CompostelaCulturaNovasTurismo

Míriam Louzao: “Compostela debe exercer como capital cultural de Galicia con ambición, pero tamén con responsabilidade”

Míriam Louzao, na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia. Fotos: Iván Barreiro

Cando comezou Pincha, alá polo 2017, Míriam Louzao (Compostela, 1983) levaba xa varios anos sendo a responsable de comunicación do Auditorio de Galicia, organismo que xestiona o Departamento de Cultura do Concello de Santiago. Atopábame con ela nas roldas de prensa relacionadas co sector, pedíalle que xestionara entrevistas, estabamos a carón unha da outra sacando fotos cos nosos móbiles das persoas que interviñan nos diferentes actos… Pero hai algo máis de tres anos, coa chegada do BNG ao goberno local, ela pasou ao outro lado. Confeso que ao principio facíaseme raro vela aí, sentada na mesa, contestando as preguntas de quen había ben pouco eramos os seus compañeiros e compañeiras da prensa.

Míriam asumiu o cargo de concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica, ademais de voceira do Goberno municipal. Como revista especializada en gastronomía e cultura que somos, hai moitos temas que nos parecían interesante tratar con ela nesta entrevista que gravamos a principios do pasado mes de agosto. Aquí tendes o resultado.

Tres anos xa á fronte da concellerías de Turismo e Cultura -ademais de Educación e Memoria Histórica-, en Santiago. Que balance fas?

En turismo creo que demos pasos de xigante. Avanzamos considerablemente nun cambio de modelo, cara a ese que sempre dicimos que ten que ter Compostela: un turismo máis sustentable, un turismo que faga que o sector conviva de xeito harmónico coa veciñanza e coas persoas que nos visitan, e que os beneficios económicos se poidan redistribuír cara á cidadanía.

En canto a cultura, creo que o balance é positivo porque traballamos en construír un ecosistema cultural máis sólido, e que se conecte máis coa cidadanía. Por unha banda, consolidamos os grandes programas e festivais municipais, como Curtocircuíto e  Cineuropa cos que fixemos contratos plurianuais para que houbese máis tempo para programar. Tamén aumentamos o apoio, mediante liñas de subvención, a determinados festivais singulares para que puidesen ter esa estabilidade e seguir medrando. E reforzamos liñas de traballo como a música contemporánea —co ciclo Contemporáneas, que agora ten actividade durante todo o ano e non se concentra nun só mes, por poñer un exemplo— ou a programación infantil, creando a Tropa C, cunha programación estable para as familias.

Tamén creamos toda unha nova liña arredor da memoria, que me parece moi importante, porque a memoria é unha parte esencial da acción cultural para construír unha cidadanía crítica, informada e democrática. Por iso creamos todo o relacionado coas marcas ‘Compostela e Memoria’ e ‘As Mil Marías’, que falan especialmente da memoria feminista.

Todo isto, ao final, sitúa as persoas no centro da política cultural. E serve para acompañar os públicos, interpelalos, e non quedar só na programación cultural, senón traballar para que a cultura sexa un dereito que poida ser exercido por todas as persoas.

Que tres fitos destacarías deste tempo?

É difícil quedar só en tres, pero en turismo, diría a aprobación do imposto de estadías turísticas: unha ferramenta de xustiza social que creo que chegou para quedar.

En cultura e memoria, poñer as estatuas do Mestre Mateo que tiñan os Franco á disposición da cidadanía.

E no ámbito da educación e, relacionado coa gastronomía, puxemos en marcha un novo modelo de comedores escolares, con produtos locais e de proximidade, para que os nenos e nenas vivan a experiencia como parte tamén importante da súa educación e da súa cultura desde ben pequeniños.

Como responsable de cultura, dirías que o Concello está apoiando suficientemente a creación local?

O apoio á cultura sempre pode e debe ser maior, especialmente nun contexto no que boa parte do sector segue traballando en condicións non óptimas, moitas veces en precariedade ou intermitencia, o que dificulta desenvolver proxectos a medio e longo prazo. Nestes anos reforzamos a presenza da creación galega, e particularmente compostelá, nas programacións munici pais, e abrimos espazos tanto para artistas emerxentes — por exemplo, na Zona C ou no Auditorio de Galicia— coma para artistas xa consolidados. E non só programando, senón tamén procurando contextos nos que poidan desenvolver o seu traballo, presentalo ao público e entrar en contacto con outros artistas e axentes culturais. Por iso puxemos en marcha un novo contrato para traballar na mediación cos públicos, cunha persoa dedicada especificamente a iso.

