#apaparCompostelaGastronomía

Sorrentinos recheos de cabaza e algas en A Porta Verde

@JuanEAT_o, probando o prato de A Porta Verde. Foto: Iván Barreiro
@JuanEAT_o, probando o prato de A Porta Verde. Foto: Iván Barreiro

DATOS

Lugar:
Rúa do Hospitaliño, 18
Santiago de Compostela

Prato:
‘Sorrentinos recheos de cabaza e algas acompañados de pesto con olivas, tomate seco e queixo parmesano vegano caseiro’

Prezo:
14,50 €

Valoración

********

Coa calor que estamos a pasar este verán, que mellor maneira que refrescarse cunha boa limoada, neste caso caseira e de amorodos, feita en A Porta Verde; un restaurante moi xeitoso e acolledor, situado na zona de San Roque, en Compostela.

Chego alí visitando por vez primeira un local vegano e vexetariano para probar, ademais da súa boísima limoada, o seu prato de ‘Sorrentinos recheos de cabaza e algas acompañados de pesto con olivas, tomate seco e queixo parmesano vegano caseiro’. Tanto o seu sabor como a súa textura atrapan de inmediato, dando unha sensación en boca suave e fresca e invitando a un novo bocado.

O recheo é, na miña opinión, unha combinación moi intelixente: a dozura da cabaza compénsase co carácter mariño das algas, achegando profundidade sen recorrer a ingredientes de orixe animal.

O parmesano vegano caseiro é un detalle que transmite elaboración propia e personalidade, algo coherente coa filosofía de A Porta Verde, que aposta por reinterpretar pratos internacionais en versión vexetal con ingredientes de calidade.

En conxunto, paréceme un prato creativo, reconfortante e ben construído, pensado para quen busca sabores intensos máis ca unha receita minimalista.

A verdade é que para un carnívoro coma min é unha delicia poder saír da miña zona de confort e probar cousas novas coas que deixarme sorprender! Convido a todo o mundo a facelo de cando en vez. Non sabedes o ben que senta! (e o moito que o agradece o meu estómago!).

En curto con Carmen Arán!

Por Jéssica Pintor

  Carmen, de camiseta branca, co equipo da Porta Verde: Breixo González, Álvaro Santiago e Benvido Alves. Foto: Iván Barreiro
Carmen, de camiseta branca, co equipo da Porta Verde: Breixo González, Álvaro Santiago e Benvido Alves. Foto: Iván Barreiro

Aos que a coñecedes, soaravos cada xesto, ese humor, o agarimo, a alegría! É un sorriso constante, unha conversa tranquila, eses ollos grandes, expresivos e curiosos que te acollen... Esa palabra ben traída. É a esencia do seu local. As persoas son os bares, son elas en corto! A Porta Verde é Carmen Arán. Eu veño por ela. Como iría a cada negocio que montara.

Para Carmen o mellor da hostalería é, se traballas na cociña, a creatividade! “É un traballo que sempre che permite inventar cousas novas, non se fai monótono. Pero, sobre todo, coñecer xente moi 'maja'! Persoas coas que forxas amizades”.

— O peor? “A falta de educación, a mala educación, as faltas de respecto co traballo dos demais. Un bos días, por favor, grazas... Falo por defecto! Unha palabra amable ábreche portas. Este traballo é como convidar á xente á túa casa. Veño todos os días a traballar, non me importa, porque me gusta. Paso máis horas aquí, que na miña casa! Temos bo ambiente entre nós... Así que non podes vir á miña casa coma un tolo!”. Rimos, pero non é broma. Cada vez máis, parece que a présa e as malas formas rexen no mundo.

“Os meus clientes habituais son os clientes de verdade, tratamos estupendamente a todos, pero aos que volven, aos que viven aquí, aos que son de aquí... Hai que coidalos. Porque a clientela que ben de seguido é da que vivimos de verdade, esa é a que fai A Porta Verde!”.

