Cando deixa unha marca de ser só túa?
Por Cata Mosquera | Uxía Blanco de Lenzo Estudio
Ao principio, cando montas un proxecto, tes bastante claro o que queres facer. Ou polo menos iso pensas.
Escolles un nome, unha identidade, unha maneira de comunicarte… e despois aparecen a clientela, os lectores e lectoras, os comentarios, as opinións, as suxestións que pouco a pouco fan descubrir que a percepción que os demais teñen do teu proxecto non sempre coincide coa que ti tiñas na cabeza.
Ás veces abonda unha pregunta para facerte parar. Non necesariamente porque teñas que cambiar de opinión, senón porque alguén puxo enriba da mesa algo que ti, ao mellor non estabas vendo.
Pasou recentemente en Pincha. Un lector preguntou por que unha revista escrita en galego leva ese nome, ao considerar que podía entenderse como un castelanismo. A cuestión levou a explicar por que se escolleu ese nome fai nove anos, pero tamén a reflexionar sobre algo diferente. Canto debemos deixar que as opinións dos demais condicionen as decisións dunha marca?
Porque escoitar é importante. Moito. Cando levas tempo metido nun proxecto, é fácil acabar mirando sempre desde o mesmo lugar. Un comentario externo pode sinalar unha contradición, unha oportunidade ou simplemente unha interpretación que nunca se che ocorrera. E iso ten un valor enorme.
Pero escoitar non significa que teñamos que cambiar cada vez que alguén nos fai unha observación. Pode facernos descubrir algo que non viramos, entender mellor como se percibe o que facemos ou, simplemente, confirmar por que tomamos aquela decisión no seu momento.
Cando un proxecto medra, non todo o que os demais perciben ten que encaixar necesariamente coa visión de quen o creou. As persoas achegan as súas propias experiencias, expectativas e interpretacións, e iso forma parte do que significa construír unha marca de cara ao público. Pero o que temos que analizar é ver que facemos con aquilo que escoitamos.
É algo que se repite? Fainos pensar? Sinala unha incoherencia que non fixeramos consciente? Ou simplemente ofrece unha mirada diferente sobre algo que segue tendo sentido para nós?
No caso de Pincha, aquela pregunta non fixo que mudase o nome, pero si serviu para lembrar por que o se escolleu e todo o que chegou a significar despois de nove anos. Esta revista concibiuse arredor da idea de dar un salto, de facer unha viraxe, de mirar a gastronomía e a cultura desde outro punto de vista. A intención sempre foi afastarse da visión máis convencional destes sectores para contar historias diferentes: dar voz a camareiros e camareiras, produtores, artesáns, pequenos proxectos, persoas que normalmente non ocupan titulares nin portadas; abrir espazo ás novas tendencias e ás maneiras distintas de entender ámbolos dous sectores. En definitiva, dar esa “viravolta” ou “pincha” cara a outras perspectivas.
E quizais aí estea a clave: non se trata de construír proxectos que non sexan cuestionados, senón de estar dispostos a escoitar, revisar cando sexa necesario e tamén confiar nas decisións que forman parte da nosa identidade.
Porque ás veces unha opinión non che fai cambiar de rumbo, simplemente fai que comprobes se segues indo na dirección que querías.