes procedentes de once países (Francia, Bélxica, Croacia, España, Hungría, Reino Unido, Suíza, Romanía, Perú, Paraguai e Tailandia). Entre os títulos a concurso destacan Unha pantasma útil, gañadora da Semana da Crítica en Cannes e premiada tamén en Sitges; La danse des renards, Pillion e Météors; Punku e Bajo las banderas, el sol, premiadas en Berlín e Bos Aires; Milk Teeth e Anoche conquisté Tebas, chegadas de Venecia; God Will Not Help, galardoda en Locarno; e Feels Like Home, distinguida co Premio Méliès de Prata a mellor filme europeo en Sitges.
Unha selección que confirma o compromiso de Cineuropa coa nova autoría internacional e coa diversidade de voces que están a renovar o cinema contemporáneo.
Un festival comprometido co tempo presente
As once películas desta Sección Oficial a Concurso reafirman o papel de Cineuropa como escaparate do novo cinema de autor. Nesta edición, o xenocidio palestino e a memoria das ditaduras do século XX atravesan moitos dos relatos, coa presenza destacada do cineasta Kamal Aljafari, que será tamén un dos tres Premios Cineuropa 2025.
Xunto a el, recibirán o galardón Jonás Trueba, referente do cinema independente español e herdeiro da mellor tradición humanista europea, e Jaione Camborda, directora donostiarra-compostelá que fixo historia ao gañar a Cuncha de Ouro de San Sebastián con O corno e que representa o vigor do Novo Cinema Galego.
O cinema galego, protagonista
O Panorama Audiovisual Galego reafirma a aposta de Cineuropa pola creación propia. Este ano, a sección inclúe a estrea galega de Así chegou a noite, o novo filme de Ángel Santos que pechará o festival; Deuses de pedra, de Iván Castiñeiras, aclamado en Documenta Madrid e no Play-Doc de Tui; e 360 curvas, sobre as mobilizacións sociais da Fonsagrada nos anos 90. Completan a sección Crónicas dun non, Grelei raíces no teu lar, Lola, O meu nome é Camba e O silencio heredado. Ademais, o programa de curtametraxes inclúe Ciudá de ladrillo, Danza propia, Pura e Algo novo que contar, mostrando novas voces e linguaxes cinematográficas en formato breve.

Actividades e seccións paralelas
As seccións paralelas de Cineuropa completan a súa programación con propostas pensadas para todos os públicos e para distintas sensibilidades cinematográficas. Destacan a retrospectiva dedicada á actriz Faye Dunaway e o ciclo temático sobre o amor, As cousas do querer, composto por 39 películas que exploran as múltiples formas de amar, fronte ao eco persistente dos discursos de odio.
Ademais, en LatidoAmericano o festival inclúe unha selección de títulos que amosan a diversidade e riqueza do cinema contemporáneo da rexión, como a adaptación dun conto de Mariana Enriquez, a arxentina La Virgen de la Tosquera; a mexicana, En el camino, gañadora da sección Horizontes na Mostra de Venecia: e unha xornada das máis agardadas polos amantes do cinema de terror, a maratón, que reúne 7 proxeccións especiais; Fantastique Compostela, dedicada ás ficcións máis audaces e sorprendentes; e Cineuropa Miúda, pensada para o público infantil e xuvenil, que combina proxeccións adaptadas e actividades educativas.
Estas seccións paralelas reforzan a vocación de Cineuropa de ofrecer un programa inclusivo e plural, abrindo espazos de reflexión, emoción e descubrimento arredor do cinema en todas as súas formas.
Cineuropa manterá o seu programa de debates, encontros e sesións especiais, proxeccións con música en directo da Real Filharmonía de Galicia e outros concertos arredor do cinema como o da Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela. As actividades combinan memoria, creación e reivindicación. Entre elas destacan a mesa sobre a folga de actores e actrices de 1975, a reflexión sobre as ditaduras silenciadas con proxección de Bajo las banderas, el sol, obradoiros de Barraca XXI con participación de persoas con doenzas mentais e sesións con filmes históricos e conmemorativos como La casa de la Troya (1925) e Oficio de desterro(1979) de Carlos Asorey.
Xurado Internacional
O xurado internacional, integrado por Eulàlia Iglesias, Ramón Lluís Bande e Florencia de Mugica, concederá o Premio Cineastas do Presente. Eulàlia Iglesias (Barcelona, 1972) é profesora de Historia do Audiovisual e Teoría e Análise do Cinema e da Televisión na Universidade Rovira i Virgili, colabora en múltiples publicacións especializadas e forma parte dos comités de programación da Seminci e do D’A – Festival Internacional de Cinema d’Autor de Barcelona. Ramón Lluís Bande (Xixón, 1972) é un destacado cineasta e escritor de non ficción en España, coa súa obra centrada na memoria histórica, o territorio e a resistencia antifascista asturiana; os seus documentais foron proxectados en Cineuropa e en numerosos festivais internacionais. Florencia de Múgica (Bos Aires, 1985) é produtora, licenciada en Arte Dramática, especializada en cinema e comisariado, fundadora de Bomba Cine e responsable de múltiples producións premiadas en festivais internacionais; desde 2023 forma parte do departamento de industria da Seminci, colaborando en proxectos entre Europa e América Latina.
Sedes do festival e información práctica
O Teatro Principal, o Salón Teatro, o Auditorio de Galicia, NUMAX, e a Zona C abeirarán as proxeccións e actividades desta edición. As entradas e bonos estarán á venda a partir do próximo mércores 5 de novembro no despacho de billetes da Zona C e na web compostelacultura.gal.
Apoios e colaboracións
Cineuropa é un festival organizado polo Concello de Santiago de Compostela, co apoio do Consorcio de Santiago e a Deputación da Coruña, e a colaboración de diferentes institucións como o Instituto Camões, a Xunta de Galicia – AGADIC e a Universidade de Santiago de Compostela, alén doutras entidades culturais e empresariais da cidade.
