#apaparCompostelaGastronomía

Tortilla aberta de pementos confeitados e aceite de trufa no Vitela

@JuanEAT_o, no interior de Vitela, en Compostela. Foto: Iván Barreiro
@JuanEAT_o, no interior de Vitela, en Compostela. Foto: Iván Barreiro

DATOS

Lugar:
Rúa do Preguntoiro, 9 –
Santiago de Compostela

Pratos:
‘Tortilla aberta de pementos confeitados
e aceite de trufa’

Prezo:
11 €

Valoración

********

Nunha nova volta por Compostela fixemos parada en Vitela, un local de recente apertura que aposta por reinterpretar clásicos cunha clara defensa do produto de proximidade. A súa carta de cachopos é toda unha declaración de intencións: queixo de Arzúa, grelos e tenreira galega para un prato de raíz asturiana executado con identidade propia.

Porén, máis alá do seu prato estrela, o menú agocha propostas moi interesantes, como a ‘Tortilla aberta con pementos confeitados e aceite de trufa’, que puiden probar nesta visita. Trátase dun prato cun enfoque claramente lúdico tanto na presentación como na combinación de sabores.

A tortilla preséntase acompañada de pementos confeitados dispostos en pequenos bloques, alternados con puntos de alioli e rematada cun aceite de trufa que marca o perfil aromático do prato. No padal, o contraste funciona: o doce dos pementos suaviza a intensidade da trufa, evitando que esta se impoña en exceso, mentres o alioli achega untuosidade e estrutura ao conxunto.

Cómpre destacar que a tortilla está feita só por un lado, ao estilo Betanzos, cun ovo ben líquido que crea unha base cremosa a modo de salsa. E aquí vai o consello: o pan é imprescindible. Entre o alioli, a trufa e a propia xema, o conxunto convértese nunha mestura chea de sabor, perfecta para mollar sen remordementos.

Un prato que demostra que o Vitela non se limita a vivir do cachopo e que hai intención de explorar outros camiños cun criterio gastronómico claro e moi saboroso. Recoméndovos ir coñecelo canto antes!

Vitela, un local que reivindica e constata o mando e o talento feminino en Santiago!

As mulleres tamén mandan e ben na hostalería

Por Jéssica Pintor

  Alejandra Vidal e Lucía Fernández. Foto: Iván Barreiro
Alejandra Vidal e Lucía Fernández. Foto: Iván Barreiro

A cidade que a viu nacer acolleuna de volta de forma agarimosa. Os primeiros meses atragóanse un pouco: non é a choiva, non son as gañas… En hostalería xa sabedes que está complicado o tema do persoal. “Cando nace o proxecto de Vitela, en Santiago, eu estou querendo volver á miña casa, despois de moitos anos fóra... Querer facer vida e poder dedicarte a un negocio, con esta gran oportunidade que me brindou meu pai… Non o dubidei! Porque quería volver coa miña xente. E encantoume a idea!”. Así fala Alejandra Vidal desta aposta familiar e persoal que comezou fai xa dezaseis meses. Unha criatura que comeza a miañar con forza, como a que amosa quen leva os mandos. De ollos pícaros e sorriso amable, fala con intensidade e con paixón, con ese nerviosismo de quen o esta apostando todo na mesa que ten diante, precisamente a do seu restaurante.

O balance logo dun ano, cumprido en setembro, di que é moi bo. “Estou moi contenta. E moi agradecida! Foi un ano complicado, porque no mundo da hostalería costa traballo atopar xente comprometida... Atopar persoal foi o que máis me prexudicou e afectou á hora de afrontar o proxecto. Pero estou moi contenta co equipo formado, sen eles Vitela non existiría! E logo está o tema de ser muller como figura de mando. E suma o de ser nova… Hai momentos e detalles sibilinos, que só vemos nós... Noteino con provedores, comerciais... Ter que facer dobre esforzo para darme o meu lugar, nalgunhas circunstancias... Ter que xustificar e explicar todo o tempo... Moitas veces, non se asume que teñas un rol de poder ou que o que ti digas sexa o último que valga! Incluso que teñas máis coñecemento nalgúns temas. Pero non só me pasa a min. Tamén o vive Lucía Fernández, que é a nosa xefa de cociña, pasoulle co persoal, que non a vían como unha figura de mando, ao ser muller e tan nova”.

