Creativas Galegas, a unión fai a forza tamén durante o confinamento

‘Compartir para crecer’ é o lema de Creativas Galegas, un colectivo de profesionais do eido cultural galego que botou a andar a finais do 2019 e que xa conta con case cen membros. “Non pensabamos que tería esta aceptación tan rápido. Estamos moi contentas”, sinala unha das súas fundadoras, Bea Barril de SpacioB e Ao Teu Gusto.
Foi ela a que, xunto con Sandra de Rego da marca Amorote e Isabel Pernas, puxo en marcha este proxecto que agrupa a artesáns, pequenos artistas das artes escénicas e pequenos produtores. O único requisito para pertencer ao grupo é que deseñes ou fabriques en Galicia. “Cremos que de forma individual podemos chegar más rápido, pero de forma conxunta podemos chegar máis lonxe. De aí o noso lema”, explica Bea.
O obxectivo principal de Creativas Galegas é dar apoio e visibilidade “a eses pequenos proxectos que non teñen os mesmos recursos que outras grandes empresas”. Por iso un dos seus maiores retos é conseguir un espazo común de traballo onde “compartir sinerxias, ofrecer os nosos servizos e produtos e expoñelos”. Un local, que xa están a buscar por Santiago, onde tamén impartirán obradoiros e talleres de formación e que contará cunha programación cultural para pequenos artistas emerxentes. Chamarase Mercado Galego da Creatividade porque queren que se convirta nun referente en toda a comunidade.

Confinamento creativo
O proxecto do Mercado quedou paralizado por mor da pandemia do Covid-19. Pero non as ideas deste colectivo de creadores, que levan todo o confinamento poñendo en marcha diferentes actividades a través das redes sociais:
- O Parladoio de Creativas é un encontro virtual que fan dúas veces ao mes no que buscan poñer en común as súas inquedanzas, ver propostas para o regreso á normalidade…
- Exposicións Virtuais. Antes da corentena, organizaban mostras semanais no Mercado La Galiciana que agora pasaron a ser virtuais a través das redes sociais.
- A Xanela de Creativas é un escaparate virtual semanal para darlle visibilidade a unha marca. “Máis que unha exposición é presentar ás marcas que temos no colectivo”.
Se queredes coñecer máis sobre Creativas Galegas ou unirvos a elas, podedes facelo a través de Facebook ou Instagram.