Seis días para descubrir, vivir e repensar o patrimonio de Compostela

Compostela vivirá do 7 ao 12 de setembro seis días dedicados a descubrir, coñecer, vivir e repensar o seu patrimonio coa celebración da oitava edición da Semana do Patrimonio Invisible e As Noites do Patrimonio, dúas iniciativas complementarias coas que o Concello de Santiago, a través de Compostela Cultura e co apoio da Deputación da Coruña e o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, procura achegar á cidadanía a riqueza patrimonial da cidade desde unha perspectiva ampla, participativa e contemporánea.
A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, e o xestor cultural de Trivium, Manuel Rial, presentaron en rolda de prensa as dúas programacións, que comparten unha mesma maneira de entender as políticas culturais municipais: o patrimonio non só como un legado que é preciso conservar, senón tamén como un ben ao que a cidadanía debe poder acceder, coñecer, interpretar e sentir como propio.
Míriam Louzao salientou que ambos os programas responden a unha mesma maneira de entender as políticas culturais municipais, na que “falar de patrimonio non significa unicamente falar de conservación. Significa tamén falar de acceso, coñecemento, participación e pertenza”. Neste sentido, incidiu na importancia de que a riqueza histórica e monumental de Santiago forme parte da experiencia cotiá da veciñanza e advertiu de que “un patrimonio que a cidadanía non coñece, ao que non pode acceder ou co que non establece vínculos corre o risco de converterse simplemente nun escenario que contemplamos, en lugar de formar parte da cidade que vivimos”.
A cara menos visible de Compostela
A Semana do Patrimonio Invisible chegará á súa oitava edición entre o luns 7 e o venres 11 de setembro, mantendo a esencia que caracteriza o programa desde o seu nacemento: abrir as portas de espazos habitualmente fechados ou de acceso restrinxido e ofrecer visitas guiadas en grupos reducidos, atendendo a dúas premisas fundamentais, a calidade do discurso narrativo e a protección dos bens culturais.
Ao longo dos cinco días, o público poderá descubrir espazos como o Convento do Carme, o Pazo de Bendaña-Fundación Granell, As Orfas, Museo do Pobo Galego, —que se abren por primeira vez ao público no marco destas visitas—, outros como o Pazo Arcebispal, o Pazo de Raxoi, a Casa da Parra, o Auditorio de Galicia, as escavacións da Catedral e os Mananciais de Compostela, ademais da tradicional visita secreta coa que se pechará a programación o venres.
A diversidade dos lugares seleccionados permite percorrer diferentes momentos e dimensións da historia da cidade: desde as orixes da Compostela apostólica que permanecen baixo o chan da Catedral ata os antigos sistemas de abastecemento de auga da cidade medieval; desde grandes exemplos do barroco ou do neoclasicismo ata a arquitectura contemporánea do Auditorio de Galicia.
As reservas realizaranse a través do formulario dispoñible a partir do venres 4 ás 12 horas nas webs patrimonioinvisible.gal e compostelacultura.gal. Para facilitar o acceso ao maior número posible de persoas, cada solicitante poderá reservar un máximo dunha visita para dúas persoas. As prazas son limitadas e a reserva deberá ser confirmada pola organización mediante correo electrónico.
Un patrimonio aberto, vivo e actual
A programación das Noites do Patrimonio comezará xa na tardiña do venres 11 e prolongarase durante a noite do sábado 12. Compostela súmase así un ano máis á iniciativa compartida co resto das cidades que integran o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, cun programa que busca poñer en valor o patrimonio desde unha perspectiva diversa e participada, fortalecer o sentimento de pertenza e favorecer que a cidadanía resignifique os espazos da cidade como propios, máis alá dun uso exclusivamente turístico.
A proposta articúlase arredor de tres conceptos, Patrimonio Aberto, Patrimonio ao Vivo e Patrimonio Agora, que permiten ampliar a propia idea de patrimonio: desde a apertura dos grandes espazos históricos ata o diálogo destes coa creación artística e o recoñecemento das persoas, oficios e espazos que continúan construíndo o patrimonio cultural de Compostela no presente.
Como parte do Patrimonio ao Vivo, o Auditorio de Galicia, acollerá o venres ás 19 horas un encontro co artista e director Roger Bernat que terá por título Uti et Abuti (o uso e o abuso). Con acceso libre ata completar capacidade, esta conversa arredor do patrimonio, a herdanza cultural e a capacidade da arte para cuestionar e transformar os seus símbolos servirá de antesala á proposta que o creador presentará ao día seguinte na praza da Quintana: La consagración de la primavera, unha reinterpretación que Bernat ofrece da histórica coreografía de Pina Bausch sobre a música de Stravinski. A representación desta peza, na que o público deixa de ser espectador para converterse en parte dunha experiencia colectiva, arrancará ás 22.00 horas e a asistencia será tamén de balde, neste caso previa retirada de entradas en compostelacultura.gal
A cidade abre as súas portas
Ao longo da noite do sábado, as actividades ao abeiro do eixe Patrimonio Aberto permitirán acceder a numerosos lugares singulares. Haberá un percorrido guiado polo Pazo de Xelmírez e a Torre da Carraca, con pases cada vinte minutos entre as 20.00 e as 23.00 horas, así como visitas guiadas á Casa da Troia, neste caso no marco do centenario do pasamento de Alejandro Pérez Lugín.
A noite de portas abertas permitirá tamén visitar tamén o Colexio de Fonseca, con acceso á mostra A Biblioteca América, un soño inaugurado en 1926; a igrexa de San Martiño Pinario-Museo Diocesano, ou a Zona C, antiga Casa do Concello. A Casa do Cabidosumarase á programación con visitas ás exposición A cidade que se soñou a si mesma. Arquitectura rexionalista dos anos 20 e 30 do século XX, mentres que a Casa RIA, antigo sanatorio de Santo Agostiño, abrirá excepcionalmente fóra do seu horario habitual e ofrecerá unha visita guiada ás 21.30 horas.
A música ocupará tamén as rúas da cidade coa participación da Real Banda de Cadeiras Encartables, que sairá ás 20.00 horas da Porta do Camiño, e a dos Troyanos de Compostela, que ofrecerán ás 21.00 horas na praza de Cervantes un concerto homenaxe a Alejandro Pérez Lugín no centenario do seu pasamento.
Finalmente, Patrimonio Agora trasladará a mirada cara á creación actual coa apertura, entre as 20.00 e as 23.30 horas, de Mareiras-Espazo de Arte e dos obradoiros de ourivaría de Kinga Haudek, Brigantia e Susi Gesto. Esta última desenvolverá ademais unha actividade participativa para a creación dunha peza colectiva, que precisará reserva previa en susigestoobradoiros@gmail.com
Patrimonio C: coñecer, vivir e facer propia a cidade
A celebración destes programas permite concentrar en seis días dúas maneiras complementarias de achegarse ao legado compostelán: descubrir aquilo que habitualmente permanece oculto e activar os espazos patrimoniais a través da cidadanía e da creación contemporánea.
Ambas as iniciativas insírense no traballo desenvolvido polo Concello de Santiago a través de Patrimonio C, unha liña de acción cultural que conta co apoio da Deputación da Coruña e que busca ampliar o acceso da cidadanía ao patrimonio, favorecer o seu coñecemento e protección e fortalecer os vínculos emocionais e simbólicos cos espazos da cidade.
“Conservar Compostela é imprescindible, pero conservar non pode significar simplemente manter intacto o que recibimos. Significa tamén coñecelo, facelo accesible, vivilo e transmitilo”, sinalou Míriam Louzao, quen incidiu na vontade municipal de que a cidadanía perciba o patrimonio “non como algo alleo ou como un escenario pensado exclusivamente para quen nos visita, senón como algo propio e como parte da súa vida cotiá”.
Deste xeito, do 7 ao 12 de setembro Compostela converterase nun escenario no que pasado, presente e creación contemporánea dialogan, convidando a veciñanza e visitantes a mirar a cidade con outros ollos e a participar activamente na construción dun patrimonio vivo e compartido.
