Tres anos de Feirarrúa: arte, gastronomía, comercio local e cultura de barrio na Coruña
Por Rebeca Munín

Feirarrúa, o mercado de rúa que se celebra o primeiro sábado de cada mes no Soho Orzán da Coruña, festexou o pasado 8 de novembro o seu terceiro aniversario. O que comezou en 2022 como unha iniciativa para impulsar a vida de barrio converteuse, tres anos despois, nun espazo de encontro que combina arte, cultura, gastronomía e convivencia veciñal.
Ao longo deste trienio, Feirarrúa logrou consolidarse como unha proposta sólida e diferenciada dentro do panorama urbano coruñés. O seu crecemento sostido e a resposta do público demostraron que a colaboración entre comercios, hostalería e servizos pode transformar a identidade dunha zona e proxectala como referente de creatividade e dinamismo. O aniversario non só celebrou a súa continuidade, senón a madurez dun modelo que aposta pola cultura de proximidade, a participación cidadá e a revitalización do espazo público nunha das áreas peonís con máis personalidade da cidade.
Gastronomía, arte e familia
Esta edición especial do Feirarrúa- Gastro&Arte, organizada pola Asociación Soho Orzán co apoio do Concello da Coruña, incluíu a celebración do II Concurso de Petiscos, que ofreceu unha oportunidade para que a hostalería local mostrase a súa creatividade culinaria. Novas receitas, sabores e presentacións fixeron as delicias de visitantes que gozaron dun percorrido gastronómico tan variado como innovador.
En paralelo, o Mercado de Arte volveu converterse nun dos espazos máis concorridos. Artistas locais, creadoras e produtores deron vida a un escaparate que permitiu dar visibilidade ao talento de proximidade e reforzar o vínculo entre cultura e comercio. Participaron nesta ocasión Dime Plaga, Gisela Galván, Moai Diseño, Begoña Pastoriza, Cris Alborja, Antón López Bazarra, Mhaseba, Xulia Weinberg, Estefanía e Miriam Domínguez Cagigao e Cándida Malicia.
As actividades infantís, pola súa banda, engadiron un compoñente inclusivo e familiar que afianzou a participación veciñal. Talleres, xogos e propostas creativas ofreceron unha contorna segura e estimulante para os máis pequenos, facendo de Feirarrúa un punto de encontro interxeracional.
Os establecementos participantes destacaron a importancia de iniciativas como Feirarrúa para xerar movemento, visibilidade e novas oportunidades de conexión coa veciñanza e as persoas que o visitan. Este evento non só dinamiza as súas rúas, senón que contribúe a fortalecer unha identidade urbana baseada na proximidade, a cultura e a vida en comunidade. Porque así é o Soho Orzán: un barrio que aposta pola colaboración, a creatividade e un modelo de cidade a escala humana.
O mercado de rúa, que se celebra o primeiro sábado de cada mes na zona do Soho Orzán, consolídase como un motor que contribúe de forma directa á identidade urbana da cidade

A Espiga e Pistachio Pastel, gañadores do II Concurso de Petiscos
A II edición do Concurso de Petiscos do Feirarrúa Soho Orzán permitiunos gozar de dúas rutas, unha doce e outra salgada, na que os establecementos participantes ofrecían as súas creacións a un prezo único de 3,50 euros.
Un xurado formado por Diana Sobral Cabanas, concelleira de Emprego, Comercio e Mercados do Concello da Coruña; Pablo Gago, gañador da I edición do concurso; Borja López Cotelo, representante da Asociación Soho Orzán; Antía Yuste, profesora de cociña e gastronomía do CIFP Paseo das Pontes; e Carlota Fariña, xornalista e creadora de contido gastronómico, foi o encargado de elixir os petiscos gañadores. A Espiga, co seu ‘Esmagao de orella de porco crocante, queixo afumado, berza frita e chimichurri picantón’, gañou o premio na ruta salgada, na que tamén concursaron Yebra, Pablo Gallego, Toloache, A Chousa d’Abaixo, Ártabro Brioche e A Empanadería. Por outro lado, Pistachio Pastel venceu na categoría doce co seu ‘Macaron de pistacho e framboesa’ fronte a Dulces Sueños, Pan e Canela, O Pettit e Praliné.

A Espiga
Koke Trigo, chef do restaurante coruñés A Espiga, apostou para este concurso por un petisco no que primaba o produto de proximidade e de temporada. “Estamos na época de cocidos, un prato que me gusta moito, e apetecíame levalo a un bocado”, explica. Ademais, o seu ‘Esmagao de orella de porco crocante, queixo afumado, berza frita e chimichurri picantón’ representa á perfección o estilo culinario do seu local, un espazo no que se dan a man tradición e innovación. “Buscamos darlle un pouco unha volta á nosa cociña de sempre, con produto de calidade pero sen que falte ese punto divertido”, asegura.
Para Koke a experiencia no Feirarrúa Soho Orzán foi moi positiva, sobre todo para achegarse aos compañeiros e compañeiras da zona e para dar visibilidade ao seu xeito de cociñar, “nun momento no que este concepto de petiscos e de volver ao bar de sempre, máis informal, está moi ao día”.

Pistachio Pastel
Nohe Cerrato abriu as portas de Pistachio Pastel hai case dous anos en Culleredo. Hondureña de nacemento, mudouse a España hai máis dunha década e tras un período dedicado á súa maternidade, decidiu probar sorte no mundo da pastelería. Diplomada en Artes Culinarias en Costa Rica e con varias formacións relacionadas co sector ás súas costas, chegou o día no que se aventurou a poñer en marcha o seu propio negocio.
A súa liña de produtos baséase en catro especialidades: as tartas, os entremets, as cookies e os macarons. E precisamente cunha creación destes últimos foi coa que se alzou como gañadora do II Concurso de Petiscos do Feirrarúa Soho Orzán na categoría doce. “É algo diferente e moi visual, chama a atención. E ademais, está moi bo! A súa gracia está no recheo dobre. Dá moito xogo para ofrecer diferentes texturas, sabores... Para o certame escollín un macaron que teño en carta e triunfa moito, de pistacho e framboesa, pero dándolle un xiro diferente co crocante”, explica. Para ela foi unha sorpresa a vitoria, nun evento que ao que lle gustou moito ir: “A experiencia foi moi boa, tiven contacto con moita xente. Quédome co compañeirismo tan bonito que tivemos entre as participantes, sen ningún tipo de competitividade”.