E si, queda moito por facer, sobre todo en simplificar procedementos administrativos, mellorar a planificación, os prazos de contratación e os pagamentos.

Podo avanzar que neste último ano de lexislatura imos facer un traballo de ‘mapeo’ do sector, de todas esas empresas que contribúen a crear esa Compostela da que nos sentimos tan orgullosas, para buscar mecanismos que permitan á administración axudarlle mellor.

Compostela ten un tecido cultural moi vivo e cualificado, cunha capacidade de creación impresionante, e o Concello ten a obriga de escoitalo, recoñecelo e contribuír a que poida desenvolver o seu traballo en condicións dignas.

Antes de ser concelleira en Santiago, Míriam era a responsable de comunicación do Auditorio de Galicia. Foto: Iván Barreiro

En canto aos novos públicos, sempre é difícil chegar ao adolescente. Como se está a traballar para chegar á mocidade?

Ese é o gran reto: conseguir enganchalos. Por iso facemos ese traballo de mediación, para chegar aos adolescentes e a outros sectores que non participan tanto na programación cultural. É importante facer actividades na rúa e noutros espazos, a programación didáctica dirixida non só aos centros de infantil e primaria, senón tamén aos institutos; e facer programación pensada para eses públicos como fai, por exemplo, a Real Filharmonía de Galicia.

A maior parte da actividade cultural concéntrase tradicionalmente no centro da cidade. Aínda que hai propostas máis aló, vai haber máis actividades nos barrios ou parroquias?

Si, precisamos achegar a cultura aos barrios e tamén ao rural… como co Fechiño, que é o único festival cultural que se fai exclusivamente no rural. Pero cando falamos de descentralizar queremos facelo nun sentido amplo: non só levar programación cultural ao exterior, senón construír cultura co territorio e coa comunidade, traballando co tecido asociativo, os centros socioculturais, os colectivos veciñais e a comunidade educativa, para que a xente non teña que vir sempre ao centro. Non se trata de ver os barrios só como receptores de programación, senón tamén como espazo de creación e participación.

E tamén entendemos a descentralización doutra maneira: dar cabida no centro a aquilo que tradicionalmente queda máis á marxe —a creación contemporánea, as perspectivas feministas e a diversidade de xénero, as novas linguaxes artísticas—. Iniciativas como o Festival C que se desenvolve nas rúas en agosto, ou os programas arredor da memoria, axudan a que cuestións máis marxinais poidan ocupar o centro.

Crear novos públicos non consiste só en aumentar as cifras de asistencia, senón en facer que moitas máis persoas constrúan unha relación estable coa cultura desde idades temperás. E para iso é importante eliminar barreiras, non só económicas, senón tamén territoriais e simbólicas.

E as barreiras de accesibilidade? Tanto para as persoas con discapacidade física como intelectual…

É certo que, pola tipoloxía dos nosos edificios, aínda estamos moi centrados na accesibilidade física: en espazos como Zona C ou o Teatro Principal estamos a traballar niso. Porque se ben é certo que hai un espazo específico para as cadeiras de rodas, tamén é certo que non debería estar tan limitado.

E xa estamos a traballar tamén noutro tipo de accesibilidade —sensorial, cognitiva—, que vai ser un gran reto dos próximos anos. Por exemplo, coa Asociación de Persoas Xordas de Santiago, que vai celebrar o seu aniversario o ano que vén e teremos unha programación especial. Pero eu creo que hai que dar un paso máis e que en practicamente todos os espazos poidas ter recursos como tivemos, por exemplo, na SELIC (Semana do Libro de Compostela): intérpretes de signos, códigos NaviLens para discapacidades visuais, etc. Estamos aínda nunha fase aínda incipiente, pero hai unha grande sensibilidade no departamento de Cultura para seguir avanzando. Porque cando dicimos que a cultura é un dereito, falamos das persoas na súa múltiple diversidade.

