A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e A Artesa da Moza Crecha unen gastronomía e astronomía no menú “As Perseidas e a Eclipse”

A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas presentou o seu menú Starlight “As Perseidas e a Eclipse”, unha proposta gastronómica elaborada polo restaurante A Artesa da Moza Crecha, en Betanzos, e que se poderá degustar o xoves 6 de agosto ás 21.00 horas.
O menú traduce en sabores, texturas e produto local dous dos grandes acontecementos astronómicos deste verán: a choiva de estrelas das Perseidas e a eclipse solar total do próximo 12 de agosto. No acto participaron o xestor da Reserva de Biosfera, Diego López Pedreira, e os responsables do establecemento, Lolo Mosteiro e Paula Martínez.
Durante a súa intervención, López explicou que, aproveitando “un fenómeno único”, o menú busca “conectar o ceo coa terra, sempre con produtos de calidade e poñendo en valor aos nosos produtores e produtoras”. O xestor subliñou que “a conexión entre as empresas da Reserva é fundamental” e lembrou que a entidade certifica a técnicos locais como monitores Starlight, de modo que a parte gastronómica poida apoiarse nas indicacións de quen mellor coñecen o ceo.
Mosteiro e Martínez ofreceron unha demostración culinaria en directo acompañada dunha degustación comentada dunha selección representativa do menú. Ambos explicaron o proceso creativo, a inspiración e o simbolismo presentes detrás de cada prato, así como a filosofía do establecemento, baseada na combinación de tradición, creatividade e sustentabilidade.
O propio restaurante conta coa certificación da Marca de Calidade da Reserva de Biosfera, distintivo que recoñece aos establecementos comprometidos co produto local, de tempada e de proximidade. Mosteiro agradeceu a colaboración no evento á Reserva de Biosfera e subliñou a aposta do local por ceas temáticas como a do próximo xoves. Martínez, pola súa banda, resumiu o espírito da proposta: “Na Reserva sempre miramos á terra e ao mar, pero nunca miramos o ceo; agora tócanos miralo e baixalo á terra”, e explicou que por iso “decidimos basear o noso menú no mito de Perseo”, quen dá nome á constelación das Perseidas.

“As Perseidas e a Eclipse” é un menú degustación concibido como un relato que dialoga entre o cosmos e a memoria galega. Cada elaboración interpreta un fragmento dos mitos da antiga Grecia e Roma (Perseo, Dánae, Medusa e Andrómeda) e tradúceo con produto de proximidade e técnicas de cociña contemporánea sen renunciar á tradición.
Pratos como O Oráculo, A Torre de Dánae, O nacemento de Perseo, A mirada de Medusa ou A Liberación de Andrómeda conforman unha viaxe sensorial que culmina coas sobremesas, denominados Perseidas e A Eclipse. A proposta susténtase en tres piares: territorio, técnica culinaria e relato. Así mesmo, concede un protagonismo especial aos produtos procedentes de produtores e produtoras con certificación na Marca de Calidade da Reserva de Biosfera.
López destacou, ademais, que o relato do menú non queda ao azar, senón que será interpretado por monitores Starlight do territorio, formados pola Reserva de Biosfera e a Fundación Starlight, “porque queremos que quen se sente á mesa entenda tamén o que hai encima da súa cabeza”.
As inscricións están abertas e pódense efectuar contactando co establecemento, ata esgotar prazas.
Destino Turístico Starlight
A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas é desde 2023 Destino Turístico Starlight, unha certificación outorgada pola Fundación Starlight e vinculada o Instituto de Astrofísica de Canarias. Esta marca acredita a calidade do seu ceo nocturno e a existencia de monitores formados para interpretalo. A presentación enmárcase no programa de actividades Starlight “As Mariñas Coruñesas mira ou ceo” deste verán.
López Pedreira celebrou a elevada demanda das actividades do programa, que se reflicte no cheo de citas xa programadas. É o caso das 400 prazas da observación da eclipse total no Parque das Idades de Miño, prevista para o 12 de agosto, que se esgotaron; do mesmo xeito que as observacións astronómicas nocturnas en catamarán, que tamén colgaron o cartel de completo.
Neste marco, avanzou a intención de afondar na aposta polo astroturismo coa creación unha rede de miradoiros astronómicos vinculados a zonas recuperadas ambientalmente. Neles poderase traballar a educación ambiental e o ecoturismo certificado e que supoñan novas oportunidades de emprendemento.

