Os meus recunchos favoritos para comer en Santiago
Por Marta Seoane
A ampla oferta de bares e restaurantes que atopamos en Santiago conta cunha variedade de ambientes e servizos moi interesante. A decoración, os produtos, o servizo e o ambiente son algunhas das características que máis chaman a atención á hora de escoller un sitio; por iso, aquí están algunhas das miñas recomendacións.
A Carrilana é un sitio indispensable se queres probar un bo almorzo. Grazas á variedade tan interesante de produtos, dende tortitas e smoothies, ata egg drops ou buddah bowls, teñen uns sabores moi particulares e moi ben preparados. Outra cousa a destacar deste lugar é o seu ambiente acolledor. Conta cunha terraza situada na praza de San Paio de Antealtares, perfecta para os días calorosos, e un interior decorado a modo rústico. Así mesmo tamén é moi bo sitio para merendar, xa que máis cara a fin do día vólvese bastante concorrido e conta cun ambiente musical idóneo para desconectar.
Seguindo pola zona vella, especificamente na rúa do Vilar, atopamos Udon; restaurante de comida asiática no que, grazas á ambientación, sénteste como se estiveses realmente nunha vila xaponesa. A decoración excelente e o bo trato do persoal fai que pases un agradable momento. En canto á comida, hai moita variedade; fideos, arroces, ramen… Contan cuns entrantes, os rollitos de primavera por exemplo, perfectos para compartir, e hai condimentos de todos os gustos, salsas picantes, máis suaves, e pratos completamente vexetais.
Falando de comida exótica temos tamén o aberto fai pouco, La Chida. Este restaurante mexicano situado en Rosalía de Castro pode definirse como unha explosión de cores e sabores, no cal podes comer a base de compartir distintos pratos e así probar varias especialidades, ou optar por pratos individuais máis contundentes. Para compartir hai numerosas opcións, coma por exemplo Elotes de millo, Poke mexicano, ou Guacamole; e como pratos principais contan con Costillar de porco ou Machete de Bandeira. Así mesmo contan con outras opcións coma os famosos tacos mexicanos, ou unha gran variedade de ensaladas.
TS A Casa é outro dos meus esenciais en canto a comidas. Este restaurante vexetariano conta cunha comida moi rica e abundante. As Burgers vexetais, Croquetas de Boletus, Tostas e os Nachos son os meus pratos favoritos. Un menú perfecto para compartir, e o ambiente familiar deste local, fai que a túa comida se converta en toda unha experiencia. Por outra parte o trato é excelente. Tanto se queres comer no lugar, coma se queres levar a comida para casa, son moi atentos e amables. Pero este sitio non serve só para comer, xa que contan tamén cunha ampla oferta de bebidas para tomar algo; Caipirinha, Mojito, ou Batidos de froitas entre elas.
Estas son só algunhas das opcións que máis destacan para min ultimamente no panorama gastronómico santiagués. Recomendo que lle deades unha oportunidade a estas opcións, cheas de novos sabores e ambientes moi agradables.