GaliciaGastronomíaPola gorxa

Cunquiña de café

Que en Galicia somos moito de tomar café non é ningún segredo. Gústanos de multitude de maneiras e non pode faltar como remate de cada gran comida. É unha bebida que se obtén pola infusión ou cocemento en auga das sementes torradas e moídas da cafeeira.

O café sérvese normalmente nunha cunquiña ou xícara, que é unha cunca (‘taza’ é un castelanismo) de pequeno tamaño. Á cantidade de líquido que colle nese recipiente chamámoslle concada ou cuncada. Adoita acompañarse dunha culleriña que se emprega para remexelo. E os establecementos onde podemos pedilo reciben o nome de cafetería ou cafetaría. Barista é a persoa que está especializada na súa preparación e que se encarga do servizo de barra dun bar.

As variedades comercializadas son a arábica, co gran alongado e estreito, a fendedura central algo curvada e menor contido en cafeína; e a robusta, co gran arredondado e curto, a fendedura central máis recta e maior contido de cafeína.

Unha das elaboracións máis típicas da nosa terra é o café de pota, que se prepara nunha pota con auga fervendo, e que despois de repousar se pasa por un coador de tea. Tamén é moi popular o licor café, que se obtén por maceración ou destilación do café torrado natural en augardente, cun contido en azucre superior a 100 g/l e unha graduación alcohólica comprendida entre 20º e 40º.

onde probalo?

Nos últimos tempos cada vez son máis os establecementos en Galicia que apostan por ofrecer cafés de especialidade, aqueles de calidade superior con determinadas características no seu proceso, que inclúen dende a coidada selección do froito aos específicos tratamentos poscolleita.

Dentro da oferta de cafetarías de especialidade en Compostela destaca Shot Me Coffe, na rúa dos Concheiros, que o ano pasado obtivo o primeiro posto de ‘Coffee Shop’ e o terceiro de mellor servizo nos BCN Coffee Awards. Tamén Coffee Mori, na rúa Nova, que ademais conta coa súa propia torradora no barrio de Vista Alegre.

Na Coruña abriu fai un ano Conuco Coffee Roasters, na rúa Orzán, con torradora propia dentro do local, e seleccionada como unha das mellores cafeterías de especialidade de España no evento CoffeeFest celebrado recentemente en Madrid.

Iso si, aínda que estea boísimo e forme parte da nosa cultura gastronómica, recorda que, segundo a Organización Mundial da Saúde, non debemos consumir máis de tres cuncas de café ao día. Esa é a cantidade que se considera óptima para obter os seus beneficios (mellora o rendemento físico e mental, reduce o risco de enfermidades hepáticas ou diabetes, etc.) sen enfrontar efectos negativos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.