Delvis Marte, de CONUCO: “Que cadaquén goce do café como máis lle guste. Eu non intento educar a ninguén”

Delvis Marte, barista propietario de CONUCO Coffee Roasters, na coruñesa rúa do Orzán, cumpriu o pasado verán dous soños. Foi papá por segunda vez e puido empezar a torrar o seu propio café no local. Despois de moito esforzo, obras, permisos... e todas as dificultades que aparecen cando un se lanza a un novo negocio, a bautizada como a ‘Tostanuco’ comezou a súa andaina. E fíxoo ofrecendo á clientela algo moi sinxelo, pero moi importante: bo café. Sen artificios nin etiquetas desas que están de moda. “Do campo á túa casa”, como lle gusta dicir a el. Coñezamos o porqué.
Que é a ‘Tostanuco’ da que falades nas vosas redes sociais?
(Risos) A nosa máquina de torrar café! Púxolle ese nome un dos nosos clientes habituais, don Julio! E xa lle quedou.
Levades traballando con ela desde este verán, por que?
A idea sempre foi ter a torradora aquí, no local. Sempre, desde o minuto un. O único que pasou é que este espazo non tiña a saída de fumes, había unha serie de problemas para poder montar Conuco xa con ela e decidín abrir a cafetería igualmente sen a torradora para arrancar. Ata este pasado mes de agosto no que xa a puidemos estrear.
Nestes primeiros meses coa ‘Tostanuco’, como a está recibindo a clientela?
Vendemos tanto a profesionais como ao público xeral, no propio local ou a través da web conucocoffee.com E todo o ‘feedback’ que estou tendo da xente é positivo. Así que, de momento, ben!
Busco traballar con grans menos coñecidos, cafés que non teña todo o mundo... Empezamos cos máis clásicos, de Burundi, Etiopía, Uganda, Guatemala, Brasil e Colombia, e agora entrarán Ruanda e República Dominicana.
Que queres potenciar máis: a dozura, a acidez...?
O que me pida o cliente. Intento adaptarme aos seus gustos.
Como isto do café é algo ao que moitos se están ‘subindo á parra’, poñendo prezos moi altos, eu fago o contrario: intento ofrecer cafés bos, pero económicos. Fuxo do termo ‘de especialidade’. Non me gusta nada por moitos factores, moitas cafeterías chámanse así e non o son. Prefiro dicir que o que eu ofrezo é café bo.
Como é entón o café que che gusta se é para ti?
Que sexa cítrico, froiteiro.
E se é para conquistar a alguén?
O mesmo, cítrico e froiteiro. Pódese facer que lle guste. Aí entran as calidades de barista! (ha, ha, ha).
Con que música o acompañas?
Rap, sempre. En concreto, Wu-Tang Clan.
Que erro cres que comete sempre a xente con respecto ao café?
Non sei... non me gusta meterme neses paos! (risos) Pero diría que espraiarse e dicirlle aos demais como teñen que tomalo. Que cadaquén goce do café como máis lle guste e estea acostumado na súa casa. Se queren azucre, que o tomen. Se queren leite, con leite. Eu non intento educar a ninguén. Antes si que ao mellor había que facelo, pero hoxe en día, cada un xa sabe ben como o quere.