A CoruñaCulturaNovas

Música, baile, teatro e encontros para festexar as Letras Galegas 2025

Inés Rey (no centro) co resto de participantes na presentación do programa das Letras Galegas 2025.

Tanto o Concello da Coruña como a Deputación provincial presentaron hoxe en rolda de prensa todas as actividades que levarán a cabo con motivo das Letras Galegas 2025, que este ano está dedicado ás cantareiras e que a Real Academia Galega personificou en sete mulleres: Adolfina Casás, Rosa Casás, Eva Castiñeira, Manuela Lema, Teresa García, Prudencia Garrido e Asunción Garrido.

A alcaldesa da cidade herculina, Inés Rey, acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e por artistas e agrupacións culturais coruñesas que participan no programa, explicou que o Día das Letras Galegas daralle voz ás cantareiras, “nun recoñecemento da nosa tradición oral como literatura viva e que perdura no tempo, de xeración a xeración, ata o día de hoxe”. “Desde o Concello celebramos este recoñecemento a mulleres que durante xeracións foron transmisoras da cultura popular, da lingua e da historia colectiva a través da música. O seu saber non está nos libros, senón na memoria compartida e nas palabras cantadas, o que pon en valor formas de literatura non escrita pero igualmente poderosas”, engadiu.

A alcaldesa, ademais, anunciou un acto de homenaxe ás cantareiras homenaxeadas este ano en María Pita o venres 16 de maio, véspera do Día das Letras Galegas. “As cantareiras foron, e seguen a ser, verdadeiras embaixadoras da identidade galega. Nun contexto onde moitas veces as mulleres foron invisibilizadas, homenaxealas supón un acto de xustiza e unha forma de recoñecer a súa aportación fundamental á cultura e á defensa da nosa lingua”, sinalou Inés Rey.

A programación municipal das Letras  encherá as rúas da cidade de música e cultura galega durante tres intensas xornadas, do venres 16 ao domingo 18, ás que haberá que engadir o domingo 25, día no que se celebrará unha conversa moi especial arredor das cantareiras homenaxeadas no Día das Letras Galegas 2025, na Fundación Luís Seoane.

Os xardíns de Méndez Núñez serán o espazo no que as agrupacións culturais coruñesas levarán a cabo foliadas e actuacións. Participarán Cántigas da Terra, Aturuxo, Xacarandaina, Donaire, Maghúa, Son D’Aquí, Espadana e Contiños da Feira o venres ás 22.30 e sábado e domingo ás 17.00. Ademais, sábado e domingo haberá outro escenario no Campo da Leña, polo que pasarán artistas galegos de estilos moi diferentes como Ortiga, Zavala, Ulex, Breo, Carabela, Belém Tajes e Eris Mackenzie.

Durante as tres xornadas distintas prazas da cidade acollerán actuacións singulares e obras teatrais. Haberá actos na praza do Humor, na praza de San Andrés, en Azcárraga, en José Sellier… Tamén haberá pararrúas e concertos de grandes formacións no Teatro Colón como Treixadura, que actuará o día 16 dentro do ciclo Folk no Colón, ou a Banda Municipal de Música, que terá un concerto especial o domingo 18 xunto a Pedro Lamas e Lilaina. Tamén celebrarase unha gala especial polo 70 aniversario de Aturuxo, na que se renderá homenaxe ás Pandereteiras de Mens, o domingo 18 ás 19.00 no Teatro Rosalía de Castro.

A programación municipal complétase con outras actividades e iniciativas como a actuación de Xosé Lois Romero e Aliboria no AgoraSon, as andainas do ciclo A Coruña das Letras ou os espectáculos para nenos dentro do programa Apego, no Ágora. “Homenaxear ás cantareiras non é só celebralas, senón tamén recuperar o hábito de escoitar: ás persoas maiores, ás voces esquecidas, ás músicas que falan dunha terra e dunha maneira de sentir. É unha oportunidade para aprender, compartir e manter viva a nosa cultura”, sinalou a alcaldesa.

Presentación das actividades organizadas pola Deputación da Coruña con motivo das Letras Galegas 2025.

Programación en máis de 25 concellos da provincia

A Deputación da Coruña presentou no Palco da Música da Coruña todas as actividades que levará a cabo con motivo das Letras Galegas 2025. As deputadas de lingua, Soledad Agra, e de cultura, Natividade González, foron as encargadas de explicar a programación, acompañadas de representantes de algunhas das actividades que a conforman: Xabier Díaz; Donaire; Xacarandaina; Zavala; Maos; Cantometrics; AELG e o documental ‘Lévame a idea’.

Soledad Agra explicou que na Deputación “temos unha programación moi extensa que imos desenvolver en moitos concellos da provincia, porque ese é o compromiso desta institución”. Pola súa banda, Natividade González salientou o obxectivo de “desenvolver actividades culturais por toda a provincia, descentralizándoas para que cheguen ao máximo número de veciñas e veciños”, facendo fincapé en que se trata “dun programa anual, xa que para nós as Letras Galegas son os 365 días do ano”. González tamén expresou que é unha programación “extensa, intensa e sobre todo continua. Combinamos literatura, música, teatro… e, sobre todo, reflexión sobre a nosa cultura e tradición”.

Así, a programación chegará a máis de 25 concellos da provincia, e inclúe concertos, teatro, contacontos, proxeccións, presentacións literarias, adquisición de libros, xornadas, edicións especiais e publicacións.

  • 3 grandes concertos temáticos: Efémeras de Cantometrics (maio) en Noia, Carballo e Ortigueira, Zavala + Atalaias de Caión (outono) e 25 aniversario de Donaire (outono) en Mazaricos, Melide, As Pontes, Teo e Ribeira.
  • 10 proxeccións previstasdo documental Lévame a idea
  • 2 funcións teatrais escolarescon Tanxarina + A biblioteca galáctica contra a IA fantástica en Rois e Cabana de Bergantiños
  • 4 concertos das Pandereteiras de Xancarandaina en Fisterra, Betanzos, San Sadurniño e Arteixo
  • 5 concertos de Donaire.
  • 4 presentacións do Cancioneiro galego serodio 1989–2011, de Xabier Díaz en Trazo, Dodro, Carballo e Vimianzo
  • 3 concellos acollerán a presentación do Manual de Boas Prácticas.
  • 3 obras literarias adquiridas e distribuídasen bibliotecas públicas: Pandereteiras de Mens, Cancioneiro galego serodio 1989–2011e A biblioteca galáctica contra a IA fantástica
  • 11 obradoiros de escrita para o alumando de primaria e secundaria de diferentes centros da provincia
  • Contacontos ilustrados e musicados da obra “Cantareiras. Poesía popular nas letras galegas” para nenos e nenas de infantil e primaria

Todos os artistas e representantes das diferentes actividades que forman parte do programa das Letras Galegas que participaron na presentación de hoxe destacaron o seu “agradecemento” á Deputación “por xerar espazos como este, de encontro, de celebración da cultura e de aturuxo en tantos concellos da provincia, e non só nas cidades”. Ademais, cada un explicou o seu proxecto e en que consiste a actividade que vai protagonizar. Foi o caso dos músicos Xabier Díaz e Cantometrics.

A deseñadora de Maos, Xiana Iglesias, tamén explicou os detalles do cartel, que “fai un recoñecemento a toda a poesía popular oral, representando as mulleres como transmisoras de todo o legado poético, o contexto no que se crea a poesía e o patrimonio oral, eses espazos de colectividade, e o papel das persoas que estudaron e que facilitaron a transmisión”. “Buscamos conceptos e mesturámolos como se fose unha sorte de caderno de campo”, sinalou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.