“Zavala nunca gravará dúas veces o mesmo disco. Queremos experimentar, divertirnos”
Por Javier Pereira Gasamáns

Zavala apareceu con forza na escena galega con ‘Pequeno Manual para Grandes Cambios’ I e II. Un debut dividido en dúas partes que amosaba unha banda cun son no que cabían electrónica, guitarras e voces indies e que botaba man do tradicional e do spoken word cando lles petaba. Era una proposta moi especial no panorama da música galega e que xeraba moitas expectativas sobre o seu seguinte disco. Este acaba de saír co nome de ‘Lume’, un traballo que é a primeira parte dunha triloxía inspirada na novela ‘Os Camiños da Vida’ de Otero Pedrayo. Falamos con Carla Romalde (voz), “Kos” (programación, bases e visuais) e Víctor Ledo (guitarra e voz).
Como foi a presentación de ‘Lume’ no Teatro Jofre xunto con Chicharrón?
Kos: O Jofre é un lugar espectacular. Calquera artista estaría encantado de actuar alí. O público e os traballadores do teatro son encantadores. E que dicir de Chicharrón, un auténtico pracer compartir escenario e backstage con eles. Non puidemos ter un sitio mellor para amosar as novas cancións.
Na presentación participaron Atalaias de Caión. Vai ser unha presenza constante nos directos?
Kos: Agardamos que poidan estar connosco sempre que poidan e as circunstancias do recinto o permitan. Son unhas cantareiras e pandereiteiras excepcionais, ademais de seren unhas persoas incribles e súper graciosas. Hai que ter en conta que as cancións xa foron concibidas con elas e colaboran nas gravacións. Elas dannos no directo unha forza tremenda e ese punto tradicional que nos define como galegos e que tanto defendemos. Non pechamos a porta a máis incorporacións para o directo porque Zavala non ten límites, pero polo de agora somos os que somos.
Como se relaciona a obra de Otero Pedrayo co universo lírico exposto no disco?
Víctor: Vimos que os temas se podían dividir en tres bloques que se adaptaban perfectamente a ‘Os Camiños da Vida’. ‘Lume’ ten moito que ver cos ‘Señores da Terra’ (primeira parte da novela), reflicte esa decadencia, ese fin de ciclo no que para nós aparece un novo son, máis contemporáneo, máis eléctrico, máis electrónico no que nos sentimos moi cómodos. De feito haberá un ‘Lume II’ porque fixemos moitísimos temas que se adaptan a este son. O segundo volume da triloxía é ‘Casa’, que corresponde a ‘A Maorazga’ de ‘Os Camiños da Vida’, cun son máis tradicional mesturado co electrónico e co protagonismo das cantareiras. ‘O Estudante’, a última parte da novela, é para nós ‘Tempo’, que é unha parte moito máis conceptual. É unha triloxía pero non estaremos con ela tres anos, está bastante avanzada, pero iremos pouco a pouco para dar paso a outros temas.
Cales son as principais novidades de Lume ao respecto dos anteriores discos?
Carla: A primeira diferenza é a vocación máis contestataria e reivindicativa de Lume. O tema social e a política trátanse dunha forma máis directa e incisiva. Nos anteriores discos a carga social xa estaba aí, aínda que mesturada con temas máis intimistas. En ‘Lume’ a protesta, os ecos de revolta, é o epicentro. En canto ao son, escoitase máis a guitarra eléctrica, hai máis samplers, máis sintetizador. Nos anteriores xa amosaramos unha liña electrónica, pero en ‘Lume’ colle moito protagonismo. Estes cambios eran necesarios para combinar o noso son coa liña argumental do disco. Ademais, a premisa da banda é que non vai haber dous discos iguais. A experimentación ten que estar presente sempre ao servizo do que pide cada canción.
Víctor: Non hai unha ruptura cos nosos primeiros discos, o que pasa é que avanzamos, non imos facer o mesmo. Queremos cambiar, divertirnos e temos moito que explorar. En ‘Pequeno Manual para Grandes Cambios’ xa había un esbozo do que sería ‘Lume’.
O primeiro disco foi dobre e agora anunciades unha triloxía. Cal é o segredo para serdes tan prolíficos?
Víctor: Dentro da banda somos tres, pero todos temos un rol definido de xeito natural. Carla ocúpase das redes, ela é quen leva o peso do directo e da parte visual. Kos ocúpase da parte técnica, loxística, das montaxes audiovisuais. Eu levo a parte musical, da composición, arranxos e produción. Rara vez traballo cun tema só, traballo con varios temas a vez o que multiplica as posibilidades de compoñer. Ademais temos un espectro amplo de sonoridades, gustos e influencias que nos permite abarcar moito espazo sonoro.
Zavala quere ser unha banda de culto ou busca unha maior difusión?
Carla: Non é algo incompatíbel. Creo que ao público non lle custa entrar nas nosas cancións, aínda que temos unha personalidade moi marcada. Combinamos diferentes estilos e xéneros, así conseguimos chegar a audiencias máis diversas; nestes dous anos vimos que tras cada concerto o público medraba tanto en variedade como número por isto. Non imos renunciar á nosa esencia e forma de facer as cousas para conseguir máis difusión. Temos un público moi fiel que cre e que lle gusta o noso afán de investigar e experimentar.