fbpx

Música ao vivo e espazos de debate, no festival ‘O que non se escribe’

Aitana Cuétara, Mercedes Rosón, Valentín García e Sindo Guinarte.

A próxima semana Santiago acolle de novo un festival único en Galicia. O QUE NON SE ESCRIBE porá o foco nos arquivos sonoros e a creación contemporánea a través dun programa que ofrece singulares propostas de música ao vivo pero tamén espazos de debate, divulgación, activismo cultural e aprendizaxe.

Onte presentouse no Concello de Santiago o programa da 2ª edición do festival “O QUE NON SE ESCRIBE. ARQUIVOS SONOROS E CREACIÓN CONTEMPORÁNEA”, que propón entre o xoves e o domingo da próxima semana distintas actividades de aprendizaxe e experimentación sobre o noso patrimonio sonoro. Na presentación participaron Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural; Sindo Guinarte, concelleiro de Turismo; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; e Aitana Cuétara, responsable de LUNEDA PRODUCIÓNS e directora do festival.

O festival volve poñer o foco no proceso, desde o máis antigo ao máis contemporáneo, e presenta un programa pensado como unha posta en común dalgúns dos temas que ocupan e preocupan ás artistas, estudosas e institucións que traballan cos arquivos tradicionais; ao tempo que se propoñen espectáculos ao vivo que son unha mostra dos proxectos máis actuais arredor da música tradicional desde unha óptica propia e ao mesmo tempo global.

As entradas para os concertos do Teatro Principal e a sede da SGAE están dispoñibles na web de compostelacultura.gal. As do concerto da Casa das Crechas poderán adquirise a través de enterticket.es.

PROGRAMA

XOVES 12

O programa arrancará o xoves 12 ás 16h na Sala Riquela cunha master class impartida polo zanfonista e graller catalán Adrià Grandia, que convidará ás persoas participantes a explorar as posibilidades sonoras dos instrumentos populares para crear novas atmósferas coa axuda de sintetizadores, efectos e outras tecnoloxías. Ás 18:30h, tamén na Sala Riquela, o xornalista Marcos Gendre presentará a palestra ‘Un novo mapa (música tradicional e creación)’, que contará coa participación de catro proxectos innovadores, interesantes e diferentes: Caamaño & Ameixeiras, CRNDS, Andrés Rodrigues e Lilaina.

A xornada do xoves vai rematar co transgresor espectáculo ‘Paradís’ das artistas baleares Joana Gomila & Laia Vallès na Casa das Crechas ás 21h. A capacidade de Joana Gomila de liberar á música tradicional mallorquina dos corsés e reinventala desde puntos de vista caleidoscópicos, únese neste novo formato a dúo con Laia Vallès, a unha vontade expansiva e transgresora (teclados, sintetizadores, samplers), que profundiza nese espíritu de busca e experimentación ao tempo que ensancha o seu universo sonoro incorporando por primeira vez cancións de composición propia.

VENRES 13

Na tarde do venres están programados dous encontros na Facultade de Xeografía e Historia da USC. O primeiro comezará ás 16h30 e xirará arredor do tema Autoría, privacidade e protección de datos nas gravacións dos arquivos de música tradicional. Algunhas artistas contemporáneas utilizan audios orixinais de arquivos nos seus traballos discográficos, xerando beneficios. Deberían repercutir eses dereitos nas informantes como intérpretes e, en moitos casos, tamén autoras? Como se xestiona a privacidade desas voces, na maioría dos casos de persoas xa falecidas, que non deron o seu consentemento para ese uso? O xornalista Germám Ermida moderará a palestra na que intervirán a avogada e manager, Patricia Hermida; a antropóloga e musicóloga, Beatriz Busto; e a coordinadora de proxectos en MAOS Innovación Social, María Abelleira. O xornalista Germám Ermida moderará a palestra na que intervirán a avogada e manager, Patricia Hermida; a antropóloga e musicóloga, Beatriz Busto; e a coordinadora de proxectos en MAOS Innovación Social, María Abelleira.

