GastronomíaPola gorxa

O magosto

Castañas

Co outono chega o tempo do magosto, unha celebración na que a gastronomía ocupa un lugar central. As castañas, asadas directamente sobre as brasas ou preparadas de diferentes maneiras, convértense nas grandes protagonistas de moitas mesas na nosa terra.

A Real Academia Galega recolle o termo ‘magosto’ con dúas definicións: por unha banda, refírese a comida que consiste fundamentalmente en castañas asadas, polo xeral acompañadas de viño; e por outra, á acción de asar estes froitos ou, dito doutra maneira, magostar.

A colleita comeza no souto, o lugar onde medran os castiñeiros. Alí, caen os ourizos, as cubertas espiñentas que protexen as castañas. Sacalas desa envoltura recibe o nome de debullar. E sabías como as chamamos cando están peladas e secadas ao fume? Castaña maia ou castaña maiola.

A súa dozura natural fai que a castaña poida funcionar como ingrediente principal, pero tamén como acompañamento. É un produto humilde e, ao mesmo tempo, extraordinariamente versátil. Pode presentarse cocida, acompañando carnes e guisos; en purés e cremas; en sopas e potaxes, como alimento nutritivo e reconfortante; ou transformada en fariña para a elaboración de pans e doces. Tamén combina especialmente ben con outros produtos propios da estación, como os cogomelos, a cabaza, as noces, o mel ou a carne de porco. No apartado doce, permite elaborar cremas, bolos, tortas, biscoitos e outras sobremesas.

ONDE PROBALO?

A presenza da castaña na restauración galega medra especialmente cando chega a súa tempada. En Santiago e na Coruña son moitos os locais que aproveitan este produto de outono para incorporalo ás súas propostas.

Un bo exemplo sería o restaurante compostelán O Sendeiro, que inclúe na súa carta unhas ‘croquetas de chourizo e castaña de Quiroga’, nas que a castaña pilonga achega o seu característico toque doce e se combina co sabor afumado do chourizo.

Pero hai unha maneira aínda máis sinxela de gozar delas. Cando chega o frío, abonda con pasear polo centro das dúas cidades para que o cheiro das castañas asadas nos leve directamente ao outono.

En Santiago, esa imaxe ten nome propio: Manolo Prieto, o coñecido castañeiro da Porta Faxeira. A súa relación coas castañas vén de décadas atrás. Comezou a vendelas sendo moi novo e continuou coa tradición familiar iniciada polo seu pai, que introduciu en Santiago unha das primeiras locomotoras de castañas asadas a finais dos anos corenta.

Na Coruña existe unha tradición semellante. Na céntrica rúa Real, o protagonista é Sergio Gallego, que leva máis de seis décadas detrás do seu carro de castañas. Comezou co negocio nos anos sesenta e converteu o seu posto nunha das estampas máis recoñecibles do outono coruñés.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.