CompostelaCulturaNovas

O WOS Festival converte Santiago en punto de encontro para a música electrónica e contemporánea

Desde este venres 11 de setembro e durante tres días, Santiago de Compostela volverá converterse nun mapa de sons, imaxes e experiencias que atravesan algúns dos seus espazos máis singulares. Teatros, igrexas, museos, salas, cinemas e espazos ao aire libre forman parte dunha edición pensada para percorrer a cidade e deixarse levar dun lugar a outro.

A nova edición de WOS Festival x SON Estrella Galicia presentouse este xoves en rolda de prensa coa participación da concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao; o director do festival, Iván Arias; o comisario Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román; e a responsable de patrocinios musicais de SON Estrella Galicia, Helena Pereiro.

Míriam Louzao reafirmou o compromiso municipal con este evento que no que a propia cidade forma parte esencial da experiencia, conxugando patrimonio e contemporaneidade, e que conta co financiamento do Concello cunha achega de 45.000 euros a cargo do imposto ás estadías turísticas.

Vinte e seis proxectos artísticos

Do 11 ao 13 de setembro, o evento reunirá 26 proxectos artísticos nacionais e internacionais nunha programación que se move entre a electrónica e a experimentación, os directos audiovisuais, o club, o cinema, as sesións de escoita e a conversa.

Boa parte das propostas preséntanse por primeira vez en España. A programación inclúe 7 estreas no país, unha estrea mundial e 8 primeiras presentacións de novos traballos, reforzando un dos sinais de identidade de WOS: descubrir propostas concibidas para ser experimentadas en directo.

Concertos audiovisuais, directos, DJ sets e performances conforman o núcleo da programación musical: Ana Roxanne (Live), Artur M. Puga & Sevi Iko Dømochevsky (Live AV), Ben Vince (Live), Blood of Aza (Hybrid AV), Demdike Stare presents Who Owns the Dark? (Live AV), Eerie Enterprise (Piezo & upsammy) (Live), Grobas b2b Pumu (DJ), gyrofield (DJ), HHY & The Kampala Unit (Live), Israa Shalaby (Live), JASSS (DJ), Jokkoo Collective presents Organic Intelligence (Live AV), Juli Deák (Live), Lee Gamble (DJ), Midori Hirano (Live), Mor Elian (DJ), Paul Jebanasam presents mātr (Live AV), Polygonia (Live), Saya (DJ), Shackleton (Live), SKY H1 (Live), Slikback feat. maltdisney & Tasya present Friction (Live AV), Space Afrika (Live AV), Tujiko Noriko (Live), Visible Cloaks (Live AV) e Yu Su presents Foundry (Live AV).

Tres días para percorrer Santiago de Compostela

En WOS, o espazo importa tanto como o que sucede dentro del. Un concerto pode escoitarse nunha igrexa barroca. Unha proposta audiovisual pode transformar un teatro. A electrónica pode ocupar unha antiga instalación industrial ata a madrugada. O cinema, a escoita colectiva e a conversa poden abrir outros momentos durante o día.

A programación percorrerá nove espazos de Santiago de Compostela: Teatro Principal, Igrexa da Universidade, Fundación Eugenio Granell, Capitol, Fundación Laboral da Construción, Parque de Bonaval, CGAC, Sede Afundación e NUMAX.

O venres, o festival comezará a despregarse pola cidade antes de trasladarse pola noite ao Capitol. O sábado, WOS atravesará Santiago desde o mediodía ata a madrugada e atopará na Fundación Laboral da Construción un dos seus grandes espazos para a electrónica, os directos e o club. O domingo baixará o pulso para pechar tres días de festival entre cinema, experimentación e escoita.

Non hai unha única maneira de vivir WOS: pódese seguir o percorrido completo, construír un propio ou entrar e saír dos seus diferentes espazos e linguaxes.

Tamén se escoita, se mira e se pensa

Máis alá dos escenarios, WOS abre outras formas de achegarse á cultura contemporánea. En Afundación, as sesións de escoita volverán ter como protagonista Organsound, o altofalante deseñado nos anos 70 polo compostelán Juan Portela Seijo. A través del, LCTRCT, Clara Brea e Sarah Rasines proporán distintas aproximacións á selección musical, ao arquivo, á paisaxe sonora e á cultura material da música, recuperando a escoita como forma de descubrimento, intercambio e encontro. Afundación acollerá tamén unha conversa entre Demdike Stare e o xornalista estadounidense Shawn Reynaldo. O dúo de Manchester abordará a súa práctica e traxectoria nun encontro que permitirá achegarse desde a conversa ao universo sonoro que construíu ao longo de máis de quince anos

O CGAC acollerá First Floor: The Realities of Running an Independent Festival, unha conversa entre profesionais vinculados a algúns dos proxectos máis relevantes da escena europea: Elisa Luengo (Dekmantel e Electrónica en Abril), Christopher Bryan (The White Hotel e The Black Lights), Jirka Novák (Lunchmeat Festival) e Joaquim Durães (Lovers & Lollypops e Tremor). Moderada por Shawn Reynaldo, a conversa abordará desde a experiencia directa as realidades, tensións e posibilidades de soster proxectos culturais independentes no contexto actual.

Estas actividades son gratuítas e de libre acceso, abrindo parte da experiencia WOS ao conxunto da cidade.

O percorrido continúa en NUMAX, onde o cinema abre outra vía de diálogo entre música, imaxe e creación contemporánea coas proxeccións de Invisible People e Nova ’78. Esta última será presentada polo seu director, Rodrigo Areias, que participará ademais nun coloquio co público tras a proxección.

Coincidindo nas mesmas datas, El Muelle 1931 Shop desenvolverá unha iniciativa propia en colaboración co festival. Do venres 11 ao domingo 13 de setembro, de 12:00 a 17:00 h, a tenda acollerá 15 sesións gratuítas con DJs, selectoras e coleccionistas vinculados á escena galega, arredor da cultura do disco e da escoita compartida.

Últimas entradas para esta fin de semana

Os últimos abonos e entradas para as diferentes xornadas continúan á venda, mentres que as entradas para as sesións do domingo xa están esgotadas. O festival ofrece descontos para persoas usuarias do Carné Xove, alumnado da USC e persoas titulares da tarxeta acreditativa de desemprego ou cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

Abonos, entradas, descontos e horarios dispoñibles na web de WOS Festival.

Sobre WOS Festival x SON Estrella Galicia

WOS Festival x SON Estrella Galicia é un festival internacional de cultura contemporánea que se celebra anualmente en Santiago de Compostela. Durante tres xornadas reúne música, artes visuais, cinema, artes escénicas e experiencias inmersivas nunha programación concibida desde o diálogo entre disciplinas, artistas e espazos.

Desde a súa creación, o evento consolidouse como unha referencia dentro da creación contemporánea polo rigor da súa proposta curatorial e pola súa capacidade para xerar encontros entre artistas, profesionais e públicos de diferentes contextos e xeografías. Ao longo da súa traxectoria foi recoñecido como Mellor Festival Indoor de Europa nos European Festival Awards e como Mellor Festival Indoor Nacional nos Iberian Festival Awards.

O festival conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela, da Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia no marco de Concertos do Xacobeo; da Deputación da Coruña; do Ministerio de Cultura, Acción Cultural Española (AC/E) a través do seu Programa para a Internacionalización da Cultura Española (PICE); e da Fundación Japón Madrid; así como co patrocinio principal de SON Estrella Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.