Ás 18h30 na mesma sala, a etnomusicóloga Xulia Feixóo guiará a segunda palestra da xornada, na que a compiladora Leni Pérez; o antropólogo e investigador do Incipit – CSIC, Íñigo Sánchez; e a coordinadora do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade, Concha Losada, intercambiarán opinións arredor da necesaria cuestión E… un arquivo común?, para explorar as posibilidades de crear un arquivo único con todo o material compilado durante todas estas décadas, e reflexionar tamén sobre as cuestión éticas e prácticas que plantexa esa idea: É posible recompensar o traballo dos e das compiladoras durante tantos anos? Temos dereito ao acceso a ese material? Onde debería estar?

O peche musical da xornada do venres dará comezo ás 20h30 na Sala Germán Coppini da Fundación SGAE e terá como protagonistas a Los Sara Fontán & Amorante, unidos no espectáculo SO (son), que propón escoitar sen ver. Nun tempo onde ollamos a música a través de pantallas, Amorante e Los Sara Fontán sitúan de xeito militante, o son (SO) no centro. Unha peza sónica a escuras, só bañada pola luz de nove lanternas controladas polos propios músicos. Dispostos en círculo e co público rodeándoos, o inédito trío toca, canta, declama, baila, corre e performa de xeito ininterrompido, sen descuartizar o son en cancións ou fragmentos. A ollada pasiva subordínase á escoita activa mentras Iban Urizar (Amorante), Sara Fontán e Edi Pou viaxan por unha infinidade de estilos e texturas, desde a música tradicional e as paisaxes sonoras até o posthardcore e o trap con autotune.

SÁBADO 14

O sábado será unha xornada de aprendizaxe arredor da zanfona: aCentral Folque organiza un monográfico sobre este instrumento que será impartido por Adrià Grandia no centro sociocultural A Trisca, en horario de 10h a 14h e de 16h a 19h. A información para participar estará dispoñible en folque.com

Os concertos da segunda edición do encontro O QUE NON SE ESCRIBE pecharanse no Teatro Principal. Ás 20h30 Anna Ferrer presentará Parenòstic, un espectáculo cru e sofisticado dirixido por Niño de Elche no que a artista pon en equilibrio o debate interno entre a creación contemporánea e a tradición, entendendo que son un todo. Na escena, ela soa reinterpretando desde tres olladas diferentes e diferenciadas os cantos tradicionais das Illes Balears.

E a continuación, o dúo occitano Cocanha presentará o seu novo disco, Puput, producido por Raül Refree, que soubo capturar á perfección a intensa delicadeza da súa música. As voces de Cocanha proxéctanse ao ritmo da pulsación dos tambores de cordas e a percusión corporal, levando o repertorio tradicional occitano ao seu terreo de xogo e explorando sonoridades únicas cunha mensaxe que cuestiona a misoxinia e a relación coa norma social.

Paseo Sonoro

A partir do xoves 12 e ata o domingo 29 de maio estará dispoñible un paseo sonoro, que vai levar ás persoas participantes a través dun mapa por diferentes puntos da cidade nos que se poderán atopar tesouros sonoros. Cada punto agochará un código QR para escanear e escoitar cos auriculares un anaco dunha recolla de música tradicional. Acompañando a cada QR, atoparemos a información do audio: a quen lle foi gravado, onde e cando foi gravado e por quen foi gravado. Tamén por quen foi feita a selección da peza, xa que para escoller eses cortes contouse coa colaboración de destacados profesionais da música tradicional.

Este ano, como novidade, ademáis de música tradicional galega, tamén poderemos escoitar 7 arquivos recollidos da tradición oral de 7 lugares polos que pasan os diferentes Camiños de Santiago, grazas aos que sempre se produciron importantes intercambios culturais: o Camiño Francés, o Camiño Inglés, o Camiño Portugués, a Vía da Prata, o Camiño Primitivo, o Camiño de Inverno e, como un guiño cara a sede xacobea máis antiga fora do territorio continental europeo, o Camiño de Santiago de Gran Canaria.

O paseo sonoro é unha actividade apoiada por Turismo de Santiago, que organizará o sábado 14 e o domingo 15 catro paseos sonoros guiados con saída desde a Oficina de Turismo da Rúa do Vilar ás 11h30 e ás 18h30.

As xornadas están organizadas por Luneda Producións; patrocinadas pola Concellaría de Acción Cultural do Concello de Santiago, Turismo de Santiago, e a Secretaría Xeral de Política Lingüística; e contan tamén coa colaboración de Artistas en Ruta-AIE, aCentral Folque, a USC e o Institut d’Estudis Baleàrics.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.