A CoruñaCultura

Louise Ward Morris entrelaza ciencia e arte na mostra ‘A Miraxe Dixital’ no CICA

O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña acolleu este venres a inauguración da exposición “A Miraxe Dixital”. A mostra é o resultado do traballo e da convivencia da artista británica Louise Ward Morris en colaboración co persoal investigador do centro, tras seis meses de traballo pola residencia artística concedida a través do Ministerio de Cultura.

A obra de Louise Ward Morris, froito deste diálogo arte-ciencia, céntrase nunha investigación escultórica sobre a materialidade da imaxe dixital. A mostra cuestiona o pensamento de que as imaxes dixitais son inmateriais. Segundo a artista, as pantallas actúan igual ca un espellismo, onde os cristais líquidos interaccionan coa luz e a electricidade para conformar as imaxes. Mediante o proceso de construción nos laboratorios e no Fab Lab, Morris busca facer visible un medio tecnolóxico que foi deseñado precisamente para ser invisible aos nosos ollos.

Ao longo da súa residencia, a artista contou coa colaboración directa dos grupos de investigación científicos LISTE e UDCSOLIDS, así como do FabLab ETSAC, que facilitou os espazos e recursos necesarios.

O acto de inauguración contou cunha representación institucional destacada. Así, xunto co director do CICA, Carlos Platas, acudiron Jesús Carrillo, Subdirector Xeral de Artes Visuais e Creación Contemporánea do Ministerio de Cultura do Goberno de España; Cristina Naya, Vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte; e Jerónimo Puertas Agudo, Vicerreitor de Investigación e Transferencia da UDC.

O director do CICA, Carlos Platas, subliñou no acto que “esta conexión entre o coñecemento científico e a expresión artística é unha responsabilidade que asumen como centro de investigación” para pór a ciencia ao servizo da sociedade. Baixo o enfoque One Health co que se traballa no centro, a interdisciplinariedade resulta fundamental para afrontar os grandes retos actuais.

Pola súa banda, Jesús Carrillo, subdirector xeral de Artes Visuais e Creación Contemporánea do Ministerio de Cultura, sinalou que “as preocupacións entre artistas da xeración de Louise e os científicos son similares” e amosou o seu desexo de que a colaboración entre Ministerio e CICA continúe e “siga dando froitos”.

Así mesmo, o vicerreitor de Investigación e Transferencia da UDC, Jerónimo Puertas, engadiu que a implicación coa cultura dende a universidade é “unha materia troncal”. Na mesma liña, a vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte, Cristina Naya, declarou que a mostra de Ward Morris “simplifica moi ben a idea que se ten dende a universidade cando se atopan e dialogan a ciencia e a arte”.

Ao remate do acto, o público puido gozar dun percorrido guiado pola exposición a cargo da propia artista.

O programa de residencias artísticas Tabacalera está impulsado polo Ministerio de Cultura do Goberno de España e por Next Generation UE.

Sobre o CICA

O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) creouse en 2015 como un centro de investigación de ciencias avanzadas e que, actualmente, conta con máis de 200 investigadores e investigadoras pertencentes a tres áreas científicas: Biomedicina; Alimentación, Contaminación e Saúde; e Nanociencia e Materiais Avanzados.

Desde 2024, o CICA conta co apoio financeiro da Unión Europea a través do Pograma Galicia FEDER 2021–2027 e forma parte da rede CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación no sistema universitario galego.

A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión de coñecemento á sociedade forman os tres piares sobre os que se fundamenta o centro de investigación. É recoñecido pola atracción de talento, a visibilidade da muller científica e a promoción da igualdade de xénero, contando cunha presenza feminina superior ao 50%.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.