O Outono Códax expón no Riquela fotografías de lendas do jazz, coloreadas por Alfredo Marcos
Na década de 1940 William Gottlieb era un xornalista e crítico musical do Washington Post, que tamén publicada en medios especializados en jazz, como a revista Down Beat. A súa proximidade á escena musical e o nacemento do bebop nos clubs da Rúa 52 Oeste de Nova York fixo que Gottlieb realizase para as súas reportaxes máis de 1.600 fotografías do que el mesmo deu en chamar “A idade de ouro do jazz”, debido á calidade dos artistas que emerxían naqueles momentos ou se apuntaban ao novo estilo. A “pléyade de astros”, en palabras de Gottlieb, incluía nomes como Dizzie Gillespie, Thelonius Monk, Charlie Parker, Sara Vaughan ou Miles Davis, habituais todos eles das programacións dos clubs Spotlight, Famous Door, Downbeat… todos na Rúa 52, onde se realizaron a maior parte das fotografías das que consta a colección Gottlieb.
A exposición Calle 52 W. Los rostros del Jazz 1945-1948, que durante todo o mes de novembro colgará nas paredes do Riquela Club, en Santiago, consta dunha pequena selección deses orixinais en branco e negro, coloreados polo compostelán Alfredo Marcos.
«Estas fotos teñen un enorme valor testemuñal, incluso moi superior ao seu valor artístico», sinala Alfredo Marcos. «Ter a oportunidade de ver a Miles Davis ou a Sara Vaughan actuando con 20 anos naqueles pequenos clubs, moito antes de se converter nas grandes estrelas que despois foron, é o que as fai tan especiais e únicas», engade.
Para Alfredo Marcos, estas fotos «queren ser un achegamento a esa época xa afastada e a eses artistas na súa mocidade, así como tamén un pequeno tributo a esa música tan especial, sempre en evolución, e por iso sempre fresca e nova».
A mostra está composta por 20 fotos, en formato de 60×50 cm., orixinalmente tomadas en branco e negro e agora coloreadas dixitalmente, tras unha labor previa de documentación, por Alfredo Marcos, responsable de Quatroymedio.
A exposición Calle 52 W. Los rostros del Jazz 1945-1948 é a primeira das actividades paralelas que se van desenvolver no Outono Códax, que se veñen a sumar a súa oferta musical. A programación de actividades que se desenvolverá durante este mes inclúe duas catas de viño de Bodegas Martín Códax (mércores 6 e 13) e unha cea con maridaxe musical (mércores 20), unha nova edición do ciclo Blow Up… A música no cinema, con tres proxeccións (venres 22, sábado 23 e domingo 24); as presentacións dos libros Lo tengo en vinilo, de Óscar Avendaño (venres 15), e Rumours. La tormenta emocional de Fleetwood Mac, de Xavier Valiño (venres 22); e tres pinchadas a cargo de Dj Sanma (sábado 9), Dj Abelvision (venres 15) e Javi Savoy (venres 22).