— Veríaste facendo outra cousa? “Si, claro. (Espeta rotunda, firme, pero con calma e seguridade, con esa paz que contaxia). Eu adáptome. Traballei de mil cousas… Tiven moitas vidas!”.

“Canto maior te fas, dáche máis medo cambiar, pero a experiencia é un grao. O traballador experimentado sempre aporta cousas! Ademais, todo se pode aprender. Con idade e experiencia tes capacidade de adaptación. Hai que ter un respecto polos traballadores con máis idade porque solucionan problemas, teñen outra perspectiva, máis temperanza para tomarse as cousas... Non son a mesma que fai vinte anos, tes ferramentas para saír adiante, un abanico de experiencias”.

En A Porta Verde ten un equipo que combina todo. Asegura que tamén fai falta contar con xente nova, que “dea alegría, xuventude... se non, seríamos todos uns muermos”, remata... Rimos. Ten razón!

— Hai poucas persoas veganas? “Si. Hai poucas. Pero nós cociñamos para chegar a todo o mundo, que todos queiran probar o que ofrecemos. Igual agora, cara ao inverno, ata probaremos con algún prato de filosofía ‘ayurveda’; estou pensando en facer algún obradoiro, pola noite... A xente agora relaciónase doutra forma, busca outro tipo de actividades ou plans, para coñecer xente, para aprender unha técnica, para relaxarse doutro xeito. Eu tamén fago moitos cursos”.

— A ti pícache o cu, Carmen? !Ha, ha, ha! Rimos, estrepitosamente. Responde: “A min debe picarme o cu! Eu para estar sentada no sofá, sen facer nada, non valgo!”. Non lle descansa a cabeciña, ela dálle unha volta e inventa! Por iso nos gusta. Ela e o seu local.

— O que máis che gusta da hostalería de Santiago? “Pois mira, que aínda hai locais aos que podes ir e coñécente, saben o que tomas, teñen unha palabra para charlar contigo... Á xente que está detrás dese negocio ou da barra dálles alegría que vaias, nótase! Achéganse a falar contigo, pero non é unha postura, realmente se alegran de verte e de que vaias ao seu local. E o nivel de hostalería de Santiago é moi alto, por calidade e por bo prezo. Mantemos ese estilo de comida boa. Hai restaurantes boísimos, a prezos moi accesibles. Pero non só bares e restaurantes. Hai pensións que teñen moito máis nivel que hoteis doutros países e de catro ou cinco estrelas”.

— O Camiño de Santiago e os peregrinos, que? “O problema que vexo é que a xente leva moito tempo facéndoo para chegar a Compostela que é a meta... e marchan. Non  quedan! Chegan xa sen cartos. E o Camiño faise para chegar a Santiago. Ten que poder viaxar todo o mundo, pero hai que pensar e planificar de que e de quen queres encher á cidade. Todos temos que vivir. E os soldos hai que pagalos”.

— Que falla, falta ou sobra na hostalería da cidade? “Somos moi baratos para a calidade que ofrecemos. O produto que usamos, os pratos: por elaboración e cantidade, a hostalería de Santiago é baratísima, porque o nivel que hai aquí é astronómico! O problema é que a xente pensa que ten que ser barato, pero as cousas teñen o seu valor e se cobramos o valor que teñen, todo irá en cadea. Non temos que ter mentalidade de pobre. Por desgraza vivimos nun sistema capitalista e nunha economía liberal, atroz. A xente ten que gañar e gastar, senón a economía párase! Hai que saber o que valen as cousas e pagar por elas, facer un consumo racional. A hostalería e a hotelería van encamiñadas ás grandes cadeas. Estannos asfixiando aos pequenos, para que entren os grupos grandes a xestionalo todo. Os pequenos que damos carácter ás cidades e que as diferenciamos, nuns anos, desapareceremos!”.

Que non sexa por nós! Mentres exista un anaco en corto, nun bar, con Carmen Arán, en A Porta Verde, ou na súa seguinte vida e na miña, alí estará Pincha!

“Hai poucas persoas veganas, pero na Porta Verde cociñamos para que todo o mundo queira probar o que ofrecemos"

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.