#entremúsicasCompostelaCulturaNovas

Noel Mckay: “Fascíname a música tradicional galega: as pandeiretas, as gaitas… Non hai nada igual nos Estados Unidos!”

O músico Noel Mckay está a restaurar unha casa en Ames, onde se instalou fai tres anos. Foto: Iván Barreiro
O músico Noel Mckay está a restaurar unha casa en Ames, onde se instalou fai tres anos. Foto: Iván Barreiro

Reúnome co cantautor norteamericano Noel Mckay no Riquela, en Santiago. Un lugar “moi especial” para el, “un epicentro de música” onde ten moitas amizades e no que, aínda que non hai data, está seguro de que axiña presentará o disco que lanzará neste 2026: ‘Songs About Bad People’.

O Riquela ten tamén moito que ver coa decisión que tomou fai tres anos, cando se estableceu en Galicia, unha terra da que ama a súa cultura, a súa xente e a súa comida!

Creceu no sur de Texas, escoitando falar español mexicano, e por iso o castelán non lle era alleo cando se mudou. Hoxe en día é un gusto que tamén estea aprendendo galego.

Nos 90 foi descuberto pola lenda da música country Guy Clark, comezando desde entón unha carreira que o levou a tocar ao redor do mundo e a publicar varios traballos en solitario e tamén xunto co seu irmán Hollin McKay na banda McKay Brothers.

Tres anos xa vivindo en Galicia. Como é que acabaches aquí?

A historia comeza estando en xira por Europa. Morreu miña nai e pensei en volver a Estados Unidos, pero falei co meu irmán e díxome que rematara o traballo e regresara despois. Tiña por diante un par de semanas entre a xira de España e unha en Inglaterra. Entón, meu amigo Martín Calviño, propietario do Riquela, deixoume un apartamento para poder estar aquí ese tempo. Camiñando e pensando na miña familia, na miña nai, estando de loito... namorei de Galicia! Finalmente volvín a EUA para estar coa familia e, estando alí, Martín chamoume para participar na primeira edición do Holanola Lab Festival. Así que volvín e atopei unha casa que se vendía en Ames. Compreina e empecei a reformala. Aínda sigo! Estou moi contento alí.

Que foi o que che fixo namorar da nosa terra?

A cultura e a xente. E, á parte diso, por suposto, a comida. As zamburiñas, o polbo á feira… e o churrasco!

E a música. Gústame moito a tradicional, as pandeiretas, as gaitas... Especialmente as cancións de aldea. Non hai nada igual nos Estados Unidos! Para min é fascinante. Encántame Leilía, Faltriqueira... pero as miñas favoritas son as gravacións antigas, de músicas que non se sabe quen eran.

E o galego. Estou intentando aprender cada vez máis. Fascíname. A palabra que máis me gusta é ‘Xeito’ porque me gusta como soa. Pero ademais, aínda que entendo o seu significado, a miúdo escoito usala de distintas maneiras, converténdose nun “xeito” en si mesma cara a novas perspectivas sobre a lingua galega.

Falando xa do teu traballo, no 2024 publicaches ‘You Only Live Allways’. Estás agora cun novo disco?

Si, teño un disco que lanzarei este mesmo ano, que gravei en Santiago, en Garaxeland. Chámase ‘Songs About Bad People’. É un traballo moi divertido porque todos os temas son sobre Halloween. É o meu ‘holiday’ (festivo) favorito! (Risos). Un dos temas é ‘A Good Night For Zombies’ (Unha boa noite boa para os zombis), outro vai sobre un vampiro e as súas vivencias ao longo dos séculos... Tamén inclúe unha versión de ‘Fallaste corazón’, un clásico de Cuco Sánchez moi coñecido en México e Texas.

Tes algunha colaboración?

Si, cunha cantante que vive en Nashville. Chámase Becky Warren. Para min é unha das mellores compositoras que coñezo. E coñezo a moitos compositores!

E ese amor que tes por Galicia e a nosa música tamén influíu neste proxecto?

Si, hai unha pandeireta nalgunha canción. E un dos temas ten un ritmo céltico. A música galega inflúe cada vez máis no que fago. É inevitable.

Que outros referentes te influenciaron?

Teño moitas influencias da música mexicana. Teño familia alí. Meu avó era un gran fan dela. Na miña xuventude estaba moi presente a música country. Tamén algo de pop e rock, aínda que en menor medida. Durante a universidade tamén entrei en contacto coa música clásica. E coñecín a Guy Clark que me influíu moito. A música de Lucinda Williams...

Como chegaches á música?

Para min a música é como unha droga. O meu primeiro recordo sobre ela é de cando tiña sobre 2 anos, estaba no coche dos meus pais, no asento de atrás, e soaba na radio ‘Daniel’ de Elton John.

Despois lembro que, con 4 anos, visitando a un amigo, que tiña un tocadiscos e estaba escoitando a famosa canción ‘Chim Chim Cher-ee’ de Mary Poppins, fíxome chorar. E recordo pensar: por que? Se a letra non tiña sentido para min! Desde ese momento foi un reto descubrir por que me emocionaban as melodías. E aínda me pasa hoxe en día con moitas cancións.

Cando poderemos escoitarte de novo en directo?

Teño un par de concertos en abril. O día 3 estarei en A Cantina do Centro Goianés, en Goián (Tomiño) ás 20.00h; e o día 19  tocarei en A Carrilana, en Santiago, ás 13.00 h.

Cando estou nun concerto, gústame explicar os temas, que o público poida entender a historia que quero contar. Para min as letras son moi importantes.

E que é máis fácil: escribir sobre historias inventadas ou sobre os teus sentimentos, o que viviches...?

Depende. Cando hai unha idea que me agarra e non podo pensar en nada máis... Ao mellor é algo que me pasou a min, pero cámbioo un pouco. Por moito tempo, pensaba que non tivera unha vida interesante e só escribía historias doutras persoas. Pero agora si que penso que teño unha vida interesante e teño máis que contar! (Risos).

Abofé que si!

“Este ano publicarei ‘Songs About Bad People’. É un disco moi divertido porque todos os temas son sobre Halloween, o meu ‘holiday’ favorito!”

O cantautor texano Noel Mckay na compostelá sala Riquela. Foto: Iván Barreiro
O cantautor texano Noel Mckay na compostelá sala Riquela. Foto: Iván Barreiro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.