CulturaGaliciaNovasReportaxes

Mulleres no audiovisual galego

Por Ruth Ríos

Anxo Fazáns e Silvia Fuentes
Anxo Fazáns e Silvia Fuentes, de Sétima. Foto: Iván Barreiro

O sector audiovisual galego vive unha etapa de crecemento sostido e madurez. Galicia destaca como unha rexión periférica fora do centralismo de Madrid que conseguiu consolidar unha industria propia e potente dentro do panorama nacional e internacional.

O noso audiovisual ten unha presenza cada vez máis notable de mulleres que ocupan postos clave. Sen embargo, aínda queda camiño por percorrer, especialmente en ámbitos técnicos como a guionización ou a dirección. Segundo o estudo ‘A representatividade e representación das mulleres no audiovisual galego’ elaborado pola Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios Audiovisuales (CIMA), en Galicia só un 26,3% dos postos directivos son ocupados por mulleres, baixando ata o 21,1 no caso de postos técnicos como a dirección de fotografía.

Por iso queremos dar unha ollada ao papel que as mulleres estamos a xogar neste novo panorama. Que tipo de postos ocupamos? Están reflectidos os nosos intereses nas narrativas? Para responder a preguntas como estas, acudimos a algunhas mulleres referentes da nosa industria: Emma Lustres, cofundadora da produtora Vaca Films, e Anxos Fazáns, directora de cine e cofundadora tamén de Sétima Producións.

Ambas profesionais abordan proxectos diferentes, pero teñen algo en común: loitan polo protagonismo das mulleres no eido galego audiovisual.

O crecemento do sector audiovisual galego

Galicia converteuse nun exemplo de como unha rexión pode desenvolver unha industria audiovisual próspera. Éxitos recentes como ‘As Bestas’, que aínda  sen ser estritamente galega levou a nosa idiosincrasia ata os Goya, ‘Matria’ (sobre unha traballadora do sector conserveiro) ou ‘O Corno’; a presenza continua de actores e actrices da nosa terra -exemplificados en Luis Tosar, Luis Zahera, Javier Gutiérrez ou Cristina Castaño- en producións nacionais; ou series que triunfan nas plataformas de streaming como ‘Clanes’, ‘Rapa’ ou ‘Operación Marea Negra’ son só mostras da presenza de Galicia na ficción española.

Emma Lustres.

Emma Lustres: unha traxectoria de éxito

Neste sentido, voces como Emma Lustres (O Grove ,1975) explican tamén que o camiño se constrúe grazas “ao apoio de entidades como a Televisión de Galicia e as iniciativas privadas que apostaron desde cedo por proxectos locais”. Así o sector conta hoxe cun ecosistema diversificado que inclúe produtoras recoñecidas, actores e actrices de talento e localizacións que atraen producións de fóra. É significativo o caso de A Coruña, unha cidade clave para produtoras como Vaca Films, que empregan Galicia como un epicentro creativo e produtivo.

A industria galega ten unha posición moi boa grazas a unha traxectoria de anos, unha base educativa sólida e o talento de profesionais locais, en palabras de Lustres. A aposta por proxectos globais desde Galicia reflicte a capacidade do sector para competir máis alá das fronteiras rexionais.

Vaca Films, a produtora de Lustres, é unha das figuras máis destacadas do audiovisual galego. Fundada en 2003, conseguiu un amplo recoñecemento grazas a películas e series de éxito como ‘Celda 211’, ‘El desorden que dejas’ ou a recente ‘Clanes’. O compromiso de Lustres co local é evidente, xa que a meirande parte das súa historias se narran e rodan en Galicia, aproveitando non só o talento dos nosos actores e actrices, senón tamén as espectaculares paisaxes galegas.

Aínda que a empresaria recoñece os avances acadados, subliña que “non existe unha igualdade plena”. Ademais, chama a atención sobre a necesidade de fomentar a presenza de mulleres en postos técnicos, e no acceso a orzamentos maiores para proxectos liderados por mulleres.