Moita xente reclama máis grandes eventos en Santiago. É incompatible co apoio á nosa cultura de base

Non son opcións incompatibles. Santiago pode apoiar propostas de gran formato e de feito, faino; pero estas nunca deben absorber practicamente todo o orzamento nin substituír unha política cultural sostida durante todo o ano.

Os grandes eventos teñen sentido sempre que estean integrados no territorio onde se realizan, formando parte dunha estratexia cultural máis ampla, cuns obxectivos; e que favorezan tamén o tecido profesional local. Nós non entendemos estes grandes eventos que chegan como «paracaidistas» e non deixan ningunha pegada real na cidade.

Pero o feito de que non se acollan aquí tantos grandes formatos como noutras cidades, afecta á idea de Compostela como a gran capital cultural de Galicia?

É que tamén aí hai un debate sobre que entendemos por «gran evento». Se falamos dun evento de masas puntual que atrae moitísima xente nun só día, hai que preguntarse que custo ten para a administración pública e que retorno trae realmente. Moitas persoas nin sequera chegan á cidade e quedan, por exemplo, no Monte do Gozo -e con isto non digo que non haxa que facer un O Son do Camiño, pero cos millóns de euros que se lle dan, poderíanse facer outras moitas cousas marabillosas. Podemos poñelo en contraposición cun festival como o Feito a Man que é feito á medida das persoas e da nosa cidade histórica, que a pon en valor, e que nos vén a lembrar a grandeza do pequeno. Nunha sociedade na que parece que todo ten que ser enorme e ten un impacto mediático brutal, ao mellor a grandeza está nas pequenas cousas que si deixan pegada no territorio.

Non podemos ter unha verdadeira capital cultural sen cultura de base. Para telo, temos que protexer os espazos independentes, as entidades, asociacións e colectivos, e as iniciativas de pequeno e mediano formato que fan que teñamos unha programación diversa ao longo de todo o ano. Esa é realmente a nosa esencia. Compostela debe exercer como capital cultural de Galicia con ambición pero tamén con responsabilidade, repartindo os recursos, impulsando a creación contemporánea propia, tanto dos artistas composteláns coma dos galegos en xeral, e promovendo a nosa lingua e a nosa identidade cultural.

Temos unhas condicións excepcionais: unha cidade histórica marabillosa, unha tradición cultural, musical e literaria magnífica, moita vida asociativa e un tecido creador moi dinámico. O que temos que seguir facendo é poñer todo iso en unión, en equilibrio, traballando entre institucións, universidades, sectores profesionais e cidadanía.

Hai un tempo lanzouse a campaña ‘Compostela é moito MICE’ para atraer turismo de congresos. Está dando xa resultados?

Para nós todas as persoas son benvidas en Compostela, independentemente da forma que teñan de viaxar e de como poidan facelo. Somos unha cidade acolledora, pero entendemos que desde as administracións públicas, da promoción que se fai, temos que buscar ese turismo que deixa unha mellor e maior pegada na cidade. Ese turismo cultural, gastronómico, o turismo internacional… e, por suposto, o turismo MICE, o de congresos e eventos. Un turismo que deixa unha pegada tanto intelectual e de coñecemento como económica moito máis rendible. Houbo un momento complicado co peche do Palacio de Congresos, pero conseguimos paliar a caída, e agora hai moitos congresos previstos na cidade, algúns xa confirmados a seis/sete anos vista.

E para o Ano Santo 2027, está preparada a cidade?

O Concello, desde logo, está preparado. Desatascáronse moitas cuestións para que estean xa en pleno rendemento no 2027 como o servizo de taxis e o novo contrato de transportes ou a conectividade aérea, pero preocúpanos que aínda non haxa nin campañas nin patrocinios definidos por parte da Xunta. Temos unha interlocución directa co comisario do Xacobeo que acaban de nomear, pero cremos que foi moi tarde e esperamos que agora colla moito máis ritmo e teñamos unha coordinación canto antes.

O que tamén imos ver o ano que vén son todas as cuestións que puxemos en marcha desde o Plan de Turismo Sustentable, como pode ser a sinalética ou a iluminación da praza de Praterías. Pero en canto á programación do Xacobeo, a competencia é da Xunta e o Concello o que fixo foi poñerse á súa disposición.

