Galicia Wine Taste: un novo motivo de peregrinación a Compostela
Por Lorena Costas

Aló, pincheiras e pincheiros! Desta vez facemos dupla en Compostela con revista dous meses seguidos e neste número será unha servidora a que vos falará dun evento que terá lugar na nosa cidade no mes de marzo (ímoslle dar descanso a Crusat para que madure como os bos viños).
Pois ben, como comentaba, o 24 de marzo no Hotel Monumento San Francisco celebrarase a primeira edición do Galicia Wine Taste, que, aínda que o nome sexa en inglés, vén a dicirnos que se trata dun evento onde se poderán catar os viños de máis de 50 adegas galegas de todas as zonas, Bierzo incluído (xa sabedes aquelo da quinta provincia...) e máis dunha ducia do resto de España e do estranxeiro.
O evento está organizado por Fredi Torres (metade galego e metade suízo: para nós é galego cen por cen, só que con acento raro )en colaboración cos irmáns Carlos e Juan de Sílice Viticultores, cos que tamén participa na elaboración dos seus viños. Fredi, un verdadeiro “home orquestra”, tamén está presente nos proxectos doutras adegas españolas e tamén en Francia e Suíza con proxectos propios. É o organizador, xunto con outro socio, da coñecida feira barcelonesa Vinos Off the Record, que se celebra ao tempo da Barcelona Wine Week e que cada ano gaña máis adeptos e recoñecementos no sector vitivinícola.
Galicia Wine Taste nace coa idea de ser un evento de estilo similar a Off the Record, pero sobre todo quere ser unha feira complementaria ás xa existentes no noso país; principalmente dirixida aos profesionais do sector, ao chamado canal HORECA (Hoteis, Restaurantes e Cafeterías), pero tamén a xornalistas especializados e á sumillería nacional e internacional. O que pretende Fredi é, que nun prazo duns tres anos, Galiza se transforme nun lugar de peregrinación de todos aqueles profesionais e afeccionados do mundo do viño: poñer os viños da nosa terra ao mesmo nivel que outras zonas de grande repercusión. Calidade non nos falta, iso sabémolo!
Así, haberá adegas ben coñecidas polo público (Algueira, Albamar, Zárate, Rafael Palacios, Abadía da Cova, Pazo de Señorans, Dominio de Bibei; do Bierzo Raúl Pérez, Germán Blanco, etc.), pero tamén outros proxectos marabillosos de viticultores e viticultoras que teñen moito que dicir: Mission, Destinos Cruzados, Iria Otero, Saíñas, Mixtura, Adega O Cabalín... Así mesmo, haberá adegas doutras zonas de España e doutros países; por citar algúns, Soalheiro, Frontonio ou Primitivo Collantes. Porque, aínda que o target principal do evento sexa profesional, nós, coma bebedores de viño, tamén poderemos asistir e catar todo o que nos apeteza en horario de 10 a 18h. Ademais, mercando a entrada, de custo 20€, o 10% desa cantidade irá destinada a ASTEAVI (unha asociación viguesa sen ánimo de lucro que traballa na inserción laboral de mozos e mozas con trastorno de espectro autista).
Xa vos estará apetecendo asistir non? Aquí vos deixo a páxina onde poderedes mercar as entradas e coñecer a listaxe de adegas actualizada: https://www.galiciawinetaste.com).
Longa vida ao viño e a xente que o fai! E a que o bebemos, porque non hai paixón máis fermosa que aquela que se comparte e se retroalimenta de todos nós. Non faltedes que paso lista!
