Crusat & CostasGastronomíaJosé CrusatLorena Costas

Crusat e Costas: O Roucón 2025

Da terra e pola terra

Aló, Pincheirxs! Hai que ver como aperta a calor, eh! Agardamos que iso non vos free á hora de beber bo viño, non nos decepcionedes... Esta pode ser unha boa época para coñecer novos proxectos e catar elaboracións diferentes, así que aquí estamos Crusat e Costas no noso labor social de probar o viño por vós para comentarvos cousiñas e animarvos a beber fresquiño debaixo dunha boa sombra.

Seguimos, como nas últimas revistas, presentándovos proxectos, e xa sabedes que gustamos moito de falarvos da figura do colleiteiro ou colleiteira, así que volvemos cara o Miño e cara o Ribeiro para visitar a adega Microparaxes, de Héctor Pérez.

A algún de vós igual seguro que vos soa o seu nome, pois Héctor cofundou o proxecto O Alborexar en 2015, do que tamén falamos en Pincha hai uns anos. Foi no 2023, cando se separaron, o momento no que se decidiu a elaborar en solitario. Pero antes de irnos ao presente, temos que visitar o seu pasado que seguro nos explica moitas cousas sobre a súa paixón polo viño.

Autóctono do Ribeiro, viviu rodeado de viñas como non podía ser doutro xeito. Cóntanos Héctor que o seu primeiro contacto con elas foi cando tiña sete anos e colleu unha tesoira de podar ao avó materno (que xa se dedicaba ao viño e cultivaba unha boa cantidade de viñas nun pobo chamado Saa, en Carballeda de Avia) e comezou a «podarlle» as cepas que rodeaban a casa do seu bisavó. “Por sorte”, comenta, “as cepas ese ano non deixaron de dar uva”. Tal vez non era tan malo podando como el pensaba...

A súa curiosidade foi medrando e lembra que con doce ou trece anos axudaba a seu avó a trasfegar o viño e foi aí cando, como el di, “lle picou o bicho de saber máis”. Formouse en elaboración de viños e en viticultura e enoloxía na Granxa en Ponteareas. Tras ese período, empezou a traballar en laboratorios de análise e na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) en Leiro, etapa de profunda aprendizaxe da man de Paco Rego e Emilia Díaz, sobre todo no relativo a variedade autóctonas galegas. Tamén traballou despois para varias adegas en diversas tarefas e asesoramento.

Mais dentro del seguían estando eses pensamentos que o levaban as viñas da familia, que se seguían traballando pero para vender a uva, nada máis. Héctor empregaba esas viñas tamén para ir probando diferentes xeitos de traballar e preservar as castes máis antigas da propiedade. E aquí é cando volvemos a enlazar co presente e o momento no que decide empezar o seu proxecto persoal preparando o baixo dunha casa vella de seus pais para poder arrancar, no 2024, coa súa primeira vendima en solitario, que saíu ao mercado en xaneiro de 2026. Do seu proxecto falaremos de O Roucón, un branco (que vén ben para os calores) elaborado con Treixadura, Albariño e Godello procedente dunha soa parcela, A Groba, que posúe a característica de ter un chan de arxila vermella.

Crusat falaravos máis en profundidade de O Roucón e das outras elaboracións de Héctor, ademais da localizacións das viñas e o xeito de elaborar. Xa sabedes que eu prefiro dedicarme á parte persoal e deixar para o meu compañeiro a parte técnica e de cata (ademais dos maridaxes que se lle dan bastante mellor!); tan só quería acabar comentado que Héctor segue traballando para sacar novos viños, grazas á oportunidade que lle brindan os veciños cedéndolle viñas para os seu cultivo. Non esquezamos o grave problema de falta de relevo xeracional que sufre o agro galego que no Ribeiro se fai aínda máis patente. Longa vida ao viño e á xente brava que aposta polo noso!

O Ribeiro que loita por se manter

Imos cun viño branco do Ribeiro, un viño de xente nova que coida viñas dos vellos veciños para que ese Ribeiro siga sendo o Ribeiro, que non desaparezan a parcelas pequenas, de mestura de castes.

Para entender o proxecto e o viño debemos coñecer unha serie de parámetros, como son a defensa do traballo feito polos anteriores plantados coidando as viñas que agora pasan ás mans do novo vitocultor, o lugar onde se asenta con parcelas pequenas e repartidas, xuntando dúas hectáreas en 18 parcelas diferentes, e cada unha coas súas características tanto de terreo coma de castes. No campo existe un respecto absoluto polo equilibrio do viñedo e o entorno, usándose produtos que respecten o máximo posible a flora e a fauna. Xa na adega búscase que esa diferenciación das parcelas tamén estea presente usándose nada máis que lévedos naturais, sen engadidos ecolóxicos agás de algo de sulfuroso no embotellado final.

Estamos neste O Roucón cun viño que procede dunha única parcela na que se atopan plantadas tres castes treixadura, albariño e godello, de chans de arxila, orientadas o suroeste, cepas de 35 anos con cuberta vexetal.

O viño en si é limpo vibrante de cor amarelo pallizo. Lágrima con certa densidade que lle aporta a crianza sobre lías. No nariz atopamos froita branca e amarela, melón, pexegos, tamén saen cítricos e flores brancas. Na boca é fresco coa acidez moderada, complexo e untuoso, longo, estruturado e mineralización.

E xa que andamos nestas datas no mellor momento da sardiña, imos maridar este viño cun dos produtos mellores que dan os nosos mares. Sardiña é verán e cacharela, lume e sardiña pousada enriba dun pan de broa que recolla a graxa que pinga do peixe. Simple, non pide máis, pero como xa nos poñemos un algo ‘cocinillas’, que tal se preparamos uns lombos de sardiña curados en sal e azucre, unha emulsión de ‘piparras’ ou pementos de Padrón, e unas láminas de mazá ácida.

FICHA DO VIÑO

Adega:
Microparaxes (Héctor Pérez)
D.O.: Ribeiro
Variedades: Treixadura (75%),
Albariño e Godello (25%)
Grao: 13,6º
Colleita: 2024
Prezo: En torno aos 18€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.