Somos Pandeireteiras abordará o papel central das tocadoras na transmisión da lingua galega

A asociación de mulleres tocadoras Somos Pandeireteiras celebrará a súa segunda xornada pública na tarde do sábado 17 de maio, Día das Letras Galegas, no Auditorio de Galicia. Baixo o lema ‘As tocadoras como transmisoras da lingua galega’, o grupo abordará de 16.00 a 20.00 h o papel fundamental das pandeireteiras tanto no presente coma no futuro á hora de transmitir e divulgar tanto as coplas como as falas propias e trazos dialectais de cada territorio. Para poder participar no encontro hai que inscribirse de balde no portal web www.somospandeireteiras.gal. As prazas son limitadas.
O encontro, no que se sucederán as conversas e mesas redondas, conta co apoio do Concello de Santiago e foi presentado nunha rolda de prensa no Pazo de Raxoi na que interviñeron a concelleira de Capital Cultural Míriam Louzao e tres integrantes da directiva da asociación, as tocadoras Mercedes Peón, Gisela Sanmatrín e Ana Fernández.
Louzao enmarcou as xornadas entre as accións “encamiñadas a recoñecerlles ás mulleres un lugar de seu na construción do relato cultural do país e mudar a maneira na que o seu labor e a súa voz se asentaron u na memoria colectiva”. Arredor deste encontro no Auditorio de Galicia, a concelleira apuntou que “serve tamén como espazo para o fomento da lingua galega e para afondar no papel da oralidade na concepción e a realización da nosa maneira de contarnos e imaxinarnos, na creación e difusión do patrimonio inmaterial. E convida, finalmente, á celebración do noso, de símbolos e voces capitais da identidade dunha cultura orgullosa de si”.
A II Xornada Pública Somos Pandeireteiras promoverá así un espazo de encontro para dar voz ás mulleres pandeireteiras de Galicia para debater ao redor do rol esencial das tocadoras na transmisión da lingua e das falas das aldeas, unha idea que se desenvolverá mediante conversas e mesas redondas. A divulgación, a educación ou o posicionamento público sobre o idioma desde ese lugar de enunciación serán liñas que se traten nun encontro que, ademais de situar a lingua no centro, reflexionará en colectivo sobre como enfocar, de cara ao futuro, a transmisión e o respecto pola cultura e a lingua e falas desde a perspectiva de cada tocadora.

Tralas conversas, será a quenda das mesas redondas, que estarán dirixidas por tocadoras lingüistas, filólogas ou educadoras, á fin de poder afondar en diferentes temáticas ou problemáticas ao redor do galego e da súa transmisión contemporánea. Icía Sanmartín, Lupe Blanco, Icía Varela e Maruxa Mascuñana serán as moderadoras das catro mesas nas que, entre outras cuestións, se debaterá a presenza de contidos relacionados coas pandeireteiras na educación obrigatoria, a influencia das mestras de pandeireta nas persoas castelán falantes, a transmisión dos trazos dialectais das zonas nas que se fan as recollidas das pezas, ou mesmo o grao de responsabilidade que teñen as persoas que actualmente están en escena con respecto á lingua e do simbolismo do uso da mesma nos espazos escénicos.
Tal e como aconteceu na primeira edición destas xornadas (decembro de 2021, en Carballo), das conclusións das conversas e das mesas redondas elaborarase unha publicación. As relatoras que acompañarán ao cento de pandeireteiras durante todo o encontro serán autoras coñecidas das letras do país, como é o caso de Olga Novo, Paula Carballeira, Ánxela Lema e Nuria de Vil, quen achegarán a súa visión subxectiva e poética sobre o falado polas asistentes. O documento, ademais, tamén contará coas achegas da xornalista Pilar García Rego.
Gran foliada aberta a toda a cidadanía
Tralo peche do encontro, ás 20.00 horas, terá lugar unha gran foliada de celebración no exterior do Auditorio de Galicia. A intención da mesma non é outra que festexar, en comunidade, a vida e futuro da lingua galega. Nesta folía poderán participar todas as persoas que así o desexen, de calquera punto do país, xa que será unha festa para poñer en valor a cultura de Galicia.
Somos Pandeireteiras
Somos Pandeireteiras naceu no 2021 como un espazo de reflexión para as tocadoras de Galicia, o que deu pé á celebración, en Carballo, do primeiro encontro galego de pandeireteiras. Desta cita e do traballo que se desenvolveu posteriormente, xurdiu no 2023 da primeira asociación de mulleres tocadoras galegas -coa intención de abrir un espazo permanente de articulación entre elas, para a produción de narrativas colectivas propias e transmitindo o seu xeito de operar a través da sorodidade, para garantir o seu legado musical e oral- e unha publicación que derivou no libro homónimo editado por Xerais no 2024.
Co gallo da homenaxe ás cantareiras nas Letras Galegas de 2025, e da man do Concello de Santiago, Somos Pandeireteiras promove unha segunda xornada pública que se desenvolverá o 17 de maio en horario de tarde no Auditorio de Galicia coa intención de poñer de novo, no centro, o papel central das tocadoras como transmisoras da lingua e da cultura galega.