CompostelaCulturaNovas

A SELIC pon o foco en como nacen os libros no seu décimo aniversario

Presentación da SELIC 2026. Foto: Julia G. Yánez

A concelleira de Capital Cultural de Santiago, Míriam Louzao, presentou un avance da SELIC 2026 (Semana do Libro de Compostela), que este ano terá por lema “Onde nacen os libros” para poñer en valor “Compostela como berce e fogar non só de infinidade de artistas senón tamén dun altísimo número de editoras independentes”. Neste sentido, a concelleira indicou que “o foco está posto en todo o proceso que vai da idea ao do obxecto e iso reflectirase no tipo de obradoiros e de actividades que se van programar”.

Na presentación tamén participaron a deseñadora do cartel desta edición, Laura Romero, a directora artística, Lorena Conde, o editor Quique Alvarellos de Alvarellos Editora e a libreira Chus Costoia da Libraría Pedreira.

Laura Romero explicou que no cartel deste ano, que volve a adoptar o formato de tríptico e mantendo as mesmas cores de fondo que o ano pasado, aproveitou para plasmar o proceso de “nacemento” dos libros desde a idea ata que chegan ás persoas lectoras. Así, o primeiro dos deseños, con fondo azul, está dedicado á creación, entendida como persoas escritoras e ilustradoras; o segundo, con fondo amarelo, está dedicada á edición, ilustrado con elementos referidos á fábrica e ás ferramentas; e o terceiro, con fondo rosa, está dedicado ás librarías e ao momento en que os libros chegan ao público lector. “É un resumo visual e imaxinativo, que foi moi divertido de facer, de como se fabrican os libros e como chegan á xente en tres carteis” asegurou.

Sobre o lema escollido para esta edición, Míriam Louzao tamén fixo fincapé en que “tampouco perderemos de vista a multiplicidade de ‘lugares simbólicos’ onde nacen os libros” e puxo como exemplos “a riqueza lingüística do noso idioma, que centrará unha das actividades que guiará Através Editora; ou a reflexión social e o pensamento crítico, que estará presente en obradoiros como o impartido por Brigitte Vasallo; ou a relación que a veciñanza establece coa súa cidade propia a través da literatura e dos libros, como é o caso da lectura colectiva que volveremos convocar na praza do Obradoiro, o domingo 27 de setembro”.

Programa

En relación á programación, que se fará pública o 23 de setembro a través da páxina web da SELIC, Lorena Conde fixo fincapé nas actividades previas. Ademais da lectura colectiva na praza do Obradoiro, explicou que este ano se ampliará a iniciativa ‘Paradas lectoras’ que se realiza en colaboración con 7H. A directora artística indicou que se trata dunha rede de “paradas” espalladas por distintos puntos do concello (parques, marquesiñas e centros socioculturais) que identificarán “espazos agradables para aproveitar para ler e que non son espazos convencionais”. Adiantou que nalgunhas destas paradas se realizarán actividades para promover a participación activa da veciñanza. Tamén mencionou que nesta edición se está traballando co comercio de proximidade da Cidade Histórica para que se presenten como puntos lectores e integren espazos para o libro nos seus escaparates en colaboración coa SELIC.

Sobre a programación avanzou que integrará un gran número de obradoiros, un roteiro familiar guiado por Carlos Labraña, unha sesión DJ baseada en títulos de libros que se editan en Compostela, unha botica de remedios libreiros para todos os males, así como presentacións e sinaturas. Na carpa da Quintana participan 25 expositoras entre editoras, librarías, artistas e bibliotecas e a benvida inaugural correrá a cargo da poeta Ana Romaní.

Pola súa banda, Henrique Alvarellos puxo en valor o papel da SELIC como espazo para que as editoras teñan ocasión de amosar o seu catálogo todo xunto e ter contacto directo co público lector. O editor de Alvarellos Editora salientou que Compostela ten un gran número de editoras e cunha importante diversidade en proxectos editoriais en lingua galega. Neste aspecto, asegurou que a venda de libro en galego “está nunha crise profunda, cun 8% do mercado en Galicia, e a lingua está practicamente en SOS, e a SELIC sirve precisamente para intentar darlle a volta a estas estatísticas”.

Chus Costoia tamén secundou a idea da necesidade de pular polo libro en galego asegurando que “levo 45 anos coas libraría e levo 45 co mesmo discurso, por iso é tan necesario o apoio desde todos os ámbitos e o Concello de Santiago sempre apoiou con iniciativas coma esta”. Tamén explicou que a SELIC non se circunscribe tan só aos dez días en que se instala a carpa na Quintana senón que se mantén a máis longo prazo, e puxo como exemplo os casos de persoas que chegan á libraría preguntando por libros presentados na SELIC.

A Semana do Libro de Compostela terá lugar na praza da Quintana, do venres 2 ao domingo 11 de outubro, en horario de tarde de luns a venres e de mañá e tarde nas dúas fins de semana.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.