fbpx
CulturaEntrevistasGaliciaNovas

Laura Romero e as premiadas ‘Músicas Galegas Ilustradas’

A sétima edición dos Premios Martín Códax, organizados pola Asociación Músicas ao Vivo, reafirmou a forza das mulleres na música galega, resultando premiados proxectos como o de Guadi Galego, Carla Green & The Demons, Silvia  Penide ou Najla Shami.

O galardón na categoría de comunicación tamén tivo un marcado carácter feminino. Laura Romero recolleu a xa famosa estatuiña Melómana por ‘Músicas Galegas Ilustradas’, un proxecto pioneiro no que converxen música, ilustración, investigación, cultura galega e feminismo. Así, mediante unha longa serie de ilustracións (máis de 200 retratos en 160 ilustracións en total actualmente), Romero pon o foco semanalmente nunha música (ou varias) tanto nas redes sociais coma na web. Ademais, no 2019 publicou, ao seu abeiro, o libro ‘Ferreñas & Rock and Roll’ no que se outorga protagonismo a 31 mulleres e bandas femininas do século XX.

Despois de ser finalista en outras dúas ocasións, por fin recibes o Martín Códax da Música. Que supón para ti gañar este premio?

Por unha parte, estou moi contenta porque ‘Músicas Galegas Ilustradas’ é un proxecto relativamente novo, pero por outra, a gala de entrega foi moi distinta. O que mola dela é poder levar xente contigo, tomar uns viños despois, falar cos compañeiros e compañeiras… Este ano, por mor da pandemia, houbo gala pero sen levar acompañantes, con máscara…

Como xurde a idea de ‘Músicas Galegas Ilustradas’?

O proxecto nace no 2017, un ano despois de que eu entrase como baixista en Zënzar. É unha banda que ten 32 anos, que se creou nunha época na que o 99% dos integrantes das bandas eran homes, e cando entro eu, foi un pouco raro. Entón empecei a preguntarme por que non atopaba apenas compañeiras nos festivais. As poucas que atopaba era cantantes. Había moi poucas instrumentistas. E como son ilustradora, pensei en debuxalas para dalas a coñecer e crear referentes para as rapazas.

Por que dirías que hai menos mulleres instrumentistas?

Creo que é pola historia que arrastramos e pola falta de referentes. Hai 30 anos, nos 90, non era para nada habitual ver unha banda de mulleres. E iso foi antonte.

Si que é verdade que cada vez hai máis músicas en Galicia, pero seguen sendo moitas menos que homes. Entendo que para os programadores é complicado conseguir a paridade, pero tamén é verdade que ás veces hai moito deixamento. Hai exemplos de festivais no 2019 onde non houbo ningunha música. Cero.

No teu caso tiñas algún referente ou por que acabas na música?

Eu con 15 anos non tiña internet na casa. Os meus referentes directos eran os que podía ver de cerca. Era moi festivaleira e un referente podería ter sido unha muller que tocara o baixo, a guitarra ou a batería nun concerto. Pero non lembro que houbera practicamente ningunha instrumentista.

Estudiei Belas Artes porque sempre quixen dedicarme a algo relacionado co debuxo. A música era un hobby, pero cando entrei en Zënzar abriume portas para facer cousas como libros-discos. A música e a ilustración foron entretecéndose entre elas. E agora a inmensa maioría de traballos que fago como ilustradora teñen que ver coa música.

Como che está afectando profesionalmente a pandemia da Covid-19?

Sei que hai xente que o está pasando moito peor, porque eu polo menos podo facer os traballos de ilustración na miña casa. En canto á música, tamén colaboro con Pakolas nalgúns dos seus espectáculos infantís e iso aínda vai tirando algo. De rock apenas hai nada. Pasa tamén co punk, que están un pouco esquecidos. É verdade que piden estar de pé e cos novos protocolos o público ten que estar sentado, pero non se pode deixar de programar eses estilos por iso.

Con este panorama, como se presenta para ti o 2021?

Non son de facer moitos plans. Continuarei coas ‘Músicas Galegas Ilustradas’, teremos espectáculo novo con Zënzar… e teño un proxecto para un novo libro pero aínda está todo moi no aire. Non me cansarei de dicir que a cultura é segura e que as músicas cumprimos con todas as medidas.