fbpx
CulturaGaliciaNovas

Luz Casal, Su Garrido Pombo e Moura, entre os galardoados nos 10º Premios Martín Códax da Música

Os Premios Martín Códax da Música como un elemento de cohesión entre artistas e como unha plataforma para poñer en primeiro plano todo o traballo dun sector creativo e transformador como é o da música. Así o destacou no seu discurso a xunta directiva de Músicas ao Vivo na gala da décima edición dos galardóns, que se celebrou na noite do mércores 7 de xuño no Pazo da Cultura de Pontevedra. A festa das músicas e músicos de Galicia recoñeceu co premio honorífico a Luz Casal e na categoría de Artista Emerxente ao pianista e compositor Sergio de Miguel. Nas quince categorías artísticas dos Martín Códax subiron a recoller premio Arrhythmia, Su Garrido Pombo, Udra, Terrae, Quico Comesaña + Grupo, Ailá, Ton Risco e Marcos Teira, Banda de Música Cultural de Salceda, Moura, Sila Lua, Orquestra La Oca Band, Mario G. Cortizo, David Regueiro Trío Ft. Alexandre Cavaliere, Momboi e Pillaband. Os Premios Organistrum foron para a Sala Rebullón de Mos, na categoría de Salas, Galiciantunes na categoría de Proxectos de Comunicación, e a Foliada da Fonsagrada, na de Festivais. Unha gala dirixida e presentada polo dúo Vaguedades, que forman os actores Isabel Risco e Fran Rei, inspirada no mundo do viño e que se puido seguir a través da web dos premios.

Os primeiros catro premios da noite foron entregados polo xornalista musical portugués Filipe Marta e recaíron en Arrhythmia, na categoría de Metal e heavy, Su Garrido Pombo, na de Canción de Autora, Udra, en Blues, Funk e Soul, e Terrae, no apartado de Electrónica. O seguinte bloque de galardoados protagonizárono un dos músicos piares do folk galego como é Quico Comesaña + Grupo, na categoría de Folk, a formación Ailá xordida hai uns anos das foliadas do local compostelán Casa das Crechas, no apartado de Tradicional; Ton Risco e Marcos Teira en Músicas do Mundo e Mestizaxe co seu proxecto de vibráfono e guitarra, e a Banda Cultural de Salceda, na categoría de Bandas de Música Popular.

Os seguintes en pasar polo escenario a recoller o seu melómano (estatuíña dos Premios Martín Códax realizada polo escultor Victor Lorenzo) foron a banda coruñesa Moura co seu rock progresivo e psicodelia, na categoría de Rock e punk; a artista residente en Madrid, Sila Lua, na de Músicas Urbanas; a Orquestra La Oca Band, de Vilalonga (Sanxenxo) na de Orquestras, Grupos e Música de Verbena, e o percusionista e artista sonoro Mario G. Cortizo, na de Música Clásica e Contemporánea. Pouco despois subían a recoller galardón David Regueiro Trio Ft. Alexandre Cavaliere, en Jazz e Músicas Improvisadas, a banda de Noia Momboi, na categoría de Pop e indie, e Pillaband, no apartado de Música Infantil.

Na categoría de Artista Emerxente, cuxa votación estivo tamén aberta ao público -no resto das categorías son as socias e socios de Músicas ao Vivo as que votan os proxectos finalistas escollidos polo xurado profesional- ata o pasado domingo 4 de xuño, o galardoado foi Sergio de Miguel. O pianista e compositor de Vigo, formado en Berklee e radicado en Estados Unidos aos seus 21 anos, está colleitando outros importantes recoñecementos este ano como o da publicación especializada en jazz Downbeat Magazine. Como compositor, fusiona as súas raices galegas co jazz e as influencias latinas. O pasado ano tamén foi un dos gañadores do concurso Yamaha Young Performing Artists, que recoñece nos Estados Unidos aos mellores músicos novos de clásica, jazz e contemporánea.

A entrega dos Premios Organistrum a Salas, Festivais e Proxectos de Comunicación contou coa participación da representación institucional na gala con Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, e Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia. Tamen participou neste bloque de premios a directora do festival de Tui IKFEM e profesora do Conservatorio Superior de Vigo, Andrea González, que entregou o melómano na categoría de salas á Sala Rebullón, de Mos. Na categoría de festivais a galardoada foi a Foliada da Fonsagrada, e na de proxectos de comunicación, Galiciantunes, plataforma e marca depromoción internacional da música galega, ideada como ferramenta conxunta das institucións, empresas e asociaciones profesionales do sector, promovida por Agadic-Xunta de Galicia.

Luz Casal, honorífico 2023

Na recta final da gala, a xunta directiva de Músicas ao Vivo tomou a palabra para animar a músicas e músicos do país a loitar de maneira colectiva pola dignificación e profesionalización da súa actividade e convidalos a asociarse a Músicas ao Vivo. “É necesario fortalecer a contratación de proxectos galegos nas programacións culturais. Hai que poñer o talento galego no centro. Os Premios Marín Códax son clara mostra de que potencial non falta”, afirmaron no seu discurso.Máis de catrocentos trinta proxectos presentáronse aos premios nesta súa décima edición, o que xa consagra ao certame como unha cita anual ineludible da cultura galega.

Palabras que precederon á entrega do galardón honorífico 2023 a Luz Casal, unha das voces máis valoradas neste século na escena europea, e que subiu ao escenario a recollelo como colofón á gala. Recibiuno da man de Sheila Patricia, presidenta de Músicas ao Vivo, e de Xoán Antonio Allegue López, presidente das Bodegas Martín Códax. A directiva de Músicas ao Vivo quixo recoñecer “a riqueza, delicadeza e inconformismo como intérprete e compositora” que caracterizan a traxectoria da artista nacida en Andabao, Boimorto, en 1958. Desde Músicas ao Vivo, destacaron non só o seu éxito en relación ao público que a segue desde hai décadas senón tamén “unha maneira de construír a súa carreira que é un paradigma para a comunidade artística”. Luz Casal está vivindo un ano pleno para a súa carreira, cunha xira de concertos esgotados en España e Francia, e con novo disco: “Las ventanas de mi alma”.

Os Premios Martín Códax da Música están organizados por Músicas ao Vivo, co patrocinio e apoio das Bodegas Martín Códax, Concello de Pontevedra, Axencia Galega das Industrias Culturais -Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra.

PROXECTOS GALARDOADOS 10º PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA

Metal e heavy: Arrhythmia

Canción de autor/a: Su Garrido Pombo

Blues, Funk e Soul: Udra

Electrónica: Terrae

Folk: Quico Comesaña + Grupo

Música Tradicional: Ailá

Músicas do Mundo e Mestizaxe: Ton Risco e Marcos Teira

Bandas de Música Popular: Banda de Música Cultural de Salceda

Rock e punk: Moura

Músicas urbanas: Sila Lua

Orquestras, Grupos e Música de Verbena: Orquestra La Oca Band

Música Clásica e Contemporánea: Mario G. Cortizo

Jazz e Músicas Improvisadas: David Regueiro Trio Ft. Alexandre Cavaliere

Pop e indie: Momboi

Música Infantil: Pillaband

Artista Emerxente:

Sergio de Miguel

Premios Organistrum:

Salas: Sala Rebullón

Proxectos de Comunicación e Difusión: Galiciantunes

Festivais: Foliada da Fonsagrada

Honorífico 2023: Luz Casal

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.