Carmen Iglesias, 50 anos á fronte dos fogóns no mesón A Charca
Por Rebeca Munín
Despois de toda unha vida dedicada á hostalaría, a Carmen Iglesias, propietaria do mesón A Charca desde fai 50 anos, aínda lle quedan forzas para seguir adiante nun sector tan duro e complicado. Ela é unha das oito persoas que homenaxeará o Concello de Santiago no acto ‘Mulleres de Compostela’ que coincide coa celebración do Día Internacional das Mulleres, o vindeiro 8 de marzo.
Contenta con esta homenaxe?
Si, claro, recibir un recoñecemento así sempre é bo. Estou encantada. Estrañoume un pouquiño porque mellor ca min, hai moitas. Pero estou moi agradecida.
50 anos de traballo no mesón A Charca ben o merecen...
Si, 50 anos fixo en decembro que estou aquí. Entre moitos máis negocios que tiven, eh! Porque nesta mesma rúa tiven á vez tres locais: El Cayado, La Cigala de Oro e A Charca. Con 36 persoas empregadas.
Como empezaches no mundo da hostalaría?
Nacín nisto. Eu son de Bembibre, en Val do Dubra, e meus pais sempre tiveron negocios como un cine, unha sala de festas, unha casa de vodas, unha taberna... Despois traballei na Telefónica e o meu marido era administrativo en Castromil, pero gustábanos a hostalaría. Entón empezamos co mesón O Pozo, na ruela das Ánimas. Un local que marcou época naquel entón. Estivemos tres anos, pero como se nos facía pequeno, viñemos para A Charca; que foi bautizada pola clientela. Saímos do pozo e metémonos na charca! (Risos).
Eu procurei sempre prepararme. Cando empecei tiven durante un ano un profesor da escola de hostalaría todas as tardes comigo. E calquera curso ou obradoiro que había, aproveiteinos todos! Creo que é moi importante formarse.
E cal é o segredo para lograr manter un negocio así tanto tempo?
Aquí damos desde unha tortilla ata un lumbrigante! O que ti queiras. Non condicionamos a ninguén. Un dos éxitos posiblemente é ese, que a xente pode comer o que lle apetece.
Temos unha brasa moi rica. E un salpicón que piden moito! Ameixas á mariñeira... Son moitos pratos os que gustan.
E aínda tes idea de seguir?
Si, teño quen continúe co negocio, pero de momento penso seguir até que o corpo aguante. Agora teño 12 persoas empregadas. E eu cociño todos os días. Sen min non se arranxan! (Risos) E mais, sempre reclaman á xefa, como me chaman; aínda que eu quero que me chamen Carmen.
Sendo muller, cres que o tiveches máis complicado á hora de sacar adiante os teus negocios?
O meu marido faleceu con 56 anos e teño que dicir que eu aprendín moitísimo del. Era moi culto e sen non empezara na hostalaría con el, creo que igual non sería. Desde que morreu, no 1996, xa levei todo eu soa. Cun equipo co que estou encantada e que sempre me respectou. E eu, a eles e elas. É un respecto mutuo.
Son moitísimas horas as que dediquei e dedico á hostalaría. Abro e pecho o negocio todos os días. Pero tamén son nai e xamais apartei aos meus fillos polo traballo. Agora teño dous, pero tiven tres. Unha faleceu de leucemia con 22 anos. E por ese motivo meu marido non soportou estar máis tempo vivo. Pero eu tiña que continuar. A familia sempre é o primeiro.
“Son moitas horas as que dediquei e dedico á hostalaría. Abro e pecho o negocio todos os días. Pero tamén son nai e xamais apartei aos meus fillos polo traballo”
MULLERES DE COMPOSTELA 2025
Coincidindo coa celebración do Día Internacional das Mulleres, o vindeiro 8 de marzo, o Concello de Santiago recoñecerá a traxectoria persoal e profesional de oito persoas naturais de Compostela ou que viven e desenvolven as súas tarefas profesionais na cidade. Todas elas recibirán o premio ‘Mulleres de Compostela 2025’ nunha gala que terá lugar o 7 de marzo no Auditorio de Galicia.
Ademais de Carmen Iglesias, propietaria do mesón A Charca, o resto das premiadas son María Suárez, que rexenta desde 1990 a taberna A Chantadina no barrio de Sar; a cantante Guadi Galego; a actriz Melania Cruz; a expresidenta da Asociación A Xunlla de Laraño, Esperanza Nogueira; e a expresidenta da Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM), e que preside na actualidade a federación galega de persoas afectadas por esta enfermidade, a FEGADEM, Teresa González. Tamén recibirán este recoñecemento Carme Castro, que preside o Fútbol Club San Pedro desde 2020, e Pilar Astray, socia activa da Asociación do traxe Galego desde hai máis de 30 anos.
Trátase da primeira vez que, a través do Consello Asesor de Condecoracións, representantes de todos os grupos políticos municipais consensúan a listaxe de mulleres galardoadas, tras a inclusión deste premio no Regulamento de títulos, honras e condecoracións do Concello de Santiago.