CulturaGaliciaNovas

Os Premios Martín Códax da Música desvelan os proxectos finalistas da súa XIII edición

Na tarde deste mércores celebrouse a festa de finalistas na terraza das Bodegas Martín Códax onde se anunciaron os proxectos que optan a gañar na gala final da XIII edición dos Premios Martín Códax da Música, organizados pola asociación Músicas ao Vivo, e que terá lugar o vindeiro 27 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra.

48 proxectos escollidos por un xurado profesional de renome formado pola pianista e investigadora artística María Domínguez, a artista Blanca Pereira, coñecida como Rumia, o guitarrista da banda Brutal, Isidro Otero, o xornalista Luis Pardo, e a xestora cultural Marta Horjales.

Ao acto acudiron os 57 finalistas que pasan á segunda fase de votación ademais de representantes das institucións colaboradoras nestes galardóns: Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais-Xunta de Galicia; Marcos Guisasola, deputado de Medio Ambiente e Mar da Deputación de Pontevedra; Eva Villaverde, tenente alcalde do Concello de Pontevedra; Alberto Oubiña, concelleiro de Urbanismo e Territorio do Concello de Pontevedra, Samuel Lago, alcalde de Cambados e José Ramón Costa, concelleiro de Medio Rural do Concello de Cambados.

O presidente das Bodegas Martín Códax, Xoán Allegue, quen deu a benvida aos asistentes, salientou “a ilusión de continuar asistindo a esta cita como se fose o primeiro día, vendo como se fortalece e se consolida como un referente imprescindible para a música galega”. Tamén quixo subliñar o recente Premio da Cultura Galega acadado polas bodegas e que “pertence a todas as persoas que fan posible a cultura galega e, de maneira moi especial, á Músicas ao Vivo, compañeira de camiño durante estes trece anos.”

Pola súa banda, Sheila Patricia, presidenta de Músicas ao Vivo, e Xavi Castro, vicepresidente da entidade, manifestaron o traballo realizado dende a asociación para manter estes “premios que son tan significativos para o colectivo e o sector, e que teñen como obxectivo visibilizar e poñer en valor a nosa música.”

Dentro das 15 categorías musicais, artista Emerxente e organistrum, os proxectos seleccionados foron os seguintes:

  • METAL E HEAVY: Urko, Keepers e Talesien
  • CANCION DE AUTOR/A: Antía Muíño, Sangre de Muérdago e Zeltia Irevire
  • BLUES, FUNK E SOUL: Sabela Cereijo, Allo Negro e Guilherme Zapata
  • ELECTRÓNICA: Galician Army, Kike Varela e Løch
  • ROCK E PUNK: Loita Amada, Broken Peach e Stoned at Pompeii
  • MÚSICAS URBANAS: Hugo Guezeta, Habló Pablo e Lumedollop
  • ORQUESTRAS, GRUPOS E MÚSICA DE VERBENA: Lamatumbá, Orquestra Bravú Xangai e La Fórmula
  • MÚSICA CLÁSICA E CONTEMPORÁNEA: Alejo Amoedo, Ensemble Alletamento e María Mendoza
  • JAZZ E MÚSICAS IMPROVISADAS: Xan Campos “Amorodios”, María Toro e Manuel Cebrián-punctum
  • POP E INDIE: Nadadora, Montedapena e Michu da Rocha
  • MÚSICAS DO MUNDO E MESTIZAXE: Lidia India, Marta Vidal e Abril Fado Atlántico
  • MÚSICA INFANTIL: Paco Nogueiras, Ollo Piollo e Golfiños
  • MÚSICA FOLK: Abril, Alana e Guezos
  • MÚSICA TRADICIONAL: Unto Vello, Donicelas e Carapaus
  • BANDAS DE MÚSICA POPULAR: Banda de Música Municipal de Celanova, Banda Da Escola Municipal De Música De Oleiros e Banda De Música Xuvenil De Torroso
  • ARTISTA EMERXENTE: Raze, Lula Mora e Apolo18

Premios Organistrum:

  • Organistrum COMUNICACIÓN E DIFUSIÓN MUSICAL: Galicia En Concierto, A Canle De Rodri Míguez e Fogar dos Festivais
  • Organistrum FESTIVAIS: Festival Arteficial, Surfing the Lerez  e Festival Alternativo Millo Verde
  • Organistrum SALAS: Sala Capitol, La Fábrica de Chocolate e Krazzy Kray!

O premio honorífico Músicas ao Vivo, destinado a distinguir unha traxectoria de especial relevancia para a música galega, desvelarase nas seguintes semanas.

19 destes proxectos serán galardoados na cerimonia final, poñendo en valor a promoción e dignificación dun sector creativo estratéxico para Galicia. A partir de mañá, 7 de maio, o público e os socios e socias de Músicas ao Vivo, serán quen escolla seus proxectos favoritos e poderá votalos a través da páxina web ata o 24 de maio. A gala final terá lugar o 27 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra.

O voto do público, xunto ao das persoas asociadas a Músicas ao Vivo, contará cunnha ponderación do 50% trala selección do xurado.

A gala será transmitida pola plataforma agalega.gal e na canle de youtube de Músicas Ao Vivo.

Toda a información dos premios: premiosmartincodaxdamusica.gal

Os Premios Martín Códax da Música están organizados por Músicas ao Vivo, coa colaboración e apoio das Bodegas Martín Códax, Concello de Pontevedra, Axencia Galega das Industrias Culturais-Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.