666rpmCésar VarelaCompostelaCulturaMúsica

NARIS KAHAO. Existe Underground por debaixo do Underground

Por César Varela [Rock Compostelán]

Lendo o nome, tal e como soa, parece o dun rapeiro do Bronx ou o dun rastafari facendo reggae. Pero non! É o nome dunha banda de Rock de Santiago de Compostela.

A historia é bastante curiosa. Resulta que hai uns días ía camiñando polas rúas de Compostela e atopeime cun amigo (músico) ao cal non vía dende había tempo. Comentoume que chegara aos seus oídos que eu estaba escribindo un libro da Historia do Rock en Compostela e díxome que el formara unha banda con dous amigos. Aclaroume que non era a súa intención saír no libro, nin moito menos, pero que me admiraba moito polo traballo que estaba facendo e que lle gustaría que acudise a un dos seus ensaios, sinxelamente para ver que me parecía o que facían.

Unha tarde quedamos e fun. Aquelo soaba impresionante. Era coma unha mestura entre Fugazi, Nirvana na primeira época, Pavement e un montón de grupos máis que se me viñeron á cabeza á hora de escoitalos, naquel local tan coidado, no que todo soaba perfecto. O repertorio que me ofreceron esa tarde exclusivamente para min consistía nunha serie de versións e temas propios, dende logo, súper traballados e logrados. En serio: quedei flipado coa calidade de son e composición da cal puiden desfrutar unha hora e media aproximadamente. Todo un luxo para os meus oídos.

Pregunteilles se podía incluílos no meu libro e nas páxinas da Revista Pincha e a resposta foi que si, pero que a condición era que non puxera ningún dato do grupo, agás o nome. Nin fotos, nin nada que os identificase. Queren pasar desapercibidos. Por iso vos digo que existe Underground por debaixo do Underground.

Non queren facer ningún bolo, nin que ninguén os coñeza e que confían en min plenamente nese aspecto. Só vos podo dicir que son un trío (guitarra e voz, baixo e batería) e nada máis. Eles só queren ensaiar cando o tempo llo permite, compoñer e con iso séntense máis que satisfeitos. Eu respecto a súa decisión e por iso, ata aquí podo escribir.

Teñen unha maqueta con 11 temas propios que soa de luxo. Pedinlle permiso para subila ao meu Bandcamp pero a resposta foi non. Dixéronme: “Toma! Regalámosche unha copia para que ti a desfrutes na túa casa, pero por favor non a subas a ningunha plataforma”.

E a foto? Que foto publico? Respondéronme que fose pola rúa e que cando atopase un sumidoiro que me resultase atractivo pois que disparase e publicase iso. Que iso é o Underground do Underground. E dito e feito. Así o fixen. Sinto non poder contarvos máis. É unha verdadeira mágoa que non queiran saír ó espazo exterior, pero eu respecto a súa honesta decisión e como se soe dicir: o prometido é débeda.

Por certo —e xa non vos dou máis a chapa por agora— o meu libro do Rock Compostelán por fin está rematado. Dúas editoriais ofrecéronme publicalo e díxenlle que non, que se alguén o tiña que editar son eu. Conclusión: Ás veces non sei se son as coincidencias da vida ou que as cousas sinxelamente che fan cambiar de parecer, pero finalmente, non o vou publicar. Aí queda, metido no meu Mac. Sinto moito polos que estabades interesados en telo e lelo, pero a decisión está tomada. O libro nunca verá a luz. Permanecerá no Underground eternamente.

Vémonos na próxima aventura rockandrollesca de 666rpm!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.