A CoruñaCulturaNovas

Todo listo na Coruña para que arranque Noites do Porto, a gran cita coa música en directo da cidade

Foto: Andrea Sánchez

Noites do Porto amplía o seu horizonte musical e presenta a súa programación máis ambiciosa e colaborativa ata a data. O broche de ouro chegará da man dun novo cabeza de cartel: o británico Bernard Butler, fundador de Suede xunto con Brett Anderson. Completan o cartel da cuarta edición La Toñi, LaBlackie e Néstor Pardo, así como cinco DJ internacionais (Jay.C, Joey ‘The Tornado’ Hill, Marcus Harris, Melanie Xulu e Jeff Higgins) que ofrecerán diferentes sesións enmarcadas na nova cápsula ‘Noites nos Bares’, acompañados de selectores galegos. O evento, presentado na Mar Salgada, tamén inclúe neste 2024 dous novos eixos programáticos vinculados á promoción do talento local e á difusión audiovisual, grazas ás colaboracións que se establecen, por primeira vez, con Coruña Gráfica e Cormorán Film Fest.

Noites do Porto, que se celebrará do 23 ao 29 de setembro na Coruña, confírmase como a gran cita coa música en directo da cidade: o festival ofrecerá un completo circuíto de actuacións a través de 8 xornadas de directos e dj set nas salas de concertos, locais de hostalería e terreos portuarios. 25 bandas e solistas formarán parte do ‘line up’ de Noites: grandes nomes da escena actual, tanto en gran formato como con propostas máis íntimas e delicatessen, estarán presentes na súa programación, ecléctica en canto a estilos e dirixida a todos os públicos, e que destaca por ofrecer, desde a súa primeira edición, experiencias musicais exclusivas,, unha aposta da promotora MASGALICIA que se consolidou co paso das edicións, ata chegar á actual. “Esta é a edición máis ambiciosa e expansiva de Noites do Porto, un festival que sempre buscou sumar e nutrir á cidade, establecer lazos con sectores como as salas de concertos e a hostalería, e favorecer o fortalecemento do tecido cultural”, explica Héctor César, director de Noites do Porto. “Este 2024 crecemos en número de artistas, xornadas e espazos, achegámonos a outras disciplinas, e todo iso sen perder un chisco de nivel artístico e mirando tamén ao ámbito local”, destaca o programador, que tamén apunta á presenza de artistas femininas no cartel, “un compromiso sobre o que seguiremos avanzando en futuras edicións”.

Artes plásticas e cine

Outra das novidades desta edición é a colaboración de Noites do Porto con Coruña Gráfica. Desde esta edición, o festival propoñerá, cada ano, que una ou un artista local sexa a persoa encargada de reinterpretar, con liberdade absoluta, o cartel oficial do festival. Da obra resultante crearanse 10 únicas pezas asinadas polo autor, que nesta primeira ocasión será Álvaro Dorda (1971), ilustrador e figura coñecida da escena musical coruñesa. Manel Cráneo, o responsable da plataforma Coruña Gráfica, celebra esta primeira aproximación, “que potencia a creación local”, a través da interpretación dun elemento primordial, como é o cartel do festival, por parte dun artista coruñés que, ademais, está especialmente vinculado á música. “É un bo punto de partida para comezar unha relación que, esperamos, perdure e creza en próximas edicións”, apunta.

Noites do Porto recupera ademais os vínculos co mundo audiovisual (tras a proxección, en 2021, de imaxes históricas da Coruña cedidas pola Filmoteca de Galicia) e prepara, da man de Cormorán Cinema -asociación organizadora do festival independente Comorán Film Fest-, a estrea en Galicia, en pantalla grande, de ‘Blur: to the End’, documental sobre a banda británica liderada por Damon Albarn. A cita terá lugar no mes de outubro nos Cantóns Cinemas da Coruña e esta cooperación con Noites do Porto tamén sumará contidos musicais á próxima edición do evento cinematográfico.

Programación

Noites do Porto 2024 arrincará o sábado 7 de setembro co Concerto de Presentación, que estará protagonizado por toda unha lenda do rock alternativo dos 90: Mudhoney. O único concerto en Galicia dunha das bandas máis importantes do desenvolvemento da escena grunge -coñecida, ademais, por ser unha das formacións preferidas de Kurt Cobain- terá lugar na sala Inn Club; e os de Seattle estarán acompañados polo cuarteto donostiarra Thee Eliam, que exercerá de teloneiro. As entradas para asistir á presentacion de Plastic Eternity, o novo disco de Mudhoney, están esgotadas.

O luns 23 o festival iniciará a súa actividade no Jazz Filloa coas dúas primeiras noites da cápsula ‘Noites de Flamenco e Jazz’, que esgotou as entradas dispoñibles para os dous pases de cada xornada. A apertura supoñerá a estrea en España do dúo conformado pola arpista ucraína Alina Bzhezhinska e o saxofonista británico Tony Kofi. Ambos presentarán o seu novo disco Altera Vita. Ao día seguinte, o martes 24, será a quenda de Rocío Luna, considerada pola crítica como a “nova perla do flamenco”.

O mércores 25 a acción trasladarase ao Garufa Club, tamén durante dúas noites seguidas. Aínda que na primeira o blues, rockabilly e rock americano vintage asolagarán a sala coas guitarras de La Perra Blanco e Néstor Pardo -as últimas entradas dispoñibles pódense adquirir en Ataquilla e Ticketmaster- na noite do xoves 26 o rock da banda do momento, Alcalá Norte, entoará co público o seu himno La vida cañón. As entradas para esta cita, que se abrirá co punk de La Toñi, están esgotadas desde hai semanas.

Outro dos momentos vitais de Noites do Porto chegará o venres 27 ao Inn Club. A banda galega Bala presentará por primeira vez na Coruña o seu último disco, Besta. A cantante Anxela Baltar lembra que o próximo 19 de setembro celebrarase Warm Up Bala x NDP, un evento especial que acollerá Garra Espacio Creativo (Orzán, 155). Durante o mesmo, o público poderá adquirir o seu disco asinado por Anxela e Violeta -responsables da selección musical da xornada- así como unha entrada conmemorativa física do seu directo en Noites, deseñada especificamente para a ocasión.

Na mesma noite do día 27 e do 28 de setembro, Noites do Porto regresará á súa localización orixinal, o peirao de Batería. O venres, o rapero malagueño Daniel Martínez de la Ossa, coñecido como Delaossa, e que suma máis de 2 millóns de oíntes en Spotify, estrearase na Coruña. O ambiente caldearao a rapera LaBlackie, chamada a revolucionar a escena urbana nacional dos próximos anos.

Na noite do sábado 28, un tándem galego brillará no escenario do porto. Baiuca estreará na Coruña o seu terceiro LP e Carlos Pereiro, Carlangas, presentará o seu segundo álbum en solitario, Bailódromo Vol. 1, acompañado polos Cubalibres. Ambos os artistas acaban de selar esta mesma semana a súa colaboración a través do single MonteViso, un tema que, tras a súa estrea en plataformas, poderase escoitar en directo no peirao de Batería. O broche de ouro musical chegará o domingo 29 co directo que Bernad Butler ofrecerá na Noite de Clausura, para presentar o seu novo álbum Good Grief, antes de dar paso ao peche co set de Jeff Higgins e DJ Peligro na mesma Mardi Gras como parte da súa Festa de Despedida. Toda a información sobre horarios e entradas pódese consultar en www.noitesdoporto.com

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.