17º Ribeira Sacra volve do 18 ao 20 de xullo cunha programación de música e experiencias gastronómicas

O festival 17º Ribeira Sacra, que se celebrará entre o 18 e o 20 de xullo, daranos a oportunidade de escoitar a grandes artistas do panorama nacional e internacional en contornas únicas, desde o corazón da Ribeira Sacra.
A apertura do festival será, como é habitual, no Miradoiro de Santiorxo na mañá do venres 18, coa actuación especial de Alondra Bentley no Escenario Momentos Alhambra. A este concerto só terán acceso as persoas que adquirisen o abono completo. Na xornada da tarde o festival trasládase ao Escenario Fest Galicia Bodegas Regina Viarum coa participación destacada da banda estadounidense The Jayhawks, o grupo francés Exsonvaldes e o cantautor español Ángel Stanich. O venres tamén terá lugar o concerto de Allova no Catamarán Ponte do Sil.
O sábado 19 traerá ao Escenario Fest Galicia Bodegas Regina Viarum á recoñecida artista mexicana Julieta Venegas, a banda británica Wings of Desire e ao artista galego Anxo Araújo. O mesmo sábado, durante a mañá, o Santuario de Nosa Señora de Cadeiras será testemuña do enérxico directo de Cosmic Wacho, mentres que a tarde terá lugar o xa tradicional e esperado Concerto Sorpresa Momentos Alhambra a bordo do catamarán navegando polo río Sil.
O domingo Néstor Pardo será o encargado de dar peche ao festival no Pazo de Ferreiroá.
Proposta gastronómica
O lucense Rafa Centeno, que conta cunha Estrela Michelín no restaurante Maruja Limón de Vigo, é o encargado da carta que o público poderá gozar en Bodegas Regina Viarum. Un menú que mestura pratos clásicos nos festivais como hamburguesas, focaccias, opcións doces e tamén veganas, con produtos locais de gran calidade e o vanguardismo e sabor que caracteriza á cociña de Centeno.
Ademais, o sábado pola mañá celebrarase o Mercado Gastro(Arte)Sano no Santuario de Nosa Señora de Cadeiras (Sober) polo que pasarán diferentes propostas gastronómicas locais e adegas da zona. O espazo será de entrada gratuíta para todo o público e alí será o concerto de Cosmic Wacho.
17º Ribeira Sacra conta co patrocinio de Xunta de Galicia, a través de Xacobeo e Fest Galicia, Bodegas Regina Viarum e Cervezas Alhambra, que, no ano do seu centenario, continúa apoiando o festival, reafirmando o seu compromiso coas experiencias únicas que convidan a gozar sen présa, dedicándolle a cada momento o tempo que merece.
17º Ribeira Sacra é o primeiro evento da marca Festivais Territorio, unha aposta da promotora galega i-radia Crea por crear festivais respectuosos co territorio cunha programación diversa en distintas zonas maioritariamente rurais. En marzo de 2025 17º Ribeira Sacra foi recoñecido como Mellor Festival en Pequeno Formato nos Iberian Festival Awards por cuarto ano consecutivo, sendo finalista tamén en Best Contribution to Sustainability e Best Brand Activation.