Crusat & CostasGastronomía

Crusat e Costas: Son de Arrieiro Añadas – Branco

Outro Ribeiro é posible

Aló, Pincheir@s! Como vai indo este inverno tan desapracible? Que a choiva non vos quite a ganas de beber, eh!

Se lembrades, no anterior artigo falabámosvos da figura do Colleiteiro e Colleiteira do Ribeiro,  e Crusat vos contaba as condición que debe cumprir un adegueiro para ser considerado como colleiteiro.

Pois ben, para continuar coa mesma temática, neste número falaremos dunha muller colleiteira: Xulia Bande. Xulia non é unha adegueira calquera, é, para min, un exemplo de muller loitadora que labrou o seu camiño a base de traballo e esforzo, cunha experiencia vital na que nada lle foi doado ou regalado. Non me chegarán estas liñas para falar todo o que me gustaría dela, pero polo menos imos intentar que coñezades un pouco o seu proxecto persoal.

Malia que a súa adega, Son de Arrieiro, é relativamente nova (o seu primeiro viño naceu no 2014), Xulia leva moitos anos dedicándose a traballar na viticultura; primeiro compaxinou o coidado das viñas familiares coa dirección dunha empresa de viticultura e enoloxía que daba servizo a outras adegas, foron anos duros e ser muller non axudaba daquela, mais os tempos foron cambiando e chegou un momento no que xa se ganara un nome no complicado mundo do viño.

Como dixen, Xulia comezou moi nova a traballar as viñas co avó cando este enfermou, e cando el morreu, sentiu que algo no seu interior lle movía a seguir o camiño feito por el. Seu avó Manuel era arrieiro e levaba o viño a Pontevedra; Xulia mantiña unha relación moi especial con el, e por el lle puxo o nome a adega. Recuperou as viñas e plantou máis, ata chegar ás 4 hectáreas na actualidade, dispersadas nos principais vales do Ribeiro: Avia, Arnoia e Miño. Nelas atoparedes todas as variedades autóctonas da zona:  Treixadura, Lado, Loureira, Godello, Albilla do Avia, nas brancas; Sousón, Brancellao, Caiño, Ferrón, Espadeiro nas tintas. Traballa sen tratamentos sistémicos, con pouco rendemento e un rigoroso respecto ao entorno, mais estes temas déixollos a Crusat.

Son de Arrieiro Añadas branco 2016-2021 elabórase a partir das colleitas seleccionadas 2016, 2019 e 2021, das que Xulia conservaba partidas en algúns depósitos da adega. O seu proceso de elaboración é extenso, oito anos desde a primeira colleita! Tradúcese nun viño elegante, limpo, voluptuoso e con acidez ben equilibrada: un claro exemplo da evolución que queremos nas D.O., que permitiron que saíra co seu selo aínda que non se fixera nunca ata ese momento.

Se vos quedastes con ganas de saber máis do viño e desta extraordinaria muller, Crusat contaravos algo mais sobre a adega e tamén dará bos consellos gastronómicos para acompañar este fantástico Añadas Branco. Saúde!

Xulia Bande, un espello do Ribeiro

Xulia Bande e os seus viños son o fiel reflexo do que é o Ribeiro de colleiteiro, e o que debería ser todo o Ribeiro. Mestura dos seus tres vales, das súas diferentes orientacións e as múltiples mesturas de castes que se dan e producen nestas terras. Ademais unha pequena elaboradora, un grande corazón e xenerosa coma poucas.

A súa viticultura caracterízase polo respecto ao campo no máximo que o clima permite. Traballa sen sistémicos sendo a aireación e o coidado constante da viña a súa máxima defensa fronte aos sempre presentes fungos. Mantén unha cuberta vexetal espontánea no chan que lle fala do estado das posibles carencias pola simple presenza dun tipo ou outro de plantas.

E se falamos de mesturas, este viño é precisamente o paradigma, pois ademais do emprego de diferentes castes, mestúranse diferentes anadas no viño final. Cada un aportando o seu carácter, uns anos máis acidez, que se equilibran con outros de máis estrutura e froita.

Pero Xulia non só queda aquí, sempre anda a argallar outros viños, outras elaboracións posibles, non canónicas, non sempre admitidas polas normas, pero que ela quere; e se non saen co amparo das normas, saen polo amparo dela mesma, que xa e sinónimo de calidade. Hoxe catamos este “Son de Arriero Selección de Añadas” que si entrou amparado, pero buscade un pouquiño que ten outras cousas dispoñibles, e máis que están en camiño.

Imos coa cata do viño coma sempre comezando pola vista, sendo este un viño dourado que nos fala de madures (propio da mestura de diferentes anadas) lixeiros brillos verdosos, de capa media, limpo e brillante. No nariz temos unha intensidade media alta, maza verde, melocotón e laranxa, flores brancas e toques herbáceos. Finalmente, ao metelo na boca temos un viño longo e persistente, de amplitude, redondo con acidez media e mineral, flores brancas, especias, froita madura. Un viño complexo e ben estruturado, redondo. 

Xa sei que agora tedes fame e queredes abrir outra botella mais para acompañar. Para elo e tendo en conta que logo chega o Carnaval e despois temos que gardar a coresma (o que queira e crea nesas paparruchas), propóñovos desfrutar o viño con bacallau. Imos pois cuns bolos de vento de bacallau ben desalgado que acompañamos dunha maionesa de allo. E xa en plan máis moderno, un taco de bacallau fresco e coa pel que deixamos marinar durante un ou dous días nun mollo de miso, sake, vinagre de arroz e azucre moreno. Finalmente, cociñámolo á grella.

FICHA DO VIÑO

Adega:
Son de Arrieiro
(Xulia Bande Colleiteira)
D.O.:
Ribeiro
Variedades:
Treixadura, Lado e Loureira
Grao: 13º
Colleita: 2016, 2019 e 2021
Prezo: Arredor de 30€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.