CompostelaCulturaPublirreportaxe

O exitoso salón Píxel á Feira da Deputación da Coruña consolídase como o maior escaparate do videoxogo galego

Iago Gordillo, comisario de Píxel á Feira; Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña; e Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago. Foto: Leo López
Iago Gordillo, comisario de Píxel á Feira; Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña; e Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago. Foto: Leo López

Máis de 3000 persoas gozaron de Píxel á Feira, o salón galego do videoxogo que organizou a Deputación da Coruña os días 8 e 9 de novembro no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela. A cita reuniu máis de 50 proxectos creados en Galicia, a cifra máis alta ata o de agora nun encontro deste tipo, e ofreceu unha ampla programación de actividades abertas ao público.

O salón naceu coa vontade de converterse nun punto de encontro anual para a industria galega do videoxogo, un espazo de intercambio entre profesionais, creadoras e creadores e público afeccionado, ademais dunha plataforma de difusión para dar visibilidade aos videoxogos feitos en Galicia e en galego. Segundo o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, o obxectivo era “contribuír ao fortalecemento e visibilidade da industria galega do videoxogo, para que continúe promovendo novos produtos e se popularicen. Pixel á Feira pon en común todo isto, ofrecendo un espazo inmellorable para a venda e a promoción das empresas do país”.

Pola súa banda, Iago Gordillo, comisario de Píxel á Feira, amosouse moi satisfeito coa boa acollida tanto do público como das persoas participantes na Zona Interactiva, onde todas as propostas contaron en todo momento cun fluxo constante de xente. Sinalou que o “evento permitiu celebrar as distintas formas de entender o videoxogo e confirmou a necesidade de crear espazos de encontro estables nos que construír unha industria sólida en Galicia”. Destacou tamén o carácter interxeracional do salón, que uniu persoas de varias xeracións arredor do lecer dixital: “Foi moi emocionante ver a pais e crianzas compartir momentos de xogo con obras e máquinas que marcaron épocas distintas e que agora son un punto de descuberta e unión”.

Videoxogos históricos e novas creacións

Durante toda a fin de semana, as persoas asistentes puideron descubrir videoxogos históricos, proxectos universitarios, propostas independentes e novas creacións que ofrecen unha panorámica completa da industria galega. A exposición do MUVI –Museo do Videoxogo de Galicia– foi un dos espazos máis visitados, con vinte e dúas pezas emblemáticas da historia do sector, como The Wall (1986), considerado o primeiro videoxogo galego, ou O misterio das 7 pezas, pioneiro en lingua galega.

A Zona Interactiva -cunha ampla selección de máquinas recreativas retro- e a Zona Arcade acolleron unha actividade constante, con torneos abertos de títulos como Mario Kart 8 DX, Street Fighter 6 ou Tetris, ademais de máquinas orixinais como Daytona USA (1993), que espertaron a curiosidade do público.

O Escenario DLC, nacido dunha convocatoria aberta á comunidade, acolleu proxectos e obradoiros de Tomotoad, O Demo Game Jam, Melgo Cinema, Aruma Studios, Widijou e moitas outras iniciativas que amosaron a profesionalidade e a diversidade da escena galega.

O salón tamén acolleu a gala do I Certame de Videoxogos en Galego da Deputación da Coruña, que distinguiu o traballo de creadoras e creadores galegos. Numbra, de DigiPen Europe-Bilbao, recibiu o premio ao Mellor Videoxogo; Cartas á Lúa (Mail to the Moon), de Michiños Fofiños, ao Mellor Apartado Artístico; e Basureroes: Invasion, de Javs Game Studios, ás Mellores Mecánicas.

Outras das actividades que se celebraron foron debates arredor da educación, a lingua e o territorio como eixos de futuro. Profesionais como Paula Rodríguez, Isi Cano, Sara Cubelos, Violeta Moldes, Víctor Justo e Armesto 3D analizaron o papel do videoxogo como ferramenta pedagóxica e cultural. O público tamén gozou co podcast en directo de Exército Mekemeke, o espectáculo Impro Gamer das Reinas Malas e o trivial musical Gamesong, que puxo o broche final á programación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.