Míriam, na galería do Auditorio de Galicia. Foto: Iván Barreiro

Vimos dun tempo complexo tras o peche da base de Ryanair, as obras no aeroporto de Rosalía de Castro… En que momento estamos agora en materia de turismo?

Santiago segue sendo o primeiro destino turístico urbano galego [591.529 nos primeiros seis meses do 2026 segundo datos do INE], e ademais o que ten maior número de visitantes internacionais. Traballamos para seguir medrando, pero facelo de maneira sostida, de xeito que as persoas cheguen ao longo de todo o ano e non concentradas nuns meses. E tamén en diferentes puntos da cidade, non só nos centrais, porque entendemos que a principal molestia da cidadanía en relación ao turismo é precisamente esa concentración en determinados espazos e momentos do ano. Compostela é unha cidade acolledora, todas as persoas son benvidas, pero teñen que facelo coidando o noso patrimonio e entendendo que deben convivir en harmonía coa veciñanza.

É certo que houbo unha caída importante cando Ryanair retirou a súa base e a maior parte das súas rutas. Ante esa situación, o traballo desde Turismo de Santiago foi diversificar, atraer novas compañías ao aeroporto de Rosalía de Castro e mellorar a conectividade tamén nos meses de inverno. Un traballo intenso e que nós sempre denunciamos que se fai en solitario porque debería facerse desde a Xunta e non que cada concello teñamos que mirar polo aeroporto que está no noso territorio; pero que non é só do noso territorio.

En canto ao sector hostaleiro, houbo moitas queixas de falta de diálogo, por temas como o imposto das estadías turísticas. En que punto está a relación co Concello?

Nós mantivemos unha comunicación constante durante todo o mandato, incluso desde 2025 con reunións periódicas estables. O sector estivo en contra do imposto de estadías, pero ten que entender que nós gobernamos para o conxunto da cidadanía, para quen era un clamor. Entendendo que para os aloxamentos era unha molestia porque teñen que facer maior burocracia, pero comunicación houbo sempre.

E haberá máis grazas a que puxemos en marcha o Foro de Turismo Sustentable, que é pioneiro porque lle vai dar voz a máis de 50 persoas; porque entendemos que no sector turístico hai moitas máis voces, como guías turísticos, axencias de viaxe, organizadores de eventos, etc.

Sempre dixemos que o imposto tiña unha dobre función: por unha banda, contribuír a paliar os gastos que xera a chegada de visitantes —limpeza, seguridade, infraestruturas— e, pola outra, financiar experiencias tanto para quen nos visita coma para quen vive aquí. Desde a súa entrada en vigor recadáronse 1,8 millóns de euros. E que queremos facer con estes cartos? Por un lado, manter as campañas de márketing coas compañías aéreas e, por outro, poñer en marcha iniciativas que son boas para a cidadanía pero que tamén fomenta que haxa máis visitantes; como os Xogos do Eixo Atlántico que se celebraron na primeira quincena de xullo ou a recuperación do videomapping na Praza do Obradoiro durante as Festas do Apóstolo.

E cales son as túas prioridades para a Compostela que vén?

Para este último ano de mandato, sería habilitar novas rutas de conexión de Compostela co mundo e viceversa; construír a cociña propia para o novo modelo de comedores escolares; poñer en marcha un gran evento gastronómico que estamos planificando en colaboración coa Deputación da Coruña; e novas propostas culturais que completen a programación da cidade na liña de que siga sendo unha verdadeira capital cultural.

E de cara ao futuro, o imprescindible é que Compostela non perda a súa esencia nin a súa identidade, tanto para quen vive aquí coma para seguir sendo unha referencia turística. Somos unha cidade única no mundo, non só polo noso marabilloso patrimonio, senón tamén pola forma que temos de vivir. Por iso creo que o desenvolvemento do modelo turístico ten que poñer no centro as persoas que viven aquí: se non, sería un fracaso. Poñer a cidadanía e a nosa forma de vida no centro é, en realidade, o que vai salvar o modelo turístico de futuro, porque cando viaxamos buscamos experiencias singulares, e iso é o que Compostela pode ofrecer: gastronomía, artesanía, cultura, lingua e identidade propias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.