GastronomíaPublirreportaxe

De Arzúa a Moeche: o queixo, fonte de riqueza e dinamización do rural

 

O queixo é moito máis ca un alimento en Galicia. É cultura, economía, territorio e identidade. Desde hai xa medio século, a Festa do Queixo de Arzúa é toda unha institución, cita obrigada nos calendarios gastronómicos da provincia e máis alén. Nos últimos anos tamén está a coller forza a Feira do Queixo de Moeche, en Ferrolterra, que vén de celebrar a súa oitava edición.

En ambos os dous eventos estivo moi presente a Deputación da Coruña, que participou activamente nas súas programacións a través do Mercado da Deputación, baixo o paraugas da marca ‘A paisaxe que sabe’, ou patrocinando actividades.

Arzúa: máis de medio século celebrando un produto emblemático

Os días 27 e 28 de febreiro, así como o 1 de marzo, Arzúa volveu ser un dos grandes puntos de encontro da gastronomía galega coa celebración da súa histórica Festa do Queixo. Cincuenta e unha edicións xa dun evento que cada ano reúne milleiros de visitantes ao redor dun dos produtos máis representativos do país.

Durante tres días, o municipio acolleu actividades culturais, propostas gastronómicas e espazos de encontro para produtoras, produtores e visitantes, consolidando a festa como un dos grandes escaparates da Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa.
A institución provincial participou co seu Mercado da Deputación —integrado por unha vintena de postos—, ademais de programar demostracións culinarias no Espazo Gastro do recinto feiral arzúan. Alí, o chef Diego Mato preparou un taco de steak tartar de tenreira galega con emulsión de queixo de Arzúa, así como milfollas de pataca e queixo de Arzúa con polbo á prancha e crocante de Galmesán, dúas elaboracións que destacaron pola combinación de sabores locais e técnicas contemporáneas. Pola súa banda, o cociñeiro Iván Domínguez propuxo mexillóns de Lorbé guisados ao estilo tigre con queixo Arzúa-Ulloa e chourizo ceboleiro, continuando cun falso risotto de trigo con Arzúa-Ulloa curado, sardiña afumada e encurtidos, unha elaboración que puxo de relevo a versatilidade deste produto dentro da cociña contemporánea.

O vicepresidente da Deputación da Coruña e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, destacou na inauguración da festa o valor que ten toda a cadea de valor enogastronómica da provincia. «O noso verdadeiro Silicon Valley», afirmou, «é toda a xente que ao longo e ao largo do noso país é capaz, con moitos esforzos, de producir alimentos de altísima calidade». Neste sentido, reivindicou o papel das explotacións gandeiras e das queixarías como referencia dun modelo produtivo ligado ao territorio.

Regueira subliñou tamén a importancia de eventos como este para impulsar oportunidades de negocio no sector e visibilizar o traballo das produtoras e produtores do rural.

Moeche: unha feira que medra desde o rural

Se Arzúa representa unha tradición consolidada, a Feira do Queixo de Moeche amosa a capacidade de iniciativas máis recentes para dinamizar o territorio e poñer en valor os produtos locais. A oitava edición da feira celebrouse o 15 de marzo no recinto feiral da localidade, cun programa que incluíu postos de venda de queixos e produtos artesáns, actividades culturais e propostas gastronómicas arredor dun dos produtos emblemáticos da comarca.

Xosé Regueira, e a deputada Cristina García Rey —que ademais é concelleira na localidade— visitaron a feira coincidindo coa apertura da xornada dominical e realizaron un percorrido polos postos do Mercado da Deputación, presente por vez primeira neste evento.

Tras a visita, Regueira fixo unha valoración «moi positiva» desta experiencia, destacando a grande afluencia de público xa desde primeiras horas e avanzando a intención da Deputación de repetir o formato en futuras edicións.

Asemade, puxo en valor o esforzo do Concello de Moeche, «un dos máis pequenos da provincia» —no limiar dos 1.200 habitantes— por consolidar unha cita que vai máis alá do propio evento. «En concellos pequenos en orzamento, coma Moeche, pero grandes en ilusión e en ganas de trasladarlle vitalidade á súa cidadanía e aos seus sectores económicos, iniciativas coma esta merecen sempre o apoio da Deputación», afirmou o vicepresidente.

Regueira destacou ademais a importancia deste tipo de encontros para achegar o produto local á cidadanía e reforzar a relación directa entre produtoras e consumidores. «É importante popularizar o produto de altísima calidade que temos entre a sociedade; un produto de quilómetro cero, sostible, non só para comer mellor, senón tamén para protexer o noso sistema produtivo e o planeta», subliñou.

Pola súa banda, Cristina García Rey destacou o potencial do recinto feiral de Moeche e o peso que ten o sector primario na economía do municipio. «Somos un concello pequeno e rural, cunha forte presenza do sector primario, e ademais temos a sorte de contar cun recinto feiral moi amplo e con moitas posibilidades. Por iso tratamos de aproveitalo ao máximo para organizar iniciativas coma esta feira, que poñen en valor os nosos produtos e dinamizan a vida económica e social do concello», explicou.

A programación da feira incluíu tamén propostas gastronómicas como as demostracións culinarias do chef compostelán André Arzúa, que elaborou pratos como lingote de galiña piñeira recheo de queixo de Moeche ou unha mousse de queixo con mel e améndoa caramelizada.

No Mercado da Deputación participaron produtoras e produtores da provincia como Xearte Brigitte, As Camposeiras, Cafés Aruba, Empanadas Ternura, Asociación Raíña, Cafés Lúa, Galuriña, San Isidro Bakery ou Queixo fresco e requeixo Sillobre.

 

Gastronomía, territorio e futuro

A presenza da Deputación da Coruña nestas dúas citas evidencia a aposta da institución por apoiar o sector agroalimentario e por impulsar iniciativas que contribúan a reforzar a economía do rural.

Tanto a histórica Festa do Queixo de Arzúa como a máis recente Feira do Queixo de Moeche comparten un mesmo obxectivo: poñer en valor o traballo das produtoras e produtores e reivindicar o papel da gastronomía como motor de desenvolvemento local.

A través de iniciativas como o Mercado da Deputación e da marca ‘A paisaxe que sabe’, a institución provincial busca crear espazos de encontro entre produtoras, profesionais da gastronomía e público consumidor, contribuíndo a fortalecer o tecido produtivo da provincia e a difundir a calidade dos seus produtos.

Nun contexto no que o consumo de proximidade, a sustentabilidade e a defensa do territorio cobran cada vez máis importancia, eventos como os de Arzúa e Moeche demostran que o queixo continúa a ser un símbolo vivo do potencial económico, cultural e social do rural galego.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.