fbpx
CompostelaCulturaDe librosNovas

Fran Villasenín: “Little Neno vencella a toda a familia”

Fran, en A Reixa Tenda, cos libros de Little Neno e o Oso Renato. Foto: Iván Barreiro

A colección de libros ‘Little Neno’ é un percorrido polas cancións de grupos míticos do anos 60  e 70 a través dos soños do seu pequeno protagonista. As cancións están agochadas nas historias, convertendo aos libros en divertidos xogos tanto para a cativada como para pais e nais.

Fran Villasenín, de A Reixa producións e A Reixa Tenda, decidiu dar o salto á edición lanzando a tradución ao galego deste proxecto nado orixinariamente en castelán da man de Bang Ediciones.

Os dous primeiros títulos son ‘Little Neno descobre os Beatles’ e ‘Little Neno descobre os Rolling Stones’, adaptados para crianzas de entre 2 e 12 anos.

Por que decidistes editar Little Neno en galego?

A miña parella e mais eu temos un fillo de cinco anos e todas as noites lemos contos con el. Na Reixa Tenda temos moita literatura infantil, entón vemos o que lle interesa á xente. Tamén a tenda sempre estivo moi vencellada ao mundo da música e eu coñecía ao debuxante dos libros de Little Neno (Jaime Pantoja) e ao escritor (Dani Llabrés), que está metido na escena dos anos 60.

Vin que era un libro moi interesante porque fai que toda a familia xogue cos libros, despois podes poñer á música…

A partir de que idade son recomendables os libros de Little Neno?

A partir de dous anos. É unha historia moi divertida porque os nenos e nenas desa idade nunca queren ir durmir, que é o que lle pasa a Little Neno, que ten as súas aventuras en soños.

Cres que a música vencella a pais e nais cos seus fillos e fillas?

Si, con estes libros compartirán cousas marabillosas, lendo historias destes grupos, que son dos máis importantes da historia musical.

Por que cres que é importante fomentar a cultura musical na rapazada?

Porque se non facemos que os máis novos coñezan estes grupos, esa cultura vai desaparecer. Seguramente hai moitos rapaces que ao non ter acceso a esta información, non saben quen son os Beatles ou os Rolling Stones. Cando se lle preguntas a un adulto por tres grupos históricos da música, seguramente que entre eles estarían algún destes dous.

Haberá ademais unha xira musical para presentar os libros, non si?

Si, a través de A Reixa Producións faremos unha xira de contacontos con música para presentar os libros por coles, bibliotecas, festivais…  É un espectáculo moi visual porque aparece o Oso Renato -compañeiro de noite e aventuras de Little Neno-, teremos un photocall, globos…

Contamos coa actriz Neves Rodríguez e co actor Marco Aurelio. As bandas que van interpretar aos Beatles a aos Rolling Stones son moi boas porque están Espiño, Tato Vázquez da Bakin Blues Band, Carla Green…

A maiores temos unha intérprete de linguaxe de signos porque nos parece importante que todos os nenos e nenas sigan un espectáculo tan bonito. Vanse interpretar os contacontos e as cancións para que saiban cando están cantando os músicos.

A primeira actuación será o 2 de outubro no centro sociocultural de Conxo. Vai estar en diferentes centros socioculturais e festivais como o Vilablues de Noia. O contacontos irá polo rural e polos barrios.

Contamos coa axuda do Concello de Santiago porque é un proxecto moi custoso e que contribúe a economía local, xa que traballamos con provedores de aquí. E temos que contratar a dez persoas. Imos converternos nunha pequena empresa de Santiago.