#SomosCoruñaA CoruñaCulturaSandra Rego

Héctor César: “A Coruña está nun momento idóneo para que un proxecto como CAbe colla forza”

Por  Sandra Rego

CAbe
Trala primeira edición de CAbe, Héctor César espera que o evento siga celebrándose nos vindeiros anos. Foto: Iván Barreiro

A fin de semana do 18 de setembro, a arte contemporánea inundou gran parte da Coruña. Máis de 25 exposicións en museos, galerías, fundacións, espazos alternativos, estudos artísticos, locais de hostalería e equipamentos culturais. Falamos con Héctor César, artífice da iniciativa Coruña Arte Aberta (CAbe), sobre a situación actual da arte na cidade e en Galicia.

CAbe permite facer unha fotografía da propia escena artística coruñesa. Existe un ecosistema suficientemente dinámico entre galerías, artistas, iniciativas e espazos para a creación?

Xustamente o obxectivo de CAbe é dar forma a estes dos puntos porque, se ben o nivel artístico na cidade é moi amplo e potente, notabamos que había falta de conexión entre galerías, museos, outros espazos alternativos e os propios artistas.

Quizais iso é o que nos levou a crear un proxecto como é CAbe. Onde un dos puntos básicos que queremos potenciar é volver unir todas estas partes da engrenaxe artística para que a comunicación sexa o máis fluída posible.

Que cres que funciona especialmente ben na cidade (antes de que existira CAbe) e que carencias ou retos detectas para o sector en xeral?

Como na maioría dos proxectos culturais, o que fai falta moitas veces é comunicalo ben, chegar a máis público e que a industria sexa capaz de transmitilo. E tamén colaboración das institucións que son as que poden axudar a que crezan os proxectos, tanto os persoais como os colectivos como CAbe.

É certo que todas as pezas relacionadas co mundo artístico están en moi bo momento, pero dalgunha maneira faltaba un fío condutor. E esa é a intención de CAbe, ser parte dese fío de cara aos próximos anos e que, ao mesmo tempo, comecen a xurdir sinerxías entre artistas, galerías, outros espazos, institucións e o público en xeral. Agora mesmo a cidade está nun momento idóneo para que un proxecto como este colla forza.

Unha das apostas deste proxecto é sacar a arte tamén dos espazos máis tradicionais que asociamos a creación contemporánea e levala a restaurantes, locais e outros lugares da cidade. Por que?

É un modelo que copiamos porque formamos parte da industria musical. Proxectos deste tipo, onde se involucran espazos artísticos, gastronómicos, e tamén outros espazos alternativos como salas de concertos e locais diferentes que apostan pola música. Aí vimos que había un nicho dentro do mundo da arte e pensamos que sería interesante achegarnos a esa perspectiva. Dimos no cravo, porque un dos puntos que a xente mellor recibe é esta mostra expandida, que está por toda a cidade e que chega a calquera punto.

Semella que a arte só ten uns espazos moi determinados onde expoñerse. Nós vimos un pouco a romper esa idea e darlle un contido moito máis amplo.

CAbe busca dar visibilidade non só á creación artística coruñesa, senón de Galicia. Como ves esa conexión entre a arte coruñesa e doutros lugares? O proxecto podería estenderse á outras cidades?

Que CAbe poida estenderse á outras cidades, véxoo máis complicado. O que si pensamos é que, nun futuro, CAbe sexa receptora de que outros proxectos galegos participen nela..

A vinculación é coa nosa cidade, pero, ao mesmo tempo, que sexa un amplificador de todo o que é a arte galega.

En canto ás relacións entre as diferentes cidades, pasa un pouco o mesmo que na Coruña, xa que a arte é moi individualista. Temos que traballar, tanto coa iniciativa privada como coa pública, para chegar a ser un punto moi interesante a nivel nacional da arte contemporánea.

Agora que falas das iniciativas públicas e privadas, o nomeamento da dirección do CGAC, en Santiago, xerou críticas por parte de diferentes colectivos. Pensas que os e as profesionais da cultura teñen suficiente voz e capacidade de participación nas decisións que afectan as institucións culturais públicas?

É un tema complicado, porque hai unha sector artístico que reclama ese dereito a poder decidir, pero, por outra parte, tamén as institucións teñen a última palabra nalgúns temas. O importante é falar entre as partes e chegar a un consenso de futuro no que todos esteamos a gusto. É difícil, porque sempre xorden moitos puntos de vista diferentes, pero, se queremos que a arte contemporánea e a industria galega crezan e se reforcen, hai que pasar por conversacións, relacións continuadas de respecto e de traballo para chegar a un entendemento común.

Despois desta primeira edición, que consideras que debería quedar de CAbe na cidade?

A nosa idea é seguir traballando cada edición ao máximo nivel, cun compromiso absoluto e, sobre todo, cunha ambición máxima de converter CAbe nun proxecto, primeiro de cidade, pero tamén de Galicia, para que sexamos ese enclave perfecto para todo o amante da arte contemporánea e que así se nos considere.

Pode ser unha atracción para o turismo ou para un público máis especializado?

Un dos obxectivos claros é atraer público que veña de fóra a coñecer a arte contemporánea, pero tamén a cidade e todo o que pode ofrecer. Canto máis importante sexa o proxecto, canto máis valor teña o que facemos, máis persoas virán.

Iso lógrase co paso das edicións, co traballo, esforzo e cos obxectivos logrados, que serán máis ambiciosos en cada edición. Tamén co apoio das institucións que, neste caso foron excelentes, tanto a Xunta de Galicia como o Concello da Coruña, así como toda a iniciativa privada, galerías de arte, museos, salas expositivas, tecido comercial da cidade, hoteis... Queremos seguir traballando da man con todos para que un día podamos chegar a ser unha mostra internacional de arte e formemos parte dese mapa de datas a destacar ao longo do ano no mundo da arte contemporánea.

E para rematar, como sería para ti un día perfecto na Coruña?

Un bo día pola cidade sería percorrendo os espazos habituais onde adoito ir. Se acompaña un día de sol, pasear ao lado da praia e rematar cun partido do Dépor onde podamos vivir momentos especiais, xa sería un día inesquecible.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.