Faladoiros, espectáculos infantís e a Gran Gala do Orgullo, no Compostela Diversa 2025
Compostela Diversa 2025 chega cun programa amplo e diverso que aposta pola cultura como ferramenta de visibilización, reflexión e celebración das identidades LGTBIQ+. A súa programación, que presentou en rolda de prensa a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, combina arte, pensamento e participación social para facer de Compostela un concello “máis aberto, inclusivo e orgulloso da súa diversidade”.
Goretti Sanmartín deu conta dunha edición “máis completa, xa que presenta unha ampla e diversa oferta de actividades, consolidándose como a máis integral e participativa ata o de agora”, e que pon en valor “o papel crucial da Casa Xohana Torres como epicentro desta proposta, acollendo unha gran cantidade de eventos que promoven a expresión libre, a creatividade e o encontro desde unha perspectiva diversa e transformadora”. Así mesmo, a rexedora destacou as actividades especialmente dirixidas ao público infantil, como “Planeta LGBTIQ+ e Gael de Papel”.
A rexedora fixo fincapé na importancia de programas como Compostela Diversa: “somos plenamente conscientes da situación actual. Vivimos nun tempo no que os discursos de odio se espallan con vertixinosa rapidez e voracidade, gañando espazo na sociedade. A irrupción e tendencia alcista destes discursos preocúpannos moitísimo. Son unha terrible ameaza para o xa conquistado, e para o que fica por acadar, en materia de igualdade e inclusión”, motivo polo cal “mantémonos firmes no noso claro e forte compromiso na protección, fomento e educación en igualdade e respecto á diversidade”.
Programa
O programa de Compostela Diversa 2025 inclúe actividades lúdicas e formativas dirixidas a todos os públicos, con algunhas delas pensadas especificamente para público infantil e familiar. A primeira das actividades terá lugar o martes 10 de xuño ás 19 horas na Casa Xohana Torres. Aranxa Vicens ofrecerá o obradoiro Construíndo e preservando a memoria LGBTIQ+ no fanzine. Aranxa é comunicadora especializada en temas de memoria LGBTIQ+, autoedición e fanzines. Neste taller, as participantes afondarán nas identidades de xénero desde unha óptica LGBTIQ+ e decolonial, empregando a escrita e a autoedición como ferramentas creativas.
O 11 de xuño, tamén ás 19 horas na Casa Xohana Torres, Leidy Silva ofrecerá o obradoiro Acuarela experimental. Leidy Silva é unha deseñadora plástica e artista visual. A súa metodoloxía busca empoderar ás persoas participantes mediante a creación de espazos seguros e creativos onde se poidan expresar libremente e compartir experiencias. A terceira actividade, datada para o 14 de xuño, tamén na CXT ás 19 horas, consistirá nunha Mesa Redonda, Pasado, presente e futuro: palabras con Orgullo. Será un espazo de diálogo interxeracional e plural no que voces diversas reflexionarán sobre a evolución dos dereitos e das realidades LGTBIQ+: dende as loitas históricas ata os desafíos actuais e as esperanzas de futuro.
O martes 17 ás 19 horas, tamén na Casa Xohana Torres, presentarase o obradoiro vivencial: Corpo Común. Un encontro vivo para habitarnos e expresarnos en grupo, con Yolanda Paz, profesional do ámbito artístico e social. Este obradoiro ofrece un espazo seguro e inclusivo para traballar o autocoñecemento, a identidade e a diversidade a través do corpo, o movemento e a expresión artística. A actividade convida a explorar estruturas que condicionan as relacións interpersoais e a percepción individual, propoñendo dinámicas baseadas no xogo, na reflexión e na creación colectiva.
No Palco da Alameda, o 18 de xuño ás 18 horas, Caxoto brindará un espectáculo infantil e familiar, Planeta LGBTIQ+. Un contacontos para todos os públicos no que o narrador Caxoto leva ás crianzas e ás súas familias a unha viaxe imaxinativa e divertida por un planeta onde todas as identidades teñen cabida. Cun enfoque lúdico, pedagóxico e inclusivo, o espectáculo aposta pola diversidade, o respecto e a liberdade como valores fundamentais, fomentando a empatía desde a infancia a través da oralidade e a fantasía.
O 19 de xuño, novamente na Casa Xohana Torres ás 19 horas, terá lugar o obradoiro Corpos que celebran sen pedir permiso: reconectar coa esencia dende a tenrura, con Angelly Ferreiro, educadora social e dinamizadora galega especializada en procesos formativos con enfoque antirracista, decolonial e feminista interseccional. A actividade ofrece un espazo para a expresión corporal e emocional desde o coidado, a escoita e o gozo.
No Palco da Alameda, novamente, o 20 de xuño ás 19 horas, desfrutaremos de Gael Martins, artista que mestura música, poesía e identidade nunha proposta íntima e reivindicativa, no concerto Gael de Papel. Un proxecto artístico que conxuga a palabra cantada e recitada, visibilizando realidades disidentes e apostando pola diversidade desde a emoción e a creatividade, especialmente pensado para público infantil e familiar.
A Gala do Orgullo 2025 terá lugar na Praza de Mazarelos o 21 de xuño a partires das 20 horas. Será dirixida este ano por Scarlatina Pier. E contará coas actuacións de Catuxa Salom, Liteah, Yasmine Lutar, Amanda Carallo e DJ Saya. Un serán para celebrar con orgullo, música e reivindicación a diversidade sexual e de xénero.
O 25 de xuño ás 19 horas haberá outro obradoiro na Casa Xohana Torres: As voces da diversidade: percorrido poético-activo pola realidade LGTBIQ+. Será a cargo de Maitane Vicente Mariño, traballadora social e fundadora de ULA Libraría Social. Este obradoiro propón un espazo de creación colectiva no que a poesía e a escrita se converten en ferramentas de cambio e de benestar.
O 26 de xuño ás 18 horas, no mesmo espazo (CXT), celebrarase un taller monográfico de debuxo da man de Greta Deliberius: Arte contra os moldes de xénero. Greta é tatuadora e ilustradora, será a encargada de guiar esta sesión, baseada na súa ampla experiencia en proxectos editoriais, culturais e artísticos relacionados coa diversidade e a autoedición. Este taller práctico convida a repensar os corpos e as identidades desde a arte visual, cuestionando os mandatos de xénero impostos e promovendo representacións máis diversas, libres e inclusivas.
Para o peche deste amplo e completo programa que presenta Compostela Diversa 2025, terá lugar o faladoiro Diversidade para todes, relatado por Éric Dopazo, activista trans galego, educador e artista multidisciplinar comprometido coa defensa dos dereitos LGTBIQ+ e a visibilización das diversidades. Este faladoiro ofrece un espazo de reflexión aberta arredor do concepto de diversidade, abordado desde unha perspectiva crítica, interseccional e inclusiva. Será na Casa das Máquinas ás 19 horas o venres 27 de xuño.