E como se combaten estas situacións dende os fogóns, detrás e diante da barra, cara o público e detrás do servizo?: “Pois, ao final, acábaste curtindo. Canto máis pasa, máis rápido e mellor contestas. O carácter nas mulleres mal enténdese. Pero xa non me afecta tanto como ao principio”. Así de certeira e firme se expresa Alejandra, evidentemente logo de tragar moita merda, éche o que hai! (Pero tamén rimos! Chisco, chisco).

E a pregunta do millón, como fai Vitela, para diferenciarse, para ser especial? “Tiven a gran sorte de herdar a gran idea de meu pai, que é a diferenciación máxima que temos: o cachopo! Dinme a coñecer aquí grazas a iso. Aínda que o resto de xestión sexa miña, o local, o servizo...  A miña idea é conseguir o éxito sen o cachopo. E nun futuro poder ser coñecida doutra maneira. Fixemos un cambio de carta fai pouquiño, en outubro, porque a carta de Vitela estaba inspirada no modelo de  meu pai, e quixen romper moldes con iso. Fixen algo diferente”.

E como fixo tal? Pois observando moito, no seu local e noutros moitos. Probando. “A idea é facer unha cociña sinxela, diferente, orixinal... E económica, dende logo, accesible para todos os públicos! Non descarto tampouco, pero máis adiante, facer un menú no que poidamos asesorar nós aos clientes”.

Cal é a clientela de Vitela? “Veñen de cero a cen anos. É incrible! Temos xente moi maior, que se atreve a todo; grupos de amigos, parellas, familias con crianzas... Teño todo tipo de persoas. A clientela ensínache moito, aínda sen querer. Pido opinións sempre, logo do servizo, porque eles son os que están sentados e os que pagan e quero saber se van satisfeitos. Tamén aproveito cando vén a nosa xente, a de confianza, para que nos diga a verdade!”. (Rimos a gargalladas!).

Alejandra Vidal cando vivía en Barcelona dedicábase aos eventos, por elo máis adiante non descarta tampouco que no seu local poidan organizarse reunións corporativas; cafés e aperitivos para empresas, estudantes; e meterse de cheo na actividade cultural da cidade, que hai moita. Falamos disto porque lle pregunto se durme, se come, (entre risas) e se descansa dese desbordante burbullar que brota do seu corpo, de como se move e se expresa. “É unha aposta importante. Aquí traballo continuamente -e sinala a cabeza-, todo isto ocúpaa toda”. “Respecto moito os horarios. Temos un bo descanso. Estou todos os días que abrimos, pero podo delegar perfectamente en Lucía, a xefa de cociña, e Álex, o xefe de sala, e quédome moi tranquila. Somos un equipo de oito persoas”.

Vitela participa no XVII Santiago(é)Tapas, que se celebra do 19 de febreiro ao 8 de marzo. E xa lle digo que ela non é de estar quieta ou non parece! (Rimos moito, porque é moi guai esta moza e non está quieta, non! Ha, ha , ha!). “Non son unha persoa ambiciosa, en absoluto, pero abúrrome pronto. E son moi perfeccionista! O cal xoga na miña contra. Xamais para min vai estar algo como eu quero que estea, o que resulta un dramón para a vida. E pásame  no traballo tamén. Estou sempre como querendo chegar a ese punto! Pero estou moi agradecida co meu equipo, sen eles isto non existiría, con meu pai, a miña familia. E con moitas ganas de seguir avanzando e facendo cambios! De que a xente de Santiago veña a coñecernos. O meu ideal é que Vitela sexa un lugar no que se sintan a gusto, con moi bo ambiente, acolledor!”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.