Bea Lema: “Ás persoas cústanos estar en situacións nas que non temos unha solución inmediata”
Por Sandra Rego

A coruñesa Bea Lema é capaz de crear historias que chegan á alma a través dos debuxos e bordados que realiza. Non en balde gañou o Premio Nacional do Cómic 2024 pola súa novela gráfica “O corpo de Cristo”. Se non a coñeces, igual chamoute a atención unha portada que non pasa desapercibida en ningunha libraría: un suxestivo bordado dunha virxe cunha pastilla na lingua. A obra xa foi traducida a oito idiomas e deu o salto á pantalla en formato de curtametraxe dispoñible en Movistar Plus. Hoxe en Pincha falamos con ela.
Comezamos falando do “Corpo de Cristo”. Cóntanos en que momento sentiches que esta historia debía contarse e non quedar no máis íntimo.
O que me levou a facela foi a necesidade de comprender o malestar psicolóxico tan grave da miña nai. Na casa era un tema que condicionaba a nosa vida. Sen embargo, ninguén me explicara como comezou todo.
Medrei coa idea de que o que tiña que facer ela era tomar a pastilla e xa está. Moitas veces rexeitaba facelo, así que a culpaba de estar mal.
Ao mesmo tempo tamén medrei vendo o comportamento dos psiquiatras nas consultas, como era ese distanciamento, a frialdade, esa falta de escoita que pasaba tamén na casa. A historia veu disto e das consecuencias de medrar como unha nena coidadora e reproducilo na vida adulta con outras persoas.
Os coidados e a saúde mental son dos temas centrais na túa novela. Sentiches algunha responsabilidade ao expoñer esta realidade?
Sentín a necesidade de demostrar como as cousas se poden facer doutra maneira. Moitas veces axuda máis dicir á outra persoa que non entendes o que está a vivir, pero que estás alí para acompañala.
Ese momento é incómodo, xa que ás persoas nos custa estar nesas situacións nas que non temos unha solución inmediata, sen tratar de dicirlle o que ten que facer. Os coidados son unha cuestión pendente na sociedade, que, durante moitísimo tempo, era algo que facíamos exclusivamente as mulleres. Tamén se recorre ós coidados pagados, que son sectores extremadamente feminizados.
Pretendía reflexionar sobre algo que non podemos delegar, xa que forma parte da vida.
En que momento decides incorporar o bordado como parte da narración e que representa para ti na historia?
Ao principio non era a intención que estiveran no libro, simplemente foi algo que fixen de maneira paralela por atopar algo que resultara estimulante, porque o libro foi un proceso moi longo.
Xurdiu esa inquedanza porque na casa teño unha colección de ‘arpilleras’, que son cadros feitos con tecido e con fío, e atopei a historia das ‘arpilleristas’ chilenas, que eran mulleres que, durante a ditadura de Pinochet, empregaban esta técnica para denunciar a violencia que vivía o país.
Por outro lado, a miña nai traballou de modista. Nunca me quixo ensinar a coser, quería que estudara, que foi algo que ela non puido facer.
Tamén me interesa do bordado como hai unha poesía implícita, que nos remite ao maternal, ao coidado, ao fogar, ao feminino, ao cotiá.

Que querías expresar coa ilustración da portada?
Na portada hai unha metáfora onde vemos o título, “O corpo de Cristo”, cunha imaxe dunha muller que podería ser unha virxe á quen lle ofrecen, en vez da comuñón, unha píldora. Era unha maneira de facer un paralelismo de, como o mundo científico, cando nos imos aos extremos, pode ser igual de radical que a relixión, que ten unha resposta absolutamente para todo. Cando se presenta esa medicación como único recurso, aí reside toda a esperanza de curación, sen ter en conta o contexto da persoa.
Tiveches que cambiar o título nalgúns países para as traducións.
Publicouse primeiro en Francia e alí o título é un xogo de palabras. A tradución literal sería “Palabras a dicir” (Des maux à dire). A palabra maux, pronunciase igual que doenza. Entón pode entenderse como “doenzas a contar”. Foi unha boa decisión porque funcionou moi ben.
Tamén pasou en Rusia, onde suxerín o título “Bordando a Ferida”.
Podo entender que o cristianismo ten algunhas historias que espertan rexeitamento. Pero ao mesmo tempo, a nivel simbólico é tan forte a imaxe que, artisticamente, é un recurso fantástico.
Cantas traducións fixeches do libro?
Está traducido en oito idiomas: en galego, castelán, francés, italiano, ruso, portugués de Brasil, de Portugal e este ano vai a saír en Alemaña.
Percibiches un feedback diferente da lectura noutros países?
En Francia, co tema da relixión, non conectan tanto. Sinto que é a estrutura familiar por onde se xera a conexión e tamén no tema da psicose, que sigue sendo un problema. Chegábanme testemuñas de situacións parecidas; de vivilo tamén en silencio, con vergoña.
A relixión en Galicia ten un peso enorme. Como inflúe ese contexto galego na túa historia?
Medrei ao carón da miña nai visitando meigas. Para min había un certo rexeitamento de todo este mundo, sobre todo a partir da adolescencia.
A necesidade da espiritualidade, que non ten porque estar ligada a ningunha crenza relixiosa, ten que ver coa procura de respostas en todo aquelo que se escapa do noso control.
A verdade que, sendo galega, os rituais están presentes. Tamén os pagáns. Ao final, San Xoán ou o Entroido son unha forma de reconectar coa natureza. Penso que estou moi influída por vivir nunha cultura onde iso está vivo e presente.
Como xurdiu a oportunidade de levar esta historia ao audiovisual? Cal foi o teu rol e que sucede cando pasas do papel a imaxe en movemento?
Foi un reto, porque a linguaxe cinematográfica é diferente do cómic. Fixen a dirección e adaptación do guión. Aí tiven que facer un exercicio de síntese porque, nos 12 minutos que dura a curta non podía meter todo. Despois fixen toda a dirección de arte que, é curioso, porque os fondos están bordados.
Traballei cun equipo de animación, de posprodución, dobraxe e música, pero estiven dirixindo todo o proceso.
Que plan prefires facer como coruñesa no teu tempo libre?
Gústanme moito os sábados pola mañá, porque é como un momento onde todo parece posible. Gústame a cafetería Olimpia na rúa Galera, parar na librería Berbiriana, para comer ir a Casa Alejandro que está no Porto Deportivo e despois pasear polo centro.
Hai algún novo proxecto do que se poda falar?
Comecei hai un par de semanas a escribir un novo cómic que vai abordar a adolescencia, pero aínda está nunha fase moi inicial como para dicir algo máis.
