CompostelaGastronomíaNovas

Vinte e cinco restaurantes composteláns participarán na Festa da Uña do 4 ao 7 de abril

A concelleira de Turismo, Míriam Louzao, a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, e o presidente da asociación gastronómica e cultural Orde da Uña, Fernando Neira, presentaron o programa da Festa da Uña, unha celebración con gran tradición en Compostela, que é ademais unha das festas gastronómicas máis antigas do país, e coa que colabora Turismo de Santiago grazas ao apoio da Deputación da Coruña.

Míriam Louzao destacou que este ano consolídanse no programa importantes novidades que se introduciron o ano pasado, que amosan a vitalidade da Festa da Uña de San Lázaro e o seu atractivo tanto para o conxunto da veciñanza de Compostela como para as persoas que visitan a cidade nas datas previas á Semana Santa.

Este ano repítese a inauguración da Festa cunha degustación de Uñas no Centro Comercial As Cancelas. Nesta ocasión incluirá música ao vivo e un pregón que dará a alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín. Esta degustación terá lugar a partires das 20.00 horas do venres 4 de abril.

Ademais, este ano a SD Compostela repetirá como agasallo entradas para o partido do domingo 6 de abril contra o Salamanca no Estadio Vero Boquete a aquelas persoas que consuman uñas nos locais adheridos á promoción gastronómica da Festa da Uña.

Este ano son vinte e cinco os restaurantes, do barrio de San Lázaro pero tamén doutros barrios, os que ofrecerán as súas versións do tradicional prato das Uñas, que adoitan acompañarse de bertóns, patacas e chourizo. Os locais que ofrecen as uñas, así como o programa completo da Festa que se celebrará do 4 ao 7 de abril, poderá consultarse no programa de Semana Santa e en www.santiagoturismo.gal entre outros.

A Asociación Orde da Uña dedica a Festa deste ano á memoria dos veciños do barrio Ramón Taboada Viña, poxador durante 33 anos, de 1969 ata 2002, Juan Carlos López rey, o “Municipal”, colaborador do anterior, e José Antonio Mosquera Fernández, poxador entre 2003 e 2019.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.