fbpx
CompostelaCulturaNovas

Vite, un barrio para descubrir coas ficcións sonoras de Chévere

O Grupo Chévere vén de iniciar o proceso de creación de Dramawalker Vite, un proxecto de mediación e creación escénica sobre a memoria do barrio de Vite feito en coprodución co Centro Dramático Nacional e o Centro Dramático Galego.

Dramawalker é un proxecto do Centro Dramático Nacional desenvolvido en colaboración con outros teatros e compañías nacionais e internacionais baseado en ficcións sonoras xeolocalizadas, para seren escoitadas dando un paseo. Trátase de saír dos teatros á procura da memoria urbana das nosas cidades e comunidades de proximidade. Esta experiencia toma como punto de orixe as artes escénicas, a pegada do teatro radiofónico e o teatro comunitario para explorar as posibilidades das narrativas espaciais ou artes locativas, todas aquelas prácticas nas que o relato se constrrúe en relación a lugares polos que temos que transitar para poder acceder ás distintas partes da historia.

Para desenvolver este proxecto recolleranse historias contadas pola veciñanza de distintos barrios en diversas cidades, no caso de Santiago o barrio de Vite. Máis alá da historia oficial do barrio, Dramawalker pretende construír unha intrahistoria a partir dos testemuños da poboación, potenciando o seu vínculo emotivo e identitario e achegando ao resto da cidadanía a un novo mapa de vivencias por descubrir. Para iso, traballarase en colaboración cos axentes máis activos e implicados coa propia comunidade do barrio, aos que se lles pedirá que guíen as compañías participantes na procura de historias.

O resultado final será unha serie de ficcións sonoras elaboradas a partir dos relatos recollidos no barrio, que se elaborarán coa participación de escritores, escritoras, actores e actrices locais. Estas historias ficcionadas poderanse escoitar logo nos lugares onde realmente ocorreron, utilizando unha aplicación para móbil que sitúa cada relato e percorrido nun mapa virtual do barrio.

O reverso da cidade turística

Desde a década de 1950 o turismo ligado ao mito xacobeo condicionou a planificación e desenvolvemento urbano de Santiago de Compostela. Provocou cambios de uso radicais en edificios históricos, obrigou a abrir novas vías de acceso directo ata a catedral que eliminaron os camiños tradicionais de conexión da cidade histórica coa periferia, e afastou a urbanización do norte da cidade coa instalación dun albergue de peregrinos temporal para o ano santo de 1965, o Burgo das Nacións, cuxos barracóns funcionaron como residencia de estudantes durante case tres décadas.

Pero Santiago de Compostela non é só a súa cidade histórica. Quen teña a curiosidade necesaria para ir máis alá dos fitos sinalados nas guías turísticas ten que nos acompañar para descubrir un dos seus barrios máis populares: Vite, sen o que non se podería contar completa a historia da cidade dos últimos 50 anos. Un barrio que é o reverso da cidade turística e representa a vertente máis social do planeamento urbano, que enfronta e conecta o desarrollismo franquista coa Transición, que integra comunidades diversas, que acolle un orgulloso tecido social e comunitario, que sabe o que significa ter que loitar para conseguir infraestruturas básicas e mellorar a vida da súa veciñanza, que leva marcada na pel a pegada das drogas e que inventou aquel berro de autodeterminación que marcaba a diferencia na cidade a comezos dos noventa: Vite Nazón!

O Dramawalker Vite propón un paseo audioguiado desde o corazón da cidade histórica ao barrio de Vite para mergullarse nos relatos que retratan a súa memoria urbana. Este proxecto faise coa colaboración da veciñanza e Vite e do seu tecido asociativo: Coordinadora do Barrio de Vite, Plan Sociocomunitario de Vite, Centro Socio Cultural José Saramago, etc.