Anxos Fazáns: unha nova xeración de talento

Nunha liña semellante pronúnciase Anxos Fazáns (Pontevedra, 1992). Ela é outro nome clave dentro do audiovisual galego con tan só 32 anos de idade. A súa película ‘A estación violenta’ (baseada nunha novela homónima de Manuel Jabois e estreada en 2017) destacou polo retrato xeracional dun xornalista compostelán  en crise e pola súa capacidade para conectar con personaxes de diferentes idades. Fazáns, aínda nova, foi quen de captar con gran sensibilidade a complexidade emocional dos seus protagonistas, o que lle valeu o recoñecemento da crítica. Ademais, a súa aposta polo galego e por narrativas locais reforza a identidade cultural do noso cinema.

Tras esta experiencia, Fazáns embarcouse xunto coa súa compañeira de universidade Silvia Fuentes (A Estrada 1990)  na creación da produtora Sétima Producións.  Ambas relatan que a idea foi o resultado dun proceso natural, aínda que non exento de retos. A decisión de fundala xurdiu da necesidade de canalizar a súa visión e experiencia, e tamén da percepción dunha carencia xeracional no sector audiovisual galego. “Vimos que había espazo para unha nova produtora que apostase por unha mirada fresca, cun enfoque en proxectos rodados maioritariamente en galego. Foi unha decisión arriscada, pero tamén emocionante, porque desexabamos ofrecer algo novo á industria”, relatan Anxos e Silvia.

As dúas socias afirman que en Sétima, aínda que non teñen unha liña temática ríxida, si teñen claros os seus principios, apostando pola produción creativa e pola representación cultural e lingüística de Galicia. O idioma galego é unha peza clave nos seus proxectos, así como a necesidade de conectar cunha mirada xeracional. Cada proxecto que asumen debe tocarlles dun xeito persoal, o que lles leva a explorar temáticas e xéneros moi diversos.

Elas para este 2025 teñen previsto alumear proxectos como a película ‘As liñas descontinuas’, actualmente en montaxe, e o documental ‘Filmei paxaros voando’.

En Galicia só un 26,3% dos postos directivos do sector son ocupados por mulleres, baixando ata o 21,1 no caso de postos técnicos como a dirección de fotografía

Futuro

As tres profesionais cren que nos últimos anos houbo avances significativos en canto á presenza de mulleres na dirección e produción de cine en Galicia. Non obstante, aínda queda moito camiño por percorrer, especialmente nos postos máis técnicos, como son o de xefas de son, iluminación ou efectos especiais. Ademais, existe unha diferenza notable nos orzamentos que se destinan a proxectos liderados por mulleres, sendo aínda escasas as producións con altos investimentos dirixidas por elas. Segundo o ‘Estudio sectorial sobre la Mujer y el Audiovisual España-Mexico-Argentina’ elaborado pola Cátedra Nebrija-EGEDA, as cineastas manexan contías orzamentarias ata un 42% menores que os seus compañeiros masculinos.

A normalización de historias diversas e a representación feminina na pantalla e tralas cámaras son pasos fundamentais cara a unha industria máis inclusiva. Para que o crecemento continúe, é fundamental seguir promovendo a igualdade de oportunidades e fortalecendo as redes de apoio ás creadoras. Galicia ten unha historia que contar e, grazas ao talento das súa mulleres, está chamada a ocupar un lugar destacado no panorama audiovisual internacional.

Bea Villar, Cristela Torres e Lara Caeiro, abrindo camiños para un audiovisual máis diverso.

Por Rebeca Munín

Algunhas das producións de Brava.

Bea Villar, Cristela Torres e Lara Caeiro, abrindo camiños para un audiovisual máis diverso.

Bea Villar (A Coruña, 1998) e Cristela Torres (A illa de Arousa, 1995) crearon fai un ano Brava, unha produtora que aposta por proxectos audiovisuais cunha perspectiva feminista, en galego e cunha linguaxe e formatos contemporáneos. “Decidimos lanzarnos porque vimos que había un baleiro de contido para a xuventude”, conta a primeira.

Neste tempo teñen producido sobre todo proxectos para plataformas dixitais, como os programas ‘A previa’ ou ‘Raíña-me’ - no que a drag queen Alexa Evans converte a unha persoa convidada nunha raíña do drag- e web series como ‘Pringadas’ e ‘A moza que abortou e o contou’, ambas finalistas aos Premios Mestre Mateo. “Este ano é destacable a calidade que teñen todas as candidatas. Tanto ‘Poscoito’ como ‘Pulp air’ —contra quen compiten— son grandes web series tamén. Como a nosa ilusión era estar entre as finalistas, pode soar raro, pero eu estaría contenta porque gañe calquera das catro”, asegura. Sobre o éxito deste formato nos últimos tempos en Galicia, Bea cre que hai tres factores clave: o Festival Carballo Interplay, as axudas de AGADIC –“que estaría xenial que volvera a habelas”, apunta- e a plataforma AGalega.

En canto á presenza feminina no audiovisual galego, Bea opina que cada vez hai máis produtoras como a súa lideradas por mulleres e máis proxectos que contan con directoras, “pero é certo que na parte técnica, iluminación, son, maquinistas... hai moitas menos”.  “Eu cando teño que conformar equipos sempre intento, non discriminar positivamente, pero si de primeiras pensar en elas. Por exemplo, se teño un home de 9 e unha muller de 9, prefiro coller a muller. Que pasa? Que en certos postos é moi complicado. E, por outro lado, hai sectores que están moi feminizados, como maquillaxe, vestiario, dirección artística...”, explica.

Bea Villar e Cristela Torres, de Brava.
Bea Villar e Cristela Torres, de Brava.

Precisamente no mundo da dirección artística e do estilismo, así como na dirección de videoclips e publicidade, traballa Lara Caeiro (Santiago, 1998). Entre os seus traballos, destacan os realizados con artistas como Mondra —no seu videoclip ‘Marimondra’ finalista dos Premios Mestre Mateo—, De Ninghures ou Fillas de Cassandra. “Creo que no mundo das artes en xeral hai un problema coas mulleres en postos de poder. Para min é impensable que a día de hoxe nunha rodaxe na que hai 40 persoas contratadas, 38 sexan homes. Sempre estamos loitando porque o audiovisual ten que ser unha profesión seria, así que obviamente teriamos que ter en conta a igualdade. Pero moitas produtoras non o fan e iso paréceme unha auténtica vergoña”, sentencia. “Cando din: Teño que buscar un director. Por que non unha directora? Quero dicir que moitas veces se dá por feito que ese lugar, ese rol de poder, dentro dunha produción ten que estar ocupado por un home. E, ademais de ser completamente inxusto, paréceme un pensamento surrealista no século XXI”, engade.

Lara Caeiro. Foto: Iván Barreiro
Lara Caeiro. Foto: Iván Barreiro

Como exemplo, recorda estar dirixindo un videoclip e ao chegar ao set, alguén lle preguntou se ía maquillar. “Hai comportamentos machistas que están moi integrados”, afirma. Por iso reivindica os espazos seguros nas rodaxes. “Sempre digo que non ten cabida a día de hoxe facer producións nos que non está representada a diversidade que hai na sociedade. Todas as persoas deberían sentirse incluídas e cómodas”, sinala.

Nos inicios da súa carreira, Lara recoñece ter aceptado traballos nos que viviu moi malas experiencias, sentíndose desprazada e soportando comportamentos de “machitos tóxicos” que “neses momentos cría que tiña que aceptar”. “Despois dinme de conta que non era necesario. A día de hoxe son consciente de que estou nunha situación de privilexio porque teño outro traballo que é o que me dá de comer e podo rexeitar ese tipo de proxectos. Calquera director ou artista por moi famoso que sexa ou por moi boa que sexa a oportunidade, se o tío é un ‘gilipollas’, eu non vou traballar con el. Os meus valores van por diante. Dáme igual quen sexas. Vou priorizar estar tranquila cando chegue a casa, peche os ollos e diga: vale, estou facendo cousas nas que creo”, reflexiona.

“É impensable que a día de hoxe nunha rodaxe na que hai 40 persoas contratadas, 38 sexan homes”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.