Lucía Freitas xestionará a terraza do Hotel Costa Vella, que reabre este xoves 17
A propiedade do Hotel Costa Vella anuncia a reapertura da súa terraza ao público, froito dun acordo con Lucía Freitas, recoñecida chef e empresaria compostelá que dirixe os restaurantes A Tafona e Lume.
Situada no casco histórico de Santiago, a terraza é un espazo singular e axardinado que durante anos estivo aberto á veciñanza, visitantes e paseantes, converténdose nun dos lugares ao aire libre máis emblemáticos de Galicia. Tras
un tempo pechada ao público, volve este mes de xullo cun novo equipo e un renovado modelo de xestión.
O equipo de Lucía Freitas encargarase da nova proposta hostaleira e gastronómica, cunha intención compartida coa propiedade: respectar e coidar o espazo, mantendo a súa esencia, o seu carácter especial e a súa accesibilidade. Segundo as palabras da propia Lucía: “Non queremos cambiar o Costa Vella, queremos dignificar e custodiar a súa historia, e coidar do seu legado cara ao futuro. Chegamos para manter vivo o gran traballo da familia Liñares Bar e poñer en valor un espazo de gran importancia vital na memoria colectiva de Compostela.”
Esta reapertura é posible grazas á vontade de colaboración e á visión compartida pola calidade entre dous proxectos locais que entenden a
hostalaría como parte fundamental do tecido urbano, social e da imaxe da cidade.
O día de reapertura será o vindeiro xoves 17 